Este mércores os presidentes socialistas de Aragón e Andalucía, Javier Lambán e Susana Díaz, mantiveron senllas reunións co titular do Goberno central, Mariano Rajoy, nas que lle reclamaron que avance xa na negociación dun novo modelo de financiamento autonómico sen agardar a que se resolva o conflito catalán. Este xoves o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, foi preguntado por eses encontros e asegurou que a Xunta aposta por unha negociación multilateral para a que dixo que o Goberno galego está a dotarse de aliados, entre eles supostamente Aragón. Ao tempo, Rueda gardou silencio sobre a posibilidade de que a negociación se inicie sen agardar a que remate o conflito catalán, posibilidade que ata hai uns meses era rexeitada expresamente polo presidente Feijóo.
O Goberno galego defende manter unha postura conxunta con comunidades “aliadas” como Aragón, cuxo presidente se reuniu este mércores con Rajoy
A reunión de Lambán con Rajoy prodúcese xusto dous meses despois de que o pasado 19 de febreiro o aragonés participase en León, xunto con Feijóo e os presidentes de Castela e León e Asturias, nun encontro no que as catro comunidades apelaron aos “intereses comúns, froito das súas características socioeconómicas, da súa relación de vecindade e dos seus fondos vínculos históricos” para facer fronte común en defensa dun novo sistema de financiamento autonómico. Antes Feijóo mantivera un encontro similar con Castela e León e Madrid, pero este xoves, preguntado pola reunión deste mércores do socialista Lambán, Rueda quixo poñer en valor a busca por parte da Xunta de “aliados” en “comunidades cos nosos intereses, non todas do PP” para “buscar o maior consenso”. Así, ao tempo que salientou esa alianza, entre outros, con Aragón, Rueda rexeitou a posibilidade dunha negociación bilateral entre Xunta e Estado.
A Rueda tamén se lle preguntou se considera que esa negociación por un novo financiamento, como pide Aragón, debe comezar xa sen agardar polo conflito catalán. “Imos seguir traballando con aliados esternos e cando se teña que abrir esa negociación ter unha postura de firmeza”, foi o único que dixo este xoves o vicepresidente galego despois de que hai uns meses a postura expresa de Feijóo fose a de defender a negativa do Gobeno central a abrir o debate mentres persistise o conflito catalán. Un lixeiro distanciamento desde o anterior apoio expreso ao Goberno central que non é o primeiro que se produce nos últimos tempos por parte da Xunta cando hai xa catro anos que se está a incumprir a lei de financiamento autonómico.