0 Gardados para despois

Feijóo sela unha "alianza" de Galicia con Madrid e dilúe vínculos históricos con outros territorios

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Cando, a mediados de abril de 2009, Alberto Núñez Feijóo chegou á Presidencia da Xunta en virtude da maioría absoluta que lograra o PP nas eleccións do 1 de marzo dese ano, o seu gabinete deu en comezar a construción dun universo simbólico, unha retórica que presentase o Executivo de coalición de PSdeG e BNG como unha negativa paréntese xa superada, pero tamén que vestise o retorno do PP ao poder cun traxe distinto ao dos gobernos de Manuel Fraga. Así, por exemplo, os discursos presidenciais inzáronse de citas de figuras históricas alleas aos persoeiros máis relevantes do galeguismo ou da literatura galega, aos que Feijóo daba en referirse excepcionalmente para tentar ligalos a algunhas das ideas forza que defendera na oposición -chegara, por exemplo, a citar a Castelao ou a Lois Pereiro para vinculalos á súa tese do "bilingüismo harmónico"-.

Alén da retórica esta aposta política do Executivo popular atinxiu tamén ás relacións do Goberno galego con outros territorios. Despois de que o propio Fraga cultivase a súa imaxe exterior dende Portugal a Sudamérica como mostra do potencial da condición constitucional de "nacionalidade histórica" e, na etapa de coalición, se reforzasen pontes con Euskadi e Catalunya, a nova liña do PP optou por outro perfil. Catalunya desapareceu da axenda e Euskadi só se mantivo nela con certa continuidade mentres o Goberno vasco o dirixiu o socialista Patxi López, que chegara a lehendakari a través dun pacto cos populares para desaloxar o PNV. Ao tempo, Galicia comezou a figurar noutras fotografías coas coñecidas como comunidades de vía lenta, as que non accederon á autonomía polo artigo 151 da Constitución.

Co retorno do PP a Xunta reforzou as ligazóns coas autonomías 'de vía lenta'

Neste contexto, a Xunta realizou movementos como impulsar a creación dun organismo paralelo á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal á que se sumase tamén a comunidade de Castilla y León e implicouse en accións conxuntas con autonomías como a Comunidad de Madrid, moi especialmente dende que, en 2015, o poder autonómico do PP minguou moi notablemente. Este é o escenario no que, esta mesma semana, o presidente da Xunta acudiu unha vez máis a Madrid para formalizar unha "alianza" co goberno que preside Cristina Cifuentes e tamén co castelán-leonés. Ou, o que é o mesmo, para escenificar un pacto de tres das cinco autonomías con goberno do PP.

Intereses comúns no financiamento non identificados

O documento asinado aposta pola acción común no financiamento, no que os intereses de Madrid e Galicia son dispares

Co pano de fondo do proceso soberanista catalán Feijóo, Cifuentes e o castelán Juan Vicente Herrera subscribiron un compromiso "coa vixencia do Estado das Autonomías" e contra "calquera intento de modificar o modelo autonómico" con "enfrontamentos que socavan a democracia". Alén da declaración, o texto asinado apunta a que o acordo entre os tres gobernos vai encamiñado a "promover un novo modelo de financiamento autonómico", ámbito no que Galicia pode compartir intereses con Castilla y León á hora de reclamar a primacía de criterios como o envellecemento ou o despoboamento, pero no que a estrutura territorial e económica do país o sitúa na banda contraria á de Madrid.

Feijóo só interveu no debate sobre o proceso soberanista catalán para apoiar "todas" as medidas que Rajoy decida adoptar

Sen especificar en que consisten eses "intereses comúns" a Xunta asegura que irá "máis aló do marco tradicional de colaboración" con estas autonomías en ámbitos como as obras do AVE á Meseta. Esa colaboración concretarase, din, nun "foro económico e social das tres comunidades" que se reunirá cada ano, estratexias conxuntas de "comunicación das súas respectivas marcas Territorio Castilla y León, Galicia Calidade e M de Madrid" ou impulsar un "Foro de Rexións estable de intercambio de coñecemento orientado ao desenvolvemento de políticas de mitigación e adaptación fronte ao fenómeno do cambio climático”.

Este acordo entre autonomías do PP prodúcese mentres o lehendakari, Íñigo Urkullu, está a ter un papel crucial na mediación entre o Goberno de España e a Generalitat de Catalunya, crise na que Feijóo só interviu publicamente para apoiar "todas" as medidas que Rajoy decida tomar contra o soberanismo. Chega, ao tempo, días despois de que o titular da Xunta, que actualmente ocupa tamén a presidencia de quenda da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, causase receo en medios portugueses ao atribuír parte dos incendios que afectaron a Galicia á incapacidade dos dispositivos de extinción do país veciño. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.