O Consello de Ministros aprobou este xoves en sesión extraordinaria -e condicionada pola corentena de dous dos seus membros, Irene Montero e Pablo Iglesias, e a realización de probas a todos os demais- un novo paquete de medidas para facer fronte ao coronavirus, fundamentalmente no que atinxe ao seus efectos nos servizos sanitarios. Tamén na súa derivada económica nunha xornada na que o Ibex-35 finalizou cunha caída superior ao 14%, a maior da súa historia. Todo, no medio dunha reiterada chamada á "responsabilidade" e á "disciplina social" da cidadanía para frear os contaxios.
O Consello reserva 1.000 millóns do fondo de imprevistos para atender "gastos extraordinarios" polo virus e advirte de que, se é preciso, fixará "prezos máximos" para medicamentos e material sanitario
En comparecencia de prensa sen xornalistas na sala -formularon as preguntas a través dos seus teléfonos móbiles-, Pedro Sánchez avanzou que o novo paquete de medidas inclúe adiantar o ingreso ás comunidades autónomas dun montante total de 2.800 millóns de euros do sistema de financiamento autonómico para "reforzar a capacidade de resposta" de cadanseus sistemas de saúde. Trátase, abonda, de que servizos como o Sergas poidan "facer fronte a necesidades inmediatas" derivadas da atención ao coronavirus. Estes fondos terían que chegar durante o resto do ano 2020 e adiántase o seu ingreso, non son os que estaban pendentes de 2017, que as autonomías xa orzamentaron en 2019.
Adicionalmente e directamente dende o Estado, o Goberno de España destina 1.000 millóns de euros do fondo de continxencia -partida orzamentaria para imprevistos- do Ministerio de Sanidade para atender os "gastos extraordinarios que se xeren" por mor desta crise. Ao tempo, o Executivo central dotouse a si mesmo de competencias para "garantir o subministro de medicamentos e material sanitario a prezos asequibles", polo que "poderá regular os prezos" destes subministros e "se é necesario", especifica Sánchez, "fixar prezos máximos".
Neste sentido e mentres Sánchez comparecía, a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) divulgou un comunicado no que, como informa eldiario.es, advertiu de que "extrema a vixilancia ante posibles abusos ou prácticas que puidesen entorpecer o fornecemento ou producir encarecemento dos produtos necesarios para a protección da saúde ante esta emerxencia sanitaria". Realiza, ademais, un "chamamento á poboación para que colabore na detección de prácticas anticompetitivas"
Medidas económicas e sociais
Xunto ás medidas en materia económica, como o fraccionamento e adiamento por seis meses das débedas tributarias coa Admininistración para persoas autónomas e pequenas empresas ou unha liña de crédito de 400 millóns de euros para compañías do sector turístico, o propio Consello aumentou tamén a dotación de partidas sociais. Concretamente, especificou Sánchez, para reforzar a "atención social ás familias" que se vexan afectadas polas medidas para conter a epidemia.
Pedro Sánchez: "Trátase de coidarse para coidar aos demais, especialmente ás persoas máis vulnerables"
Nesta liña Sánchez confirma a aprobación dunha dotación extraordinaria de 25 millóns de euros destinada a "reforzar os servizos sociais" das comunidades autónomas para "loitar contra a pobreza infantil", informa Marta Borraz. O obxectivo é, entre outras cousas, "flexibilizar a obtención das bolsas de comedor" para que aquelas familias que xa as tivesen concedidas, poidan cobralas mesmo cos centros educativos pechados. Ese cesamento da actividade académica, xa decidido en Galicia, é recomendado para o conxunto do Estado.
Alén das medidas concretas, Pedro Sánchez reiterou en varios puntos da súa intervención o chamamento á "responsabilidade e á disciplina social", no marco de medidas xa recomendadas como limitar os desprazamentos ao mínimo imprescindible. "Trátase de coidarse para coidar os demais" e de evitar, mediante as restricións de contactos sociais mentres dure a crise, os contaxios "especialmente ás persoas máis vulnerables", como poboación de avanzada idade ou con doenzas que poden verse agravadas polo virus.