"A experiencia que temos de goberno non se suple con deputados, a Fronte Ampla é o verdadeiro voto útil"

Verónica Martínez Barbero, coordinadora e portavoz de Sumar, ante a acampada en defensa da vivenda na praza do Obradoiro tras a entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Coordinadora de Sumar tras ser directora xeral de Traballo con Yolanda Díaz, Verónica Martínez Barbero aspira a revalidar escano o 29N pola Fronte Ampla, agora por Madrid pero sentíndose "vencellada á política galega e con futuro na política galega"

Verónica Martínez Barbero (Xixón, 1980), é inspectora laboral. En 2006, ao elixir praza tras opositar, optou por unha en Pontevedra aproveitando que tiña familia preto e agora esta asturiana de nacemento é desde hai anos unha veciña máis de Baiona. Era presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais ata que a ministra Yolanda Díaz a nomeou directora xeral de Traballo, cargo que ocupou entre 2020 e 2023. É deputada por Pontevedra desde as últimas eleccións xerais e portavoz do grupo parlamentario de Sumar no Congreso desde novembro de 2024, e coordinadora xeral do Movemento Sumar desde o pasado xullo.

Como acabou na política?

Despois de doce anos exercendo activamente como inspectora laboral e dedicándome moito a convenios colectivos e conflitos colectivos, acabei proposta polos sindicatos como presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais. Aí empecei a ter moita relación, máis aínda da que tiña, cos sindicatos, a nivel galego e estatal. E chegou o goberno de coalición progresista e Yolanda Díaz foi proposta como Ministra de Traballo. Eu non tiña unha relación persoal con Yolanda daquela, presentárannos un 10 de marzo en Ferrol, un Día da Clase Obreira Galega. Presentounos Víctor Ledo, que era secretario de Industria de CCOO, amigo de Yolanda de toda a vida, e tamén se fixo moi amigo meu ao longo da miña presidencia no Consello, sobre todo polos temas de estaleiros. Nas folgas de estaleiros estiven metida en todas. Eu involucrábame moito como presidenta do Consello, metida na lama dos conflitos daquela época. Chamoume Yolanda un día e dime que me quere como directora xeral, que pode optar a xente moi coñecida, señores da política, di, pero que quere unha muller, unha persoa con experiencia en negociación, porque imos ter moitas horas de diálogo social. Non podedes imaxinar o convincente que é Yolanda Díaz. Sabía que eu tiña un fillo pequeno e dixo que o tiña que facer por el, porque é o seu futuro. "Aquí estamos por primeira vez nun goberno para cambiar as cousas". E penso que foi así de verdade porque cambiamos as cousas.

Verónica Martínez Barbero nunha reunión da Fronte Ampla con traballadoras do servizo de axuda no fogar © Fronte Ampla

Como presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais propuxérona os sindicatos... por que? Por como facía as inspeccións laborais?

Era unha inspectora xeralista, especializada en conflito colectivo, co que fronte a outros inspectores e inspectoras, tamén todos moi bos, a min coñecíanme máis, porque eu estaba en todas as folgas, de pasarme horas e horas. Tamén tiña boa relación coa parte patronal, porque ao final ti estás de mediadora nun conflito e o que queres é o acordo. O Consello sempre tivo de presidentes e presidentas a inspectores e inspectoras e a patronal dixo que parecía un bo perfil. Tampouco o Consello para min foi un posto que eu tratara como político. Intentei darlle peso ao ámbito galego de relacións laborais. Baixo a miña presidencia creáronse tres convenios autonómicos, que é moi difícil. Foi unha batalla bonita, pouco política, pero aprendín moitísimo dos sindicatos e da negociación e iso serviu moito para o diálogo social.

Vostede é deputada por Pontevedra, pero o 29N preséntase de número 4 na lista da Fronte Ampla por Madrid. Por que? Fronte Ampla non aspira a revalidar os dous escanos que obtivo Sumar en 2023 na Coruña e Pontevedra?

"A Fronte Ampla aspira en Galicia a revalidar dous escanos e levar ademais un senador, e co meu escano por Madrid teremos outro posto máis"

Aspira a revalidar dous escanos e levar ademais un senador. Imos ter tres postos institucionais que saen de Galicia, da Fronte Ampla galega, e de Movemento Sumar Galicia, e ademais, un máis por Madrid. Preséntome por Madrid precisamente para ter un posto máis. Así Movemento Sumar Galicia ten tres postos no Congreso. É unha posibilidade que temos aí que non podía rexeitar, tendo en conta que os compañeiros e compañeiras de Frente Amplia estatal querían ademais, así mo dixo Más Madrid, que nós estivéramos representados tamén na lista madrileña. Foi unha decisión colectiva. Non vou negar que a min me custará moito. Porque eu quería pelexar o meu propio escano en Pontevedra. Pero estou a pelexar polo escano de Gloria Alonso, de Xosé Lois [os cabezas de lista por Pontevedra e A Coruña], aquí estou, farei campaña en Galicia, seguirei vivindo en Baiona, seguirei sendo representante da sociedade galega.

Hai temor a que o chamado voto útil ao que apela o PSOE e a fortaleza do BNG reduzan as opcións da Fronte Ampla?

"A Fronte Ampla é o verdadeiro voto útil para a vivenda, para as mulleres e para a masa traballadora"

Afrontamos unha campaña na que sabemos cales son as nosas fortalezas e a nosa capacidade de xerar ilusión. Nós temos experiencia de goberno e resultados. É máis do que poden dicir outros. E, sobre todo, resultados polas políticas que facemos. Claro, o PSOE, por exemplo, está a apelar ao voto útil, pero as medidas das que presume son as dos ministros e ministras da Fronte Ampla ou de Sumar. Son as nosas. A reforma laboral, a suba do salario mínimo interprofesional, incluso a vivenda. Quero lembrar que eu ata cheguei a pedir a dimisión da ministra de Vivenda para forzar que nos deixaran sacar eses decretos, e despois os nosos ministros e ministras plantáronse no Consello de Ministros. Esa experiencia que temos nós de goberno non se suple por ter un ou dous deputados. Eu sempre confiarei, fixémolo no 2023, agora tamén, na intelixencia da xente. Eu entendo o diferente voto, e non o vou negar, nas autonómicas e nas xerais. É unha evidencia. É así porque a xente sabe que non é o mesmo votar en autonómicas que votar en xerais. Nós somos o verdadeiro voto útil. A Fronte Ampla é o verdadeiro voto útil para a vivenda, para as mulleres e para a masa traballadora.

Verónica Martínez Barbero, coordinadora e portavoz de Sumar, ante a acampada en defensa da vivenda na praza do Obradoiro tras a entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Praza Pública

Pero ante o medo a que a fragmentación da esquerda puidera supoñer perda de voto, acadáronse avances como as candidaturas únicas no Senado de PSOE e Fronte Ampla. Non se podía conseguir máis?

Medo non. Nós, en Sumar Galicia, non traballamos con medo. Sempre tivemos claro que a nivel estatal era importante facer un goberno de coalición, non polos votos do PSOE nin polos votos do BNG. En Galicia nós facilitamos e fomos quen de facer ese goberno de coalición precisamente porque sabemos que temos que estar con Esquerda Unida, con Verdes Equo, con Recortes Cero. E tamén queríamos estar con Podemos, e incluso quereríamos estar co BNG. Pero isto non é posible porque xa sabedes que o puxemos na mesa e o BNG dixo que non rapidamente. Cero drama, miremos cara adiante. Sabemos que nesta lexislatura as políticas que puxemos na mesa sempre foron apoiadas polo BNG. Tivemos que discutilas máis co PSOE, e seguiremos a discutilas para facer esa forza dende a esquerda. A partir de aí, ilusionar á xente consiste en poñer sobre a mesa medidas para mellorar a súa vida. E niso estamos. Xa estamos no momento de falar de medidas, e non falar tanto de acordos formais que á xente, de verdade, penso que interesan pouco.

Pois medidas. Esta campaña comezou marcada pola crise da vivenda e agora parece condicionada polo accidente ferroviario de Urda. A figura de Ada Colau como referente da candidatura nas anteriores circunstancias parecía propicia. E agora?

"O 29N segue sendo un referendo sobre vivenda, o principal problema por moito que as conxunturas falen de cuestións que requiren atención inmediata"

Penso que o accidente de Urda non cambiou as preocupacións fundamentais da xente cando chega a final de mes. O accidente de Urda o que esixe é máis investimento en mantemento, máis investimento en persoal. Quizais revisar esa liberalización que fixemos máis rápido que ninguén en Europa e que igual si que é parte da descoordinación que produciu ese accidente. Pero o accidente de Urda non nos pode facer perder de vista o que necesita a xente traballadora. Non ter que investir o 60% ou 70% en alugar. Estas eleccións seguen sendo un referendo sobre a vivenda, o principal problema do país por moito que as conxunturas nos falen doutras cuestións que requiren unha atención inmediata. O problema esencial e máis xeralizado para a cidadanía é acadar un teito. Ademais, tendo en conta que o PP goberna as comunidades autónomas, Galicia. Temos aquí isto instalado hai tantos anos que non somos conscientes xa do que está xerando o problema. Non está a aplicar a lei de vivenda que limitaría cando menos a suba dos prezos.

Preguntaba tamén pola figura de Ada Colau como candidata.

Ada Colau, indiscutiblemente, en Andalucía, Galicia ou Madrid, é unha persoa que representa a loita pola vivenda. Unha persoa promotora da plataforma de afectados pola hipoteca. Unha persoa que cando a escoitas falar ves que é o tema que a preocupa de toda a vida. Sempre valoramos que Ada fose a candidata porque era a mellor persoa para reflectir o que agora necesita a cidadanía de Galicia e do Estado. Pero sempre apostamos desde a Fronte Ampla por unha candidatura coral. Temos a Toni Valero por Esquerda Unida, eu por Movemento Sumar. Para reflectir que esta candidatura é coral porque quere representar a todo o mundo.

E Yolanda Díaz? Xa non é candidata. Como afectará iso ás expectativas da Fronte Ampla en Galicia?

Evidentemente está en todo o que fai a Fronte Ampla. As súas políticas van ser o noso programa político porque son as mellores políticas que se fixeron para a clase traballadora deste país. 

Dígame cinco asuntos que considera fundamentais dentro da axenda galega da Fronte Ampla.

A suba do salario mínimo interprofesional. Temos máis de 130.000 persoas que aínda están cobrando o salario mínimo, polo tanto para nós esa suba segue sendo un eixo central. En segundo lugar, as mulleres. E aquí pode haber máis de cinco medidas. As mulleres seguimos estando nos decís máis baixos de salario. A fenda salarial é outra das cuestións esenciais que temos que pelexar. Falo das mulleres mariscadoras, por exemplo. Hai moito machismo no ámbito do mar e o PP non axuda nada. Agora imos ter unha reunión coas traballadoras do servizo de axuda no fogar. Temos unha loita aberta co Ministerio de Seguridade Social para que entren as súas enfermidades como enfermidades profesionais. Mulleres precarizadas, porque é un sector precarizado por ser feminino. E tamén moitas mulleres migrantes. A migración ten que ser un eixo central na nosa campaña. A vivenda, porque en Galicia hai a mesma diferenza que en España entre a xente que posúe, que ten as vivendas, e a xente que vive de alugueiro. Unha diferenza brutal canto a ingresos e rendas e unha diferenza brutal canto á posibilidade e capacidade de chegar a fin de mes. A vivenda ten que ser un eixo central. Ten que ser agora, ten que ser nas municipais, ten que ser nas autonómicas. A vivenda ten que levar todos os pensamentos e todas as boas ideas, porque este é un problema que non se vai solucionar con unha soa medida. E unha última cousa, a industria. O emprego subiu en Galicia, si. Subiu grazas á reforma laboral de Yolanda Díaz. Pero perdeuse emprego industrial porque o PP non está a saber facer as cousas. Temos que reforzar a industria en Galicia. Pero se os inventos da Xunta para procurar industria en Galicia son Altri, aí non imos ter ningunha posibilidade de acadar solucións. Non poden ir en contra da cidadanía, en contra do noso territorio.

Verónica Martínez Barbero nunha intervención no Congreso dos Deputados © Congreso dos Deputados

O presidente Rueda lanzou na Xunta unha campaña para o control das baixas médicas laborais que se foi estendendo por todo o Estado, co apoio entusiasta da patronal e o PP estatal. Que opina como inspectora laboral e que opina como portavoz de Sumar?

"As mutuas e as empresas de traballo temporal son dos problemas centrais no noso mercado de traballo"

De primeiras, eu digo que son inspectora de traballo e sempre o serei. Non quito un sombreiro e poño outro. O que opino como portavoz da Fronte Ampla, e o que opinaba como portavoz no Congreso, o opino como inspectora de traballo. Para empezar, paréceme tan basta, tan absurda a medida do punto de vista técnico... As baixas non as collen os traballadores e as traballadoras. As baixas as dan médicos e médicas. Por favor, un pouquiño de respecto aos médicos e médicas de Galicia. O señor Rueda, que non ten respecto, xa nos ten a sanidade esgazada, ten os médicos de cabeceira coa lingua fóra. Invistamos neles. É unha medida que pretende privatizar máis aínda, ás mutuas. As mutuas e as empresas de traballo temporal, dígoo así de claro, son dos problemas centrais no noso mercado de traballo. Dos problemas centrais. Eu vivino como inspectora moitas veces. As mutuas colaboradoras da Seguridade Social dinche á cara que son empresas privadas. Que narices imos derivarlles? A atención? A revisión das baixas? Iso non pode ser. Porque traballan cuns criterios de rebaixar o número de accidentes ou de baixas que se consideren profesionais. Iso non é coidar máis ás persoas traballadoras. Acusar de absentismo á xente que deixa o lombo para levantar este país é ter moi pouca vergoña. O Estado do Benestar, en Galicia e no resto do Estado, sempre o sostivo a clase traballadora. O PP esquece que hai 2,5 millóns de horas extraordinarias en España cada semana que non se pagan e non se cotizan. Temos máis xente contratada que nunca e a produtividade está a subir. Iso demostra que non se trata das baixas dos traballadores, se trata de repartir mellor os beneficios, que non pode ser que haxa beneficios millonarios para as empresas.

Critica o papel das mutuas. Se gobernan, loitará a Fronte Ampla para a desaparición das mutuas en España?

Xa manifestamos nesta lexislatura que non estamos a favor de que as mutuas asuman máis papel no control das baixas. E que precisamos que as mutuas colaboradoras da Seguridade Social estean moito máis controladas. O Ministeiro de Seguridade Social defendeu o seu papel, igual que o PP. O PSOE tamén o defende. Pero é que o seu papel actual a min non me vale. Precisamos que as mutuas se chamen colaboradoras de verdade. Eu admito que podo ter unha impresión moi nesgada das bondades das mutuas, pero veño de onde veño, e o que vivín é que fan fraco favor a día de hoxe no ámbito laboral.

De Yolanda Díaz especulouse coa posibilidade de que volvese á política galega tras o seu paso pola estatal. Que opina desa posibilidade para Díaz? E hai esa posibilidade para vostede?

Se Yolanda quixera vir á política galega, cos brazos abertos. É a gran referente para Sumar e a miña gran referente pola súa capacidade de traballo, a súa intelixencia política e a súa forma de entender a política. De verdade, nunca mirei unha persoa con esa implicación estando nun cargo tan alto como o de ministra e vicepresidenta. A xente non se fai a idea.

E vostede na política galega?

"Teño clarísimo que estou vencellada á política galega e que teño un futuro na política galega"

Eu síntome na política galega. Non na institucional. Todo o que se fixo nesta lexislatura no Congreso tiña un acento galego, pero a prensa estatal non está moi interesada en sacalo en moitas ocasións. Pero claro que teño clarísimo que estou vencellada á política galega e que teño un futuro na política galega. Para min sería un soño agora mesmo. Estou onde teño que estar, porque Movimiento Sumar, non só Movemento Sumar Galicia, é unha organización que creo que precisa dun liderado que acaba de elixir, que é o meu. Pero para min é unha aspiración estar tamén institucionalmente na política galega, onde sexa, é unha aspiración que teño.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.