O segundo Consello de Ministros ordinario do Goberno de España da coalición do PSOE e Unidas Podemos aprobou este martes as entregas a conta ás comunidades autónomas para 2020. Isto é, activou a transferencia dos fondos que cada mes perciben as autonomías polos impostos estatais dos que perciben unha parte, tales como o IRPF ou o IVE, entre outros. Son 103.000 millóns de euros dos que 7.372,77 corresponden a Galicia, un 3,9% do previsto inicialmente hai un ano, cando foran 276,08 millóns menos.
O Consello de Ministros aprobou 7.372 millóns que corresponden a Galicia polo financiamento autonómico de 2020 e deixa no aire se chegará a abonar os 198 non ingresados por mor dos cambios introducidos no IVE polo Goberno do PP en 2017
Esta aprobación prodúcese sen aclarar, non obstante, se finalmente os gobernos autonómicos chegarán a cobrar a débeda xerada pola reforma do IVE aprobada polo Goberno de Rajoy en 2017. No caso galego son 198 millóns de euros que a Xunta incluíu nos seus Orzamentos como previsión de ingresos.
A finais de 2017 entrou en vigor a reforma da xestión do IVE que aprobara o Executivo do PP con Cristóbal Montoro como ministro de Facenda. Entre as consecuencias do cambio de sistema estaba que o recadado por IVE en decembro de 2017 non computase nas arcas estatais ata xaneiro de 2018 e por iso Galicia, como o resto de autonomías, ingresou aquel ano so 11 meses da súa parte do IVE -a metade vai para o Estado e o outro 50%, para a autonomía-. Os cartos pendentes supuñan eses case 200 millóns que seguen no aire.
Apenas dous meses despois da moción de censura que desbancou a Rajoy a nova ministra de Facenda, a socialista María Jesús Montero, asegurou nunha xuntanza co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que o MInisterio xa estaba a traballar nunha "proposta" para que "as comunidades recuperasen" eses cartos. Os mesmos que, segundo o PP galego, Pedro Sánchez "quitara aos galegos" para "dárllelos aos independentistas cataláns", teorizara o secretario xeral dos conservadores, Miguel Tellado.
Cando, o pasado outubro, o Goberno en funcións aprobou os cartos pendentes polas entregas a conta de 2019 -uns 300 millóns para Galicia-, o IVE pendente de 2017 seguía no aire. E este martes, tras a aprobación das de 2020, a propia Montero respondeu a prensa en termos que convidan a pensar que eses ingresos non chegará, toda vez que ligou a eventual compensación aos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, cuxo rexeitamento no Congreso propiciou as eleccións xerais de abril do pasado ano.
A ministra Montero argumenta que incluíra a compensación por ese "dano" de 2017 nos Orzamentos de 2019 que foron rexeitados no Congreso e por iso "non a puidemos atender"
A compensación que ela mesma anunciara, dixo, "correspondía ao ano 2019", porque o sistema de financiamento autonómico, -caducado dende 2014-, prevé que esas liquidacións se realicen "dous anos máis tarde do exercicio no que se produce", constata. Por iso, agregou, segundo recolle La Vanguardia, "o dano de 2017 tíñase que reparar en 2019", que foron rexeitados polo Congreso e "por iso non a puidemos atender", xustifica, tras lembrar que ese era o motivo polo que aquelas contas contemplaban 13 meses de IVE.
Neste sentido, e preguntada especificamente polas reiteradas reclamacións de Feijóo ao respecto, a tamén voceira do Goberno de España coida que chama "a atención" que o titular da Xunta "pida o que negou co voto contrario do seu partido", en referencia aos Orzamentos estatais de 2019. En calquera caso, agrega, as "cuestións de interese" relativas a Galicia serán tratadas na xuntanza que Pedro Sánchez manterá con Feijóo na rolda coas presidencias autonómicas que vén de anunciar.
Resta saber, non obstante, se o Executivo de socialistas e UP contemplará outra vía de pagamento para compensar os devanditos 198 millóns. Nunha primeira reacción, o PP galego afirmou que este é un "ataque ao autogoberno e aos servizos públicos".