Podíase en funcións. O Consello de Ministros deu luz verde este 11 de outubro ao Real Decreto-Lei polo que o Goberno de España transferirá ás comunidades autónomas as "entregas a conta" de 2019. Son os fondos que, en virtude do modelo de financiamento autonómico vixente -o mesmo que está caducado dende 2014- as comunidades teñen que recibir no caso de que os fondos que transfire o Estado pola recadación de diversos impostos sexan máis dos previstos.
O que en condicións ordinarias é un mero trámite -aínda que sobre un sistema caducado-, virou neste caso en toda unha pugna política entre o Goberno do PP en Galicia e o Goberno do PSOE en España. O Executivo de Pedro Sánchez mantiña que era imposible aprobar estas entregas mentres estivese en funcións, mentres que a Xunta aseguraba, apoiándose nun informe dos seus servizos xurídicos, que ese pagamento si era posible.
A ministra mantén que agora pode esquivar os "impedimentos legais" porque, ao haber novas eleccións xerais, o pagamento "xa non pode afectar á actuación orzamentaria do Executivo entrante" en 2019
Finalmente e tras a confirmación de que o 10 de novembro volverá haber eleccións xerais, o Goberno de España aprobaba este venres para liberar os fondos que, no caso galego, ascenden a 334,02 millóns de euros. Pode facelo tras esquivar "impedimentos legais" que atopou, di a ministra de Facenda, María Jesús Montero, xa que "un Goberno en funcións non pode condicionar a actividade orzamentaria do Executivo entrante". Dado que haberá novas xerais, este pagamento "xa non pode afectar á actuación orzamentaria do Executivo entrante" en 2019 e por iso dá luz verde ao pagamento.
Alén da explicación xurídico-política do momento en que Facenda autoriza a transferencia, que a Xunta atribúe a "electoralismo" do PSOE -Sánchez anunciou que o aprobaría durante un mitin de precampaña-, o contencioso segue aberto. Non en van, os devanditos 334 millóns non son a única cantidade pendente.
Galicia aínda debe recibir 200 millóns de euros correspondentes á recadación de IVE do ano 2017, cando entrou en vigor a reforma da xestión deste imposto aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy. Esa entrada en vigor supuxo que a recadación por IVE de decembro de 2017 non computase nas arcas estatais ata xaneiro de 2018 e, por este motivo, Galicia e o resto de autonomías recibiron do Estado once meses do 50% dese tributo, que lles corresponde polo modelo de financiamento, e non os doce que deberían.
Os 200 millóns do IVE débense á aplicación da reforma da xestión deste imposto polo Goberno de Rajoy en 2017; a ministra Montero anunciou en 2018 a procura dunha solución que polo momento non chegou
Pouco despois da chegada de Pedro Sánchez ao Goberno de España o PP galego atribuíu esta retención a un "trato discriminatorio" do PSOE á Xunta, un "recorte a Galicia" co que o líder socialista ía "pagar favores aos seus socios da moción de censura", en verbas do secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado. Segundo o número dous de Feijóo no partido, o "castigo" consistía en retirar "200 millóns aos galegos" e que "Pedro Sánchez llelos dea aos independentistas cataláns".
Á marxe dos argumentarios partidarios, o certo é que a ministra Montero asegurou pouco despois, en agosto de 2018, que estaba a traballar "nunha proposta para que as comunidades recuperen os recursos" perdidos pola reforma de Rajoy Esa solución aínda non chegou e a Xunta encádrao nunha "débeda" global que cifra en 700 millóns: os 334 aprobados este venres, os 200 do IVE e outros 170 correspondentes aos coñecidos como incentivos por "desempeño fiscal", un mecanismo incluído nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 -os últimos do PP, aínda en vigor- para compensar as autonomías que cumprisen os obxectivos fiscais marcados polo Goberno central. Os fondos das entregas a conta e do IVE estaban contemplados nos Orzamentos da Xunta neste 2019, non así os restantes 170.