Un informe da Avogacía do Estado confirma que o Goberno en funcións non pode desbloquear os 700 millóns que reclama Galicia e os populares presentan o documento como “fake” e reclaman ir máis alá e reunir xa o Consello de Política Fiscal e Financeira
Xa non chega con que o Goberno central transfira de xeito inmediato os fondos que debe ás comunidades autónomas (un total de 7.200 millóns, 700 no caso de Galicia), algo que o Executivo di non poder facer en funcións. Este mércores, despois de que o Goberno de Pedro Sánchez airease un informe que encargou á Avogacía do Estado para avalar o seu criterio contrario ao desbloqueo dos fondos, documento cualificado xa polo PP como “fake”, os principais baróns populares, entre eles Feijóo, foron un paso máis alá e de xeito coordinado reclamaron a reunión “inmediata” do Consello de Política Fiscal e Financeira, que reúne ás comunidades co Goberno central para consensuar o financiamento autonómico. A petición do encontro prodúcese tras anos de parálise na reforma do actual modelo por parte dos executivos de Mariano Rajoy.
Desde hai uns meses o Goberno galego está a empregar como principal elemento de crítica contra o Goberno central o atraso na transferencia a Galicia de 700 millóns de euros que recada o Estado pero deben ser destinados ás comunidades. O Executivo de Sánchez viña argumentando que esa transferencia, pendente non só a Galicia senón a todas as comunidades autónomas, non a pode facer un goberno en funcións cuns orzamentos do Estado prorrogados. A Xunta replicou que o Goberno podería desbloquear a situación cun decreto lei que o PP estaría disposto a convalidar posteriormente no Congreso, ao que o Executivo central retrucou que o problema non existiría se a oposición tivese aprobado os orzamentos ou facilitase agora a formación de Goberno.
O Goberno galego aínda insinuou (volveuno facer este mércores) que a falta deses fondos podería poñer en perigo entre outras cuestións as nóminas do funcionariado da Xunta, ao que o PSdeG respondeu censurando que o Goberno galego empregase ese argumento ao tempo que está disposto a gastar 29 millóns de euros “en reformar despachos”, en referencia á remodelación do complexo administrativo central de San Caetano.
A postura do Goberno central contraria ao traspaso deses fondos vén de ser avalada por un informe encargado á Avogacía do Estado, publicado este mércores por El País, que provocou a reacción coordinada dos principais baróns populares, desde Feijóo ata o andaluz Juan Manuel Moreno Bonilla ou a madrilñea Isabel Díaz Ayuso. En todos os casos a petición foi a mesma, a convocatoria “inmediata” ou “urxente” do Consello de Política Fiscal e Financeira para mellorar o financiamento autonómico.
A ministra de Facenda asegura que "busca fórmulas" para desbloquear os cartos e censura que o PP pida falar do financiamento cando "tivo dúas lexislaturas para reformar o modelo, e non o fixo"
Desde o Goberno central a ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, asegurou tamén este mércores que o Executivo "busca fórmulas" para pagar as entregas a conta ás comunidades autónomas e "sortear" o informe da Avogacía do Estado.
Sobre a petición do PP de que se convoque de forma urxente o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para tratar este asunto, Montero reprochou aos populares que pidan a un Goberno en funcións convocar este foro para abordar o financiamento autonómico cando "o PP tivo dúas lexislaturas para reformar o modelo, e non o fixo".
O actual modelo de financiamento autonómico está caducado desde 2014, cando rematou a vixencia quinquenal do último, o impulsado en 2009 por Zapatero e aceptado por un Feijóo acabado de chegar á Xunta
Efectivamente, o actual modelo de financiamento autonómico está caducado desde 2014, cando rematou a vixencia quinquenal do último, o impulsado en 2009 polo daquela presidente do Goberno central José Luis Rodríguez Zapatero e aceptado por un Feijóo acabado de chegar á Xunta co argumento de que se non o facía Galicia quedaría sen os fondos adicionais que achegaba aquel acordo. A lei de financiamento autonómico di que o modelo debe ser revisado cada cinco anos, pero caducado o anterior en 2014 e malia a petición reiterada de Feijóo dun novo modelo que teña en conta a dispersión e o envellecemento de Galicia, o Goberno de Mariano Rajoy non iniciou os traballos para a definición do novo ata comezos de 2017. Aqueles traballos, co argumento de que o conflito catalán non permitía avanzar, nunca remataron.
Que son os cartos
Este mércores a Generalitat aprobou iniciar a vía xudicial para reclamar os cartos e a Xunta di non descartar o mesmo camiño
Os 7.200 millóns que reclaman as comunidades repártense entre uns 4.700 millóns en concepto de entregas a conta que, segundo o sistema de financiamento autonómico, deberían chegar ás autonomías de réxime común (todas menos País Vasco e Navarra). Deben sumarse outros 2.500 millóns, correspondentes á súa participación no IVE que quedaron pendentes do mes de decembro de 2017. No caso de Galicia, os 700 millóns que reclama a Xunta repártense en 330 millóns das entregas a conta, 200 da mensualidade do IVE de 2017 e outros 170 de incentivos ás comunidades cumpridoras co control de gastos.
Segundo o Goberno central, un Goberno en funcións só pode aprobar asuntos de trámite, e entre eles non se atopa liberar unha partida de 4.700 millóns de euros. Pola súa banda, os 2.500 millóns do IVE só poderían ser transferidos a partir da súa inclusión nuns eventuais novos Orzamentos Xerais do Estado (de momento seguen vixentes, prorrogados, os que deseñou o PP en 2018). De momento, este mesmo mércores a Generalitat de Catalunya aprobou iniciar a vía xudicial para reclamar ao Goberno central o pagamento dos 1.317 millóns en que cuantifica a súa débeda, mentres a Xunta di non descartar seguir o mesmo camiño.