Caballero censura que Feijóo poña en dúbida as nóminas do funcionariado “mentres gasta 30 millóns en reformar despachos”

Feijóo con empregados públicos na inauguración o 3 de xullo da reforma exterior da sede administrativa de San Caetano na que anunciou un "novo aumento salarial" que non era tal CC-BY-SA Xunta de Galicia

A Xunta advirte de dificultades para atender gastos correntes se o Goberno central non lle transfire cartos e o líder do PSdeG recupera as críticas que os populares lanzaron en 2009 contra as obras do bipartito en San Caetano

Como hai dez anos, pero cos protagonistas intercambiando os seus papeis. En 2009 era o PP o que criticaba como un luxo improcedente en plena crise as obras que a daquela Xunta bipartita acometía na súa sede central de San Caetano, traballos que incluían a remodelación do despacho do presidente con mobles dos que Feijóo prometeu desfacerse pero que segue a empregar. Unha década despois este mércores foi o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o que censurou que Feijóo poña en dúbida o pagamento das nóminas do funcionariado se o Goberno central non lle transfire cartos “mentres gasta 30 millóns en reformar despachos”, en referencia á remodelación do complexo administrativo que ten en marcha a Xunta.

Desde hai uns meses o Goberno galego está a empregar como principal elemento de crítica contra o Goberno central o atraso na transferencia a Galicia de 700 millóns de euros. O Executivo de Sánchez argumenta que esa transferencia, pendente non só a Galicia senón a todas as comunidades autónomas, non a pode facer un goberno en funcións cuns orzamentos do Estado prorrogados. A Xunta replica que o Goberno podería desbloquear a situación cun decreto lei que o PP estaría disposto a convalidar posteriormente no Congreso, ao que o Executivo central retruca que o problema non existiría se a oposición tivese aprobado os orzamentos ou facilitase agora a formación de Goberno.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na rolda de prensa na que criticou a Feijóo © PSdeG

Nese cruce de acusacións entre Xunta e Goberno central irrompeu este mércores Caballero para censurar que Feijóo tente “confrontar co Goberno socialista” con fins “partidistas” empregando “falacias” e falando de “agravios ou discriminacións” que o socialista di que non se están a producir xa que a situación é a mesma para todas as comunidades. Ante esa situación, o líder do PSdeG criticou que Feijóo “xogue cos intereses dos galegos sen pudor” por “chegar a poñer en dúbida o pago das nóminas dos empregados públicos ou o pago a provedores” mentres anuncia “30 millóns de euros para reformar despachos e oficinas” en San Caetano.

A comezos de mes a Xunta confirmou que a remodelación interior de San Caetano custará ata 29 millóns de euros, que se suman aos 11 millóns da reforma exterior do complexo

As obras ás que se refire Caballero consisten na remodelación e reordenación interna de todo o complexo administrativo central da Xunta, actuación para a que o pasado 6 de agosto se adxudicou o concurso de ideas que seleccionou o estudo de arquitectura encargado de planificar os traballos. O Goberno galego confirmou que as obras terán “un orzamento máximo de 29 millóns de euros”. Esa contía virá a sumarse aos máis de 6 millóns de euros xa gastados e 5 pendentes de gastar na rehabilitación exterior dos edificios do complexo. Ademais, a Xunta está a redactar o proxecto dun novo edificio veciño que ocupará o espazo da actual estación de autobuses de Santiago cando esta se traslade xunta á do tren e que custará outros máis de 20 millóns.

O propio Feijóo empregou hai mes e medio a inauguración da reforma exterior de San Caetano para anunciar un "novo aumento salarial" que non era tal

Agora a crítica de Caballero chega despois de que o propio Feijóo empregase hai mes e medio o acto de inauguración da reforma exterior de San Caetano para anunciar un "novo aumento salarial" ao funcionariado, unha suba do 0,25% no mes de xullo que realmente foi acordada hai máis dun ano cos sindicatos polo daquela ministro popular Cristóbal Montoro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.