Feijóo anuncia máis obras na sede da Xunta por outros 34 millóns de euros

Vista do edificio central de San Caetano tras a restauración do complexo da sede central da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

Unha década despois de que o PP chegase a San Caetano criticando as reformas parciais por 4 millóns acometidas polo bipartito, e tras gastar 6,5 millóns en adecentar o seu exterior, o Goberno galego remodelará agora o interior do complexo

A Xunta vén de rematar obras de pintura, carpintaría exterior e illamento da súa sede central de San Caetano por uns 6,5 millóns de euros e o presidente Feijóo acaba de anunciar este xoves novos traballos de reforma por outros 34 millóns de euros. O anuncio prodúcese en pleno décimo aniversario da chegada de Feijóo á Xunta tras unha campaña na que o PP usara como arma políticas as reformas que daquela acometera o bipartito de PSdeG e BNG por 4 millóns en diversos espazos deses mesmos edificios, entre eles os ocupados pola Presidencia, que se presentaron como un gusto polo luxo do socialista Touriño e que levaron a Feijóo a prometer que se desfaría daqueles mobles, algo que non ocorreu.

Feijóo, nunha reunión no seu despacho cos mobles de "luxo" instalados polo bipartito e que el prometera retirar © Xunta

Tras aquelas obras polémicas, os gobernos de Feijóo xa realizaran diversas melloras parciais en instalacións das consellerías que teñen a súa sede en San Caetano, pero cando en 2016 se anunciaron as obras de mellora exterior do complexo o vicepresidente Alfonso Rueda chegou a dicir que nel “desde 1985 non se facía nada”. Con eses traballos exteriores nos edificios históricos agora rematados, Feijóo anunciou este xoves que se iniciarán obras similares de illamento no edificio máis moderno dos que compoñen o complexo, separado do resto, por 5 millóns de euros. Ao tempo, a Xunta convocará un concurso de ideas da man do Colexio de Arquitectos para reformar o interior de todos os edificios. 

Segundo Feijóo, as novas obras buscan o “decoro do centro da institución da Xunta”

Segundo a Xunta, as obras primarán “a funcionalidade e accesibilidade; o aproveitamento da iluminación natural e as zonas diáfanas, que proporcionan máis confort; a versatilidade, para que permita modificacións futuras; a habilitación de espazos externos que faciliten a interacción e reunión do persoal; e un bo sistema de arquivo, entre outros criterios”. Estas obras, di Feijóo, buscan o “decoro do centro da institución da Xunta”.

Ademais de todos estes traballos que sumarán 40 millóns de euros nos edificios xa existentes de San Caetano, a Xunta construirá un novo edificio administrativo nas súas proximidades, no lugar que actualmente ocupa a estación de autobuses de Santiago cando esta quede sen uso ao trasladarse á nova intermodal integrada coa estación de tren no centro da cidade. Ese novo edificio terá un custo estimado doutros 20 millóns de euros.

Recreación do futuro novo edificio da Xunta sobre o que hoxe é a estación de autobuses de Santiago, veciña do actual complexo de San Caetano Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.