Fronte Ampla adía o anuncio das súas candidaturas en Galicia e celebra o acordo co PSdeG-PSOE no Senado

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, nunha imaxe de arquivo © Sumar Galicia

Fronte Ampla atrasa "uns días" a comunicación das súas listas para o 29N "para axustar a comunicación das distintas forzas da coalición"

Rematado o prazo para presentar confluencias electorais para os comicios do 29 de novembro, Fronte Ampla confirma que quedou rexistrada para presentarse en Galicia, mais comunica que o anuncio das persoas que integran as súas candidaturas producirase dentro duns días “para axustar a comunicación da coalición”.

O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, trasladou este sábado que “a comunicación das persoas electas, inicialmente prevista para o 19 de outubro, se atrasa uns días para axustar a comunicación das distintas forzas da coalición”. “Todo está acordado pero imos facelo de forma conxunta”.

Verónica Barbero, nun acto de vivenda de Sumar en Vilagarcía de Arousa © Sumar Galicia

"Todo está acordado pero imos facelo de forma conxunta", di Paulo Carlos López

Fontes da formación liderada por López confirman a Praza.gal que Esquerda Unida, Equo e Recortes Cero forman parte da coalición da Fronte Ampla en Galicia dende o momento no que os seus partidos a nivel estatal asinaron a súa incorporación á coalición do Frente Amplio. O resto das formacións que integran a coalición non foi confirmado.

“Temos un tridente máxico, Ada Colau, Emilio Delgado e Verónica Barbero. Hai experiencia, capacidade e enerxía para ilusionar, mobilizar e saír a gañar estas eleccións xerais”, defendeu Paulo Carlos López, quen afirmou que “agora xa está todo claro en Galicia, ou escanos para Fronte Ampla ou para VOX, toca concentrar o voto en nós”.

O obxectivo, salientou Besteiro, é que o Senado "deixe de frear os avances en dereitos"

Pacto para o Senado

“Ante un momento decisivo acadamos un acordo histórico das esquerdas”, resumiu o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sobre o acordo asinado entre socialistas e Frente Amplio para concorrer conxuntamente ao Senado nas vindeiras eleccións xerais. O obxectivo, salientou Besteiro, é que a Cámara Alta “deixe de frear os avances en dereitos”.

José Ramón Gómez Besteiro e Pedro Sánchez nunha imaxe de arquivo © PSOE

“Deter á ultradereita e á dereita ultra é unha cuestión de defender a democracia e as liberdades”, aseverou o líder do PSdeG, que tamén fixo fincapé no “orgullo” que sente polas candidaturas do seu partido, “que por primeira vez terá máis mulleres que homes encabezando as súas listas”.

Pola súa banda, o secretario xeral de Movemento Sumar Galicia celebrou o pacto para o Senado, que afecta ás catro provincias galegas. Este entendemento, sinalou, “expresa a responsabilidade das forzas progresistas para chegar a acordos e desbloquear un Senado onde os dinosauros do PP non fan outra cousa máis que bloquear, non traballar e vivir do conto”.

Á vez, Paulo Carlos López explicitou o seu “agradecemento sincero” tanto a Gómez Besteiro como ao deputado socialista Julio Torrado “pola súa boa disposición, honestidade e xenerosidade” no transcurso do acordo.

"Bloqueados por EU, con instrucións directas de IU Federal", manifestou na rede social X a coordinadora de Podemos Galicia, Isabel Faraldo

Podemos Galicia, en solitario

Podemos Galicia trasladou aos medios de comunicación a pasada noite que “Esquerda Unida bloqueou o acordo que xa tiñamos entre Podemos e Sumar e as diferentes forzas por unha papeleta unitaria en Galicia”.

“Bloqueados por EU, con instrucións directas de IU Federal”, manifestou na rede social X a coordinadora de Podemos Galicia, Isabel Faraldo, para engadir: “Ata o último minuto tentamos chegar a un acordo en Galicia por respecto a todas as persoas que están a encher as rúas e as prazas e que nos pedían unidade. Lamento profundamente que non fose posible. Algúns terán que responder por que, podendo facelo, non o fixeron”.

Membros de Podemos, entre eles Isabel Faraldo, nunha manifestación de SOS Sanidade Pública en 2024 CC-BY-NC-SA Praza.gal

O pasado 5 de outubro, nunha nota de prensa remitida aos medios, Esquerda Unida reafirmaba a súa “aposta pola unidade” ante o novo escenario político: “A organización considera que é o momento de dar un paso adiante e construír unha Fronte Ampla capaz de mobilizar e converter a maioría social progresista nunha maioría política”.

“Para Esquerda Unida, a Fronte Ampla non debe ser a iniciativa dunha organización á que as demais se incorporen, senón un proxecto común construído entre iguais. Un espazo no que cada forza aporte a súa experiencia, implantación e ideas, e no que tamén participe a sociedade civil organizada”, ampliaban nese comunicado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.