O 27 de febreiro de 2009 Galicia vivía o derradeiro día dunha durísima campaña electoral. Emilio Pérez Touriño celebraba os últimos actos antes do peche, no mercado gandeiro de Amio, en Santiago, xunto a José Luis Rodríguez Zapatero. Anxo Quintana preparábase para o que ía ser o maior mitin da historia do BNG, con máis de 6.000 persoas en Vigo, coa agre sensación dunhas enquisas non publicadas que auguraban que a fin do bipartito. Nesa xornada os diarios impresos recollían algunha das promesas lanzadas polo aspirante do PP, Alberto Núñez Feijóo, no seu mitin vigués: os mobles mercados polo gabinete de Touriño na remodelación da área da Presidencia, na sede da Xunta en San Caetano, desaparecerían das dependencias oficiais se el chegaba ao poder. Sete anos despois, seguen onde estaban.
Os mobles en cuestión, adquiridos en 2006 tras as obras do bloque central do complexo administrativo, a finais de 2005, foran artillería de campaña tras a publicación no diario ABC dunha información segundo a cal o seu custo roldara os 200.000 euros. Alén das datas das obras, a apenas seis días das eleccións o director da campaña de Feijóo, Alfonso Rueda, retrucou á publicación da nova dando por confirmado que Touriño estaba a "comportarse como o sultán de Brunéi" mentres "Galicia atravesa a peor crise das últimas décadas". Os mobles, proclamaba, eran un "insulto á dignidade de todos os galegos", máis aínda porque foran subministrados "por empresas catalás".
O PP considerou que os mobles de San Caetano eran propios "do sultán de Brunéi"
Mentres o secretario xeral dos conservadores acusaba o aínda presidente da Xunta de cometer un "delito moral" por "derrochar o que nega para prestacións da dependencia", na caravana electoral dos socialistas a consigna era clara: non entrar á confrontación directa con estas acusacións do PP. Tratábase de manter o ton presidencial da campaña. Pola súa banda, o candidato do BNG, Anxo Quintana, pasaba a unha estratexia de denunciar ser vítima dunha "campaña de mentiras e difamacións". Nesas xornadas, cargos populares como José Luis Baltar e membros do círculo máis próximo ao candidato popular difundiran diversas insinuacións sobre a vida persoal do nacionalista, mesmo chegando a suxerir que cometera actos de violencia machista.
"Eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns sairán dos despachos da Administración", dixo Feijóo
Cos socios do Goberno estupefactos -pero intercambiando, no entanto, algunhas críticas entre si- chegou o devandito treito final da carreira ás urnas. No seu acto de Vigo o candidato Feijóo proclamou que, en canto chegase á Presidencia, ía "abrir os caixóns da Administración" para "sacar deles as infraestruturas que leven aí metidas durante catro anos, paralizadas". "Pola contra -agregou- eses caixóns de luxo, eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración"; prometeu. Malia aquela rechamante promesa os mobles do despacho presidencial son os mesmos que en febreiro de 2009, e sobre eles Feijóo e Rueda mantiveron innumerables xuntanzas e recepcións oficiais.
"O coche de Obama"
A Xunta perdeu 200.000 euros ao vender o vehículo que empregara Touriño e Feijóo non pasou a usar un coche fabricado en Vigo, como prometera
Na mesma intervención Feijóo abordou outra das claves da súa campaña: o coche oficial de Touriño que, sempre segundo o PPdeG, resultara "máis caro que o de Obama" -algún candidato conservador chegou a afirmar en campaña que o vehículo dispuña de "mísiles"-. O popular prometeu que ese automóbil sería posto á venda e, efectivamente, así sucedeu. O Goberno galego desfíxose del a través dunha poxa á que só concorreu unha empresa compostelá que habitualmente subministra vehículos á Xunta e perdeu uns 200.000 euros na operación. Mentres, a marca Audi, fabricante do coche, emitía un duro comunicado sentíndose "denigrada" polo que estaba a suceder en Galicia.
O que o actual presidente non cumpriu foi a segunda parte da promesa. Se chegaba ao goberno, asegurou, ía utilizar para os seus desprazamentos "un coche feito en Vigo". Como é sabido, a factoría viguesa de Citroën -compañía que lle cedeu ao PPdeG o vehículo que Feijóo empregou naquela campaña, segundo o diario Público- só produce monovolumes e furgonetas. Concretamente, daquela fabricaba os modelos Berlingo e Picasso e mais a Peugeot Partner. Así, dende aqueles meses e ata a actualidade Feijóo viaxa nun Citroën C6, fabricado en Francia.