No Senado confírmase unha coalición co PSOE nunha lista única denominada Senado de Progreso que tamén contará con representación da Fronte Ampla
A Fronte Ampla que en Galicia aspira a continuar os resultados electorais obtidos por Sumar en 2023, cando obtivo no Congreso un escano na Coruña e outro en Pontevedra, informou este luns das súas cabezas de lista para o 29N. Na Coruña o número 1 será Xosé Lois Piñeiro, que foi alcalde da Pobra do Caramiñal entre 2015 e 2023 por Nós Pobra e actualmente é concelleiro de Urbanismo. En Pontevedra a candidatura será encabezada pola líder de Sumar en Vigo, Gloria Alonso, sindicalista de CCOO.
En Lugo e Ourense, onde en 2023 Sumar non obtivo representación, as candidaturas estarán encabezadas por Reyes Rodríguez García, avogada en Foz, e Juan Diego Conde, técnico de intervención social.
Fronte Ampla confirma tamén que no Senado presentará as súas candidaturas dentro da coalición co PSOE denominada Senado de Progreso. A formación informou de catro candidatos propios nesas listas conxuntas á Cámara Alta: na Coruña será Rocío Núñez, educadora social de Santiago; en Lugo Paula González, economista e administradora dunha cooperativa agroalimentaria; en Ourense será candidato Millán Brea, educador social e profesor universitario; e en Pontevedra aspira ao Senado Paulo Carlos López, profesor de Ciencia Política e secretario xeral de Movemento Sumar Galicia. Este último exerce tamén como voceiro da Fronte Ampla en Galicia.