Os habitantes do rural de Galicia están afrontando a crise polo coronavirus "con preocupación, pero sen histeria", segundo o secretario xeral de Unións Agrarias (UUAA), Roberto García. A responsable do Sindicato Labrego Galego (SLG), Isabel Vilalba, cre que a ausencia de aglomeracións e a produción de alimentos do campo fai que esta contorna ofreza "máis garantías" en situacións coma a presente, co estado de alarma a piques de ser declarado.
A ausencia de aglomeracións fai que esta contorna ofreza "máis garantías" en situacións coma a actual
As preocupacións nestas zonas céntranse no coidado dos animais en caso de que haxa corentenas ou problemas co abastecemento de pensos e no avellentamento da poboación, posto que os maiores son un dos grupos que presenta máis risco en caso de contaxio.
García indicou que, polo momento, non houbo nin problemas de abastecemento nin cambios na produción. "Eses problemas van parellos ao grao de histeria", reflexionou e considerou que o sistema "funciona de forma correcta" pero non está preparado para "vender en dúas horas o de unha semana". "Non se agota o polo, hai polo suficiente", dixo e sinalou que "hai un problema de abastecemento o tempo que se tarda en reabastecer".
As características das explotacións, xestionadas a miúdo por unha familia, poden facer que todos os membros estean en corentena ao tempo e imposibilitar o coidado dos animais
No caso dos habitantes das vilas máis pequenas e as aldeas, non hai problemas respecto á comida das persoas porque "quen máis, quen menos ten sistema de alimentación propio" coas hortas ou cos animais. Considera que si son "un elemento importante" as complicacións derivadas dun contaxio dun membro dunha explotación gandeira. O habitual é que toda unha familia se dedique ás tarefas da granxa, polo que podería significar que o núcleo completo se tería que poñer en corentena e niguén podería atender o gando.
Os produtores seguen coas súas tarefas cotiás e non hai preocupación por que escaseen os alimentos para as persoas
Vilalba tamén puxo o foco na maior tranquilidade coa que se está a vivir a situación no rural e situou as preocupacións na alimentación dos animais no caso de que as restriccións para controlar o virus leven a un menor suministro de pensos. Nese sentido, propuxo "potenciar as forraxes ao máximo" para gañar en autonomía.
"A xente productora segue co seu día a día", destacou. Tamén cre que provoca inquedanza a gran cantidade de persoas maiores, "máis vulnerables" ante a enfermidade que provoca o coronavirus e "que a sanidade pública teña os recursos" necesarios. En moitos hospitais comarcais, dixo, non hai UCI.