0 Gardados para despois

O PP traslada a súa tensión interna ao financiamento autonómico tras catro anos a incumprir a lei que o regula

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A finais de decembro de 2009 a Xunta asinou o novo financiamento autonómico que o Goberno de España, presidido polo socialista José Luis Rodríguez Zapatero, negociaba dende había meses. A dirección estatal do PP decidira meses antes absterse na votación da reformas nas Cortes mentres daba a batalla política e mediática contra o acordo, que atacaba por considerar que estaba articulado para satisfacer os intereses de Catalunya. En Galicia Alberto Núñez Feijóo levaba uns poucos meses na Presidencia da Xunta e dende o seu novo posto erixiuse en ariete contra o Executivo do PSOE tamén neste asunto, aínda que deu en rubricar o acordo porque se non o fixese, argumentara, Galicia quedaría sen os fondos adicionais.

O acordo político en torno ao financiamento das comunidades autónomas inclúe diferentes mecanismos para sufragar os custos dos diferentes servizos públicos con criterios que, a xuízo do Goberno galego, non contemplaron como deberan factores como o envellecemento ou o espallamento poboacional, claves en Galicia. Todas estas pezas ficaron plasmadas no texto da Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas (LOFCA), unha norma de 1980 sucesivamente reformada que conta tamén cunha cláusula temporal: "a ponderación dos criterios" e dos "índices de distribución" dos fondos públicos entre territorios "establecerase por lei e será revisable cada cinco anos". Así, co modelo caducado e a lei incumprida dende o inicio de 2014, é como o financiamento autonómico se está a mesturar coas tensións internas do PP.

Para cumprir a lei o novo financiamento autonómico tería que estar en marcha dende 2014

Para cumprir o calendario legal o Goberno de Rajoy tería que ter rematada a negociación do novo modelo en 2013, isto é, en plena vaga de recortes orzamentarios pola crise económica e coa lupa das institucións comunitarias seguindo o proceso moi de preto, aínda que contando co aval dunha maioría de comunidades autónomas gobernadas polo PP. Este panorama mudou en 2015, cando as eleccións nas autonomías 'de vía lenta' despoxaron os conservadores de boa parte do seu poder territorial, e agravouse cando os de Rajoy quedaron sen maioría absoluta no Congreso. No entanto, xa estaban en marcha mecanismos de financiamento como o Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), ao que se acolleron as autonomías con máis dificultades -Galicia non o empregou-.

Con este pano de fondo a comezos de 2017 comezaron con lentitude uns traballos que aínda non concluíron e sobre os que nos últimos meses pairou un debate. A posibilidade dunha quitación de débeda contraída co Estado para as autonomías máis afogadas por ela, como a Comunitat Valenciana e a propia Catalunya.

Tras a xuntanza na sede do PP en Madrid Feijóo dixo estar satisfeito porque non se producirá unha quitación que consideraría un "erro económico e moral"

Mesmo tendo en conta que 'perdoar' ás autonomías parte do endebedamento ou que este fose asumido polo Estado tería un difícil encaixe no contexto da UE, esta posibilidade foi suxerida polo ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, e rexeitada en público por dirixentes territoriais do PP encabezados por Feijóo. Este foi o panorama no que este luns chegou o cumio de presidentes autonómicos do partido convocado por Rajoy en Madrid, condicionado polo ascenso de Ciudadanos nas enquisas de intención de voto pero tamén con Montoro como convidado para tentar calmar os ánimos a respecto da débeda e do financiamento.

Ás portas da sede conservadora na madrileña rúa de Génova o presidente da Xunta dixo estar satisfeito porque Montoro deixou claro que non existirá unha quitación que, ao seu xuízo, suporía un erro "económico" pero tamén "moral", porque implicaría que sería "complicado pedirlles despois" aos cidadáns que "sigan pagando impostos". "Hai que pagar a débeda, cuestión distinta é que se busquen mecanismos para reestruturala, facilitar os prazos de pagamento", agregou o presidente, mentres dende a súa contorna se presenta o acontecido como unha vitoria sen matices das teses do líder galego fronte ás do titular de Facenda.

Montoro: "Se os presidentes saen satisfeitos dicindo que non vai haber quitación, pois estupendo; pero iso non quere dicir que non reestruturemos a débeda

Así e todo, poucas horas despois desa xuntanza o propio Montoro acudiu a unha entrevista na Cadena COPE para asegurar que nada mudara. "Eu nunca utilicei a palabra quitación", debate que atribuíu ao "mundo mediático" antes de restar importancia tamén as celebracións de dirixentes como Feijóo polo suposto cambio de escenario. "Se saen contentos os presidentes autonómicos do PP dicindo que non vai haber quitación, pois estupendo", porque parece que o termo "os incomoda", ironizou. "Pero iso -advertiu- non quere dicir que non reestruturemos a débeda, paréceme moi importante que a reestruturemos" de cara á aprobación dun novo modelo de financiamento que a dirección do PP condiciona á existencia dun "gran consenso" parlamentario e territorial que se prevé practicamente imposible en vésperas dun novo ciclo electoral e entre ecos do conflito político catalán.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.