90 empregados mergúllanse en 66 toneladas de papel en Bos Aires á procura de votantes da 'lei de netos'

Na Arxentina (na imaxe, unha vista de Bos Aires) é onde vive o maior número de poboación inscrita no censo exterior galego CC-BY-SA Andrea Leopardi / Unsplash

Atende unha poboación similar ás de Vigo e a súa área metropolitana. Ou a da Coruña e os concellos da súa contorna. O Consulado Xeral de España en Bos Aires, o máis importante de todos os despregados no exterior, dá servizo aos 360.000 españois residentes na capital arxentina. Expide DNI e pasaportes, pero tamén realiza trámites notariais -como poderes ou testamentos-, rexistrais -inscricións de nacionalidade, matrimonios, nacementos e defuncións-, legalización de documentos, presta servizos sociais... Ademais de tramitar os visados á poboación local. 

O maior consulado de España no exterior, o da capital do país que aglutina máis de 180.000 inscricións no CERA das circunscricións galegas, advirte de que o Supremo terá que decidir quen vota utilizando datos parciais

Agora compatibiliza todas esas tarefas coa procura de nacionalizados pola lei de netos cuxo dereito ao voto podería quedar suspendido preventivamente pola decisión do Supremo que deu ás á loiada de Vox sobre unha suposta fraude electoral para o 29N. Son, en total, 30.000 expedientes que, segundo aseguran fontes diplomáticas, pesan 66 toneladas. Todo iso contrarreloxo, porque, segundo o calendario electoral en vigor, o censo debe pecharse como moi tarde o 2 de novembro, tras a resolución dos recursos que presenten estes días electores e candidatos. No maior consulado español advirten de que non chegarán a tempo. Nin para esa data nin para as eleccións. Por tanto, o Supremo, polo menos en Bos Aires, terá que decidir que fai cunha información moi parcial.

O sobreesforzo da legación diplomática na capital arxentina chega, ademais, en plena organización das eleccións. Dos seus 360.000 españois inscritos, 331.000 están no censo electoral, que xa está exposto nas súas oficinas, cun peso clave de galegos, galegas e os seus descendentes. O seu persoal debe asegurarse de que os electores reciban correctamente a documentación para exercer o voto, recibir os sufraxios emitidos por correspondencia, montar a mesa electoral e colocar a urna para os que queiran achegarse a depositar persoalmente os seus sobres. Trátase dun traballo inmenso que, con todo, se traduce nunha participación moi menor. Nas xerais de 2023, dos 401.133 españois residentes en toda Arxentina, só votaron 21.000 electores, o 5,22% do censo español en todo o país. Todo iso mentres o consulado segue atendendo as citas concertadas cos 645.052 bonaerenses que solicitaron a cidadanía española entre outubro de 2022 e o mesmo mes de 2025 acolléndose á lei de netos. A atención aos solicitantes, a entrega de solicitudes e documentación e a resolución de todos eses expedientes, segundo as fontes consultadas, estenderase con toda probabilidade até 2030 ou 2031.

Coas cifras de participación de anteriores eleccións, no consulado de Bos Aires estiman que o electorado beneficiario da 'lei de netos' que exercería o dereito ao voto serán apenas unhas 600 persoas

Até o momento, o consulado resolveu 30.000 deses expedientes. Pero só 18.000 se converteron en españois por seren descendentes de pais ou avós exiliados por motivos políticos durante a Guerra Civil e a ditadura, a posibilidade prevista pola Lei de Memoria Democrática que agora o Supremo puxo -da man de Vox- en dúbida. O resto acolléronse a outros supostos previstos nesa mesma norma. De todos eles, 10.500 solicitaron a súa inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, o que dá dereito a obter os servizos consulares e, eventualmente, á inscrición no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) e, por tanto, ao voto. Se se restan os menores de idade e os que se inscribiron no rexistro con posterioridade ao 1 de agosto (data na que o censo para o 29N quedou pechado), os que realmente poderán votar nunhas semanas serán entre 7.000 e 8.000 persoas. Cos datos de participación de eleccións xerais anteriores, no consulado fixeron un cálculo de cantos exercerán realmente o seu dereito. E o resultado son unhas 600 persoas. Son 600 votos a repartir en 52 provincias e para todos os partidos. É dicir, que a incidencia dos nacionalizados pola lei de netos residentes en Bos Aires, tendo en conta os 24,6 millóns de votos emitidos nas últimas xerais (en España e fóra), non suporía máis que o 0,002%, milésima máis, milésima menos.

A orde do Supremo é buscar entre toda esa maraña de papel para suspender preventivamente o dereito ao voto, non a todos os descendentes de exiliados republicanos que obtiveron a nacionalidade pola Lei de Memoria, senón só aos que accederon a ela grazas a unha presunción que contén a instrución do Ministerio de Xustiza que explica o procedemento ao que se teñen que acoller os aspirantes. Esa presunción considera exiliados a todos os que abandonaron España entre o 18 de xullo de 1936 e o 31 de decembro de 1955. Para os que non se acolleron a ela e probaron con documentación a condición de exiliado político do seu antepasado, os consulados deben emitir unha certificación acreditativa diso para que poidan exercer o sufraxio. Trátase, explican desde o consulado, dun traballo moi minucioso e delicado pola súa transcendencia que obriga a revisar expediente a expediente. Exteriores creou unha ferramenta informática para acelerar o proceso, pero só se puxo a disposición das legacións este pasado xoves.

Na mesma situación que Bos Aires atópanse os outros dous consulados da Arxentina (Rosario e Mendoza), o da Habana (Cuba) e o de Caracas (Venezuela). Así o fixo saber ao Supremo o Ministerio de Exteriores a través do avogado do Estado nun informe que advertía de que esas cinco oficinas e outras 11 máis aglutinan o 84,5% dos nacionalizados polo que os datos que obteñan antes dos comicios serán necesariamente parciais. Con todo, na última resolución do Alto Tribunal, que confirmou a suspensión cautelar do voto adoptada sen información concreta de ningún expediente e sen dar audiencia aos afectados (que o Goberno cifra en 163.020), os maxistrados da Sección Cuarta do Contencioso-Administrativo insistiron en culpar de todo ao Executivo. "A carga material de acreditar ese grao de cumprimento", é dicir, de identificar os nacionalizados que non poderán votar, "corresponde única e exclusivamente á Administración Xeral do Estado e á Oficina do Censo Electoral, que omitiu na súa integridade". En resumo, que a imposibilidade de facer o reconto non se debe ao moi controvertido proceso aberto por eles -da man de Vox- senón á inactividade do Estado.

A incerteza e a inseguridade xurídica introducidas polo Supremo é total. Até o punto de que a Xunta Electoral Central (JEC), que se reuniu este pasado xoves (e da que forman parte oito maxistrados de distintas salas dese tribunal), abordou varios escritos de formacións políticas que pedían que o máximo organismo da Administración electoral aclarase como se aplicará a suspensión cautelar acordada polo alto tribunal. Os seus vogais acordaron contestar a todos eles que o asunto se atopa sub iudice e que é por tanto a Sala a que ten que dar información e criterios claros sobre quen e quen non pode votar. A Xunta Electoral, que constatou a imposibilidade conseguir a tempo a información que reclama a Sala, ordenou á Oficina do Censo Electoral que envíe a todos os inscritos no CERA (2,7 millóns de electores) a documentación necesaria para que exerzan o dereito ao sufraxio (como en calquera outro proceso electoral) coa advertencia de que o caso aberto no Supremo podería afectar os seus votos. Tamén decidiu informar o Tribunal de que se adoptou esa decisión. A idea da JEC é que sexan os xuíces que crearon este enorme envurullo os que o resolvan. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.