O estado de alarma permite limitar temporalmente a circulación de persoas pero non afecta aos dereitos fundamentais da cidadanía
O Goberno central declarará o estado de alarma para loitar contra o coronavirus, unha fórmula prevista no artigo 116 da Constitución para facer fronte a situacións excepcionais, como “epidemias e situacións de contaminación graves” e cando as circunstancias fagan imposible manter a normalidade mediante os poderes ordinarios. A medida será aprobada por decreto polo Consello de Ministros que se reunirá este sábado, segundo vén de anunciar Pedro Sánchez, e ten unha duración limitada a 15 días.
De prorrogarse máis aló, si debería ser aprobada polo Congreso, ao que en todo caso ten que dar conta. O líder do PP, Pablo Casado, ofreceu xa, malia acusar ao executivo de "neglixencias", a colaboración do seu partido para a aprobación desta prórroga se fose necesaria. Casado critica, en concreto, a autorización das manifestacións do pasado 8M e pídelle ao Executivo que actúe "sen determinación". Aquí, o que di a Lei Orgánica 4/1981, dos estados de alarma, excepción e sitio que desenvolve o precepto constitucional.
O estado de alarma permite limitar temporalmente a circulación de persoas "en horas e lugares determinados ou condicionalas ao cumprimento de certos requisitos", pero non afecta aos dereitos fundamentais da cidadanía. Ademais, permite a suspensión da convocatoria de eleccións, o que facilitaría o aprazamento dos comicios galegos do 5 de abril. Así mesmo, o estado de alarma habilita ao Goberno para das as ordes necesarias para asegurar o abastecemento dos mercados.
Ademais, permite a suspensión da convocatoria de eleccións, o que facilitaría o aprazamento dos comicios galegos do 5 de abril
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, subliñou que o obxectivo é “mobilizar todos os recursos do conxunto do Estado para protexer mellor a saúde dos cidadáns, recursos económicos e recursos sanitarios, tanto públicos como privados”. Búscase "a protección de todas as persoas, en especial das máis vulnerables, e tamén para facer fronte á emerxencia social e económica coa máxima axilidade e contundencia”, detallou.
Sánchez sinalou que “estamos só na primeira fase dun combate contra o virus que libran todos os países do mundo, en particular os de Europa” e afirmou que “nos esperan semanas moi duras”. “Dixemos que virían día difíciles e tomamos medidas á altura desa dificultade”, dixo, apuntando que a vindeira semana se poden chegar aos máis de dez mil afectados polo virus.
O presidente do Goberno lembrou que todos os esforzos buscan atrasar a propagación da enfermidade para permitir que o sistema sanitario poida atender ás persoas que pola súa idade ou doenzas previas sexan máis vulnerables. Nese senso afirmou que “todos temos unha tarefa e unha misión nas vindeiras semanas”, salientando o papel fundamental dos profesionais da saúde que “coa súa entrega e sacrificio nos protexen a todos”, pero tamén do resto da poboación, chamando a atención sobre a necesidade de que mesmo a xente máis nova “limite os contactos sociais”, para así frear a propagación da enfemidade. "O heroísmo consiste tamén en lavar as mans ou en quedar na casa para evitar contaxiar ou ser contaxiado", sinalou. "Tardaremos semanas, será difícil, pero imos parar o virus, iso é seguro. Con unidade e responsabilidade", concluíu.
A medida só se tomou unha vez con anterioridade, durante a folga de controladores aéreos que tivo lugar no ano 2010 [aquí podes ver aquel decreto], cando a súa aplicación restrinxiuse ás torres e centros de control aéreo e a autoridade sobre eses espazos foi entregada polo Goberno central ao Exército do Aire.
Máis de 4.000 casos en toda España
Nas últimas horas o Goberno vasco decretou o estado de "alerta ou emerxencia sanitaria" en Euskadi, unha medida que permitirá a partir deste sábado a adopción de medidas excepcionais como o confinamento de persoas nos seus domicilios. Tamén Madrid, o territorio máis afectado pola epidemia, con máis da metade dos positivos e as mortes, decidiu adoptar medidas máis firmes, que afectan ao peche de todos os negocios de hostalaría na comunidade a partir deste sábado. De igual xeito, Murcia decidiu o confinamento das persoas residentes nas súas zonas turísticas, por mor da chegada masiva de persoas procedentes de Madrid, ignorando as recomendacións das autoridades sanitarias.
O número total de persoas infectadas polo Covid-19 supera xa as catro mil persoas en toda España, das que máis de dúas mil corresponden á Comunidade de Madrid. Euskadi ten máis de 400 casos e Cataluña máis de 300.