O presidente inaugura a reforma exterior do complexo administrativo de San Caetano, que custou 6,5 millóns e que irá seguida de obras no interior e da construción dun novo edificio que elevarán a factura total a máis de 70 millóns
A mediados de marzo o complexo administrativo central da Xunta en San Caetano quedou liberado das estadas que o cubriron durante meses para acometer obras de reforma exterior, illamento, pintado e substitución de cubertas. Máis de tres meses despois, este mércores o propio presidente Feijóo inaugurou esas actuacións cun acto ante persoal público do complexo ao que “avanzou” un “novo aumento salarial” na súa nómina deste mes de xullo. Porén, o incremento non é atribuíble á Xunta senón ao Goberno central e é produto dun acordo asinado hai máis dun ano polo anterior ministro de Facenda e Función Pública, Cristóbal Montoro, cos sindicatos.
Segundo publicitou este mércores o Goberno galego, o “novo aumento salarial” permitirá que “os empregados públicos da Xunta” perciban “unha media de 885 euros anuais máis que en 2018 (unha suba do 2,5%), e unha media de 3.825 euros anuais máis que en 2015, cando se iniciou a senda da recuperación económica”. A orixe desas cifras, pola contra, nada ten que ver coa actuación do Goberno galego.
Ese 2,5% de suba neste 2019 dos salarios públicos -de todo o persoal público, non só do autonómico ao que fai referencia a Xunta- débese ao antedito acordo asinado por Montoro con CCOO, UGT e CSIF que contemplaba un aumento do 2,25% para o pasado xaneiro e un 0,25% adicional para este mes de xullo se o PIB estatal superaba o 2,5%, como así sucedeu. Pola contra, a Xunta non devolveu aos traballadores autonómicos os complementos das nóminas que lles reduciu durante os anos máis duros da crise.
Este mércores Feijóo quixo vincular ese suposto “novo aumento salarial” para “os empregados públicos da Xunta” coas obras de mellora que o Goberno galego está a acometer nas oficinas nas que traballa a maioría dese persoal. Tras criticar durante o bipartito de PSdeG e BNG como suposto desbalde traballos parciais de mellora dalgunhas oficinas por 4 millóns de euros, o actual Goberno galego está embarcado nun plan de reforma de San Caetano que multiplica varias veces aquela contía.
O novo edificio da Xunta a construír no espazo que ocupa a estación de autobuses xa non terá unha pasarela elevada que o conecte co complexo de San Caetano
Á mellora exterior do complexo agora rematada, por 6,5 millóns de euros, engádense outras tres grandes actuacións na zona que farán que a factura total supere os 70 millóns de euros. Por unha parte, tras a reforma exterior dos edificios históricos, a Xunta vai acometer unha actuación similar no edificio máis moderno do complexo de San Caetano por outros 5 millóns de euros. Ademais, o Goberno galego ten en marcha un concurso de ideas en colaboración co Colexio de Arquitectos para remodelar o interior dos edificios históricos de San Caetano cun custo estimado de 29 millóns de euros. Por outra banda, tras outro concurso de ideas similar, a Xunta vai construír un novo edificio administrativo no espazo que deixe libre xunto a San Caetano a estación de autobuses que se trasladará como intermodal a carón da estación de trens. Inicialmente ese novo edificio foi cuantificado en 20 millóns de euros, pero a Xunta traballa actualmente cun custo estimado de 29 millóns malia que do proxecto xa se caeu a pasarela elevada que o ía conectar cos edificios xa construídos.