En xullo de 2017 o Ministerio de Facenda, na altura dirixido polo popular Cristóbal Montoro, puxo en marcha o Subministro Inmediato de Información (SII) para a xestión do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE). O novo sistema, concibido para que a Administración puidese controlar case en tempo real a xestión deste imposto por parte das grandes empresas, trouxo consigo un cambio na regulamentación do ingreso do tributo: o día 30 de cada mes e non o 20, como ata ese momento. Isto implicou que os fondos correspondentes a decembro dese ano non chegasen ás arcas estatais ata xaneiro de 2018. Foi un desfasamento duns poucos días que, ao producirse no cambio de ano, supuxo que a suma total do imposto fose menor á prevista. Esa redución afectou tamén, daquela, ao 50% do IVE que é transferido ás comunidades autónomas, que cada ano ingresan unha parte do recadado dous anos antes.
A reforma da xestión do IVE de 2017 provocou que os ingresos do imposto en decembro dese ano computasen en 2018
No caso galego o desequilibrio pola ausencia dese mes rolda, segundo a Xunta, os 200 millóns de euros nos Orzamentos Xerais de 2019, único ano que está afectado pola mudanza. Este cálculo, así e todo, non foi feito público pola Xunta ata hai apenas unha semana e o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, presentouno como unha aldraxe a Galicia do Goberno de Pedro Sánchez. O país, anunciou, enfrontábase á "peor noticia económica da década" por culpa dunha "decisión" do Executivo socialista, un "trato discriminatorio e inxusto". O seu secretario xeral no PPdeG, Miguel Tellado, foi alén para proclamar que se trataba dun "recorte" a Galicia co que Sánchez ía "pagar favores aos seus socios de moción de censura", un "castigo" consistente en retirar "200 millóns aos galegos" para "que Pedro Sánchez llelos dea aos independentistas cataláns".
Feijóo sinalou o efecto do cambio introducido por Montoro como a "peor noticia económica da década" por culpa do PSOE e o PPdeG especulou con que Sánchez ía "recortar 200 millóns aos galegos para dárllelos aos independentistas cataláns"
Coas espadas dialécticas e o argumentario da aldraxe en todo o alto chegou este xoves a xuntanza prevista entre Feijóo e a nova ministra de Facenda, María Jesús Montero, que como conselleira do mesmo eido na Junta de Andalucía xa pedira a Montoro unha solución para este mesmo problema. Tras unhas dúas horas de xuntanza o presidente galego compareceu ante a prensa en Madrid cunha actitude semellante á amosada tras o seu encontro con Sánchez na Moncloa, que tamén estivera precedido por unha alerta dos populares de ofensa a Galicia, daquela ligada ao AVE. A ministra, admitiu Feijóo, aseguroulle que traballa "nunha solución para que o conxunto de comunidades" poidan recibir en 2019 as doce mensualidades do IVE de 2017. "Quedo con ese compromiso e coa convicción de que así o fará", afirmou.
Facenda afirma que "traballa nunha proposta para que as comunidades recuperen eses recursos" e Feijóo di agora ter a "convicción" de que a ministra "así o fará"
Pola banda do Goberno de España a versión concorda. Montero, di o Ministerio nun comunicado, trasmitiu a Feijóo que "lamenta esta situación, que prexudica a todas as comunidades autónomas" e está a "explorar unha solución dialogada e multilateral". "De feito -agrega- o Ministerio vén traballando dende o cambio de Goberno nunha proposta que permita ás comunidades autónomas recuperar eses recursos" e neste momento persoal técnico do departamento "analiza os aspectos xurídicos da medida para reverter o efecto negativo que sobre as finanzas das comunidades terá o vindeiro ano o cambio na xestión do IVE que aprobou o anterior Goberno".
O PSdeG lamenta o "cinismo" de Feijóo
Gonzalo Caballero: "Feijóo tivo que admitir ante a ministra que a situación é consecuencia dos cambios normativos do PP e que o Goberno socialista está a buscar solucións"
Unha vez concluída a xuntanza en Madrid, dende Galicia o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou o "exercicio de cinismo" que, ao seu xuízo, despregaron o presidente da Xunta e outros líderes do PPdeG a respecto dos efectos da forma do IVE aplicada na etapa de Rajoy. "Tivo que admitir ante a ministra de Facenda que a a situación actual é consecuencia dos cambios normativos da etapa do PP" e que o Executivo socialista, subliña, "está á busca de solucións" para "o problema xerado" polos conservadores.
Neste sentido, Caballero coida que Feijóo debera exercer a "lealdade institucional", toda vez que o gabinete de Sánchez "está achegando solucións aos problemas xerados" polo PP. Na mesma liña, nos días previos ao encontro con Montero o delegado do Goberno central en Galicia, Javier Losada, acusou a Xunta de procurar tender unha "cortina de fume cunha situación que eles mesmo xeraron cando gobernaban España" no canto de "aclarar por que renunciaron a dispoñer de 133 millóns de euros máis correspondentes á flexibilización do déficit", medida que o Goberno galego rexeitou por considerar que supuña un convite do PSOE a que Galicia asuma "máis débeda". Tras o encontro Losada celebrou que Feijóo dea en volver "á senda do diálogo".