Voto exterior: "Aquí xógase!"

Fotografías recentes de Feijóo e Abascal sobre unha imaxe de Bos Aires, capital da Arxentina, onde se concentra a maior cifra do CERA galego, e cifras de evolución do censo exterior no noso país CC-BY-NC-SA Fotos: Dione Film | PP | Vox - Montaxe: Praza.gal

-Capitán Renault: Que escándalo, descubrín que aquí se xoga!
-Crupier: As súas ganancias, señor
Casablanca (Michael Curtiz, 1942)

Nas primeiras eleccións galegas que o PP venceu por maioría absoluta con Alberto Núñez Feijóo como candidato á presidencia, en marzo de 2009, o censo exterior das circunscricións electorais de Galicia estaba composto por 337.749 inscricións. Nas seguintes, celebradas en outubro de 2012, o Censo de Residentes Ausentes (CERA) anotados na Coruña, Lugo, Ourense ou Pontevedra aumentara case un 20% ata superar os 397.000 nomes. Catro anos despois, nas novas eleccións de 2016, medrara un 12% máis e xa superaba as 446.000 anotacións.

A extensión de nacionalidade a través da Lei de Memoria Histórica, aplicada hai case dúas décadas por unha vía semellante á que agora frea o Supremo a instancias de Vox, disparou o censo no extranxeiro nuns anos nos que a participación deste electorado caeu a mínimos pola introdución de medidas como garantir a identificación de cada persoa que vota

Naquelas eleccións de 2009, as da fin do goberno de coalición de PSdeG e BNG, participara un 30% do CERA galego, case catro puntos menos que en 2005, as votacións da fin do fraguismo. Fora xeral a percepción de que o descenso (tamén a respecto das xerais de 2008, cando se disparara ata un récord do 35% en Galicia) debíase á introdución dunha mínima garantía: a obriga de anexar unha copia do carné de identidade ao enviar o voto, aprobada polo Goberno de España de José Luis Rodríguez Zapatero entre esixencias de limpeza do PP de Rajoy e Feijóo que esvaeceron cando ambos se converteron en presidentes.

O ton daquelas reclamacións populares sobre e o CERA non era moi diferente ao empregado polos de Feijóo nos últimos meses sobre a mesma cuestión. Agora o cabalo de batalla é a alcumada como lei de netos, a disposición da Lei de Memoria Democrática que, ao xeito do acontecido coa Lei da Memoria Histórica hai case dúas décadas, estendeu o acceso á nacionalidade española á descendencia de persoas que tiveron que exiliarse por motivos políticos na ditadura, precepto agora freado cautelarmente polo Tribunal Supremo a instancias de Vox e doutra organización de extrema dereita chamada Iustitia Europa, que esgrimen un suposto plan de Pedro Sánchez para alterar o censo electoral no seu beneficio.

Máis censo, máis garantías e menos votantes

Ata a introdución do sufraxio rogado, substituído en 2022 polo novo sistema que segue requirindo acreditar a identidade de cada votante, existiron abondosas probas de tráfico de sacas, recollidas masivas de papeletas e votos de persoas xa falecidas

En 2012, cando houbo que volver votar en Galicia, participou apenas o 3% do CERA. Vinte e sete puntos menos que na primeira vitoria de Feijóo. En 2016, pouco máis do 2%. E neses limiares seguiu durante toda a década seguinte. O significativo incremento de potenciais votantes non veu, daquela, acompañado de máis votos chegados do estranxeiro, senón todo o contrario. A razón foi a reforma electoral que en 2011 inseriu o coñecido como voto rogado, a obriga de que as persoas inscritas no CERA solicitasen expresamente participar en cada elección, xunto con outras mudanzas como a exclusión do mal chamado voto emigrante das eleccións municipais.

O propósito declarado daquela reforma de 2011 fora atallar as acreditadas bolsas de fraude no voto CERA. "Tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal xestionado por empresas de correos estranxeiras", resumía en 2018 nunha crónica en Praza.gal Anxo Lugilde, un dos xornalistas con maior coñecemento do voto exterior, autor dun dos libros de referencia na materia -O voto emigrante. Viaxe pola zona escura da democracia española (Galaxia, 2007)- e doutor en Historia Contemporánea cunha tese sobre a participación política da emigración galega. Os principais beneficiarios, evidenciaba Lugilde, foran historicamente os grandes partidos de ámbito estatal.

Co voto rogado chegaran tamén disfuncións como prazos moi axustados ou requisitos idénticos para situacións dispares que contribuíron a afundir a participación do CERA. Corrixilas foi a vontade declarada doutra reforma, a de 2022. Sobre unha iniciativa conxunta do PSOE con Unidas Podemos, a nova normativa suprimiu con ampla maioría absoluta o voto rogado, introduciu un plan para depurar o censo -para, entre outros aspectos, garantir a supresión de persoas falecidas- e novos procedementos, como recibir os sobres de votación sen solicitude previa e descarga das papeletas por internet para votar en urna en embaixadas ou instalacións consulares. Tamén poden votar por correo, co voto enviado á embaixada ou consulado levando anexas copias do carné, do certificado de nacionalidade ou da inscrición consular.

O novo sistema estreouse nas eleccións xerais de 2023 e a participación aumentou, pero seguiu quedando moi lonxe da de noutrora, cando os votos chegaban de ultramar, mais tamén de ultratumba. Estivo arredor do 6% e nas eleccións galegas de 2024 moveuse nos mesmos niveis.

Nesas últimas eleccións galegas de hai dous anos e medio o censo exterior do noso país superaba xa as 476.000 persoas. Un 42% máis que naquelas eleccións de 2009, as primeiras coas fotocopias do DNI, cando a participación do CERA fora dun 30%. Un censo moito maior pero unha participación moi inferior dende que o sistema conta con máis garantías de identificación de cada votante e dificulta prácticas coma o envío masivo de sufraxios sen identificación certeira nin fe de vida.

A disposición suspendida, semellante á de 2008

Ao suspender o dereito a voto ás persoas que accederon á nacionalidade o Supremo non cuestiona o sistema de votación do CERA, senón que asume a tese das litigantes formacións da extrema dereita segundo a cal hai "perigo" para a "transparencia do proceso electoral" 

Foi máis de década e media de incremento do censo exterior no que a causa central foi a extensión da nacionalidade a través da Lei de Memoria Histórica. Aquela norma fíxoo cunha instrución moi semellante á aplicada dende 2022 para desenvolver a Lei de Memoria Democrática: "Presumir" a condición de exiliado a todas as persoas que marcharon entre o inicio do golpe, o 18 de xullo de 1936, e o 31 de decembro de 1955. De aí en diante e ata o 28 de decembro de 1978 "debe acreditarse a condición de exiliado" de pais, nais, avós ou avoas que "orixinariamente fosen españois" e "como consecuencia" dese exilio "perdesen ou renunciasen á nacionalidade".

É esta instrución a atacada politicamente polas dereitas. E a que o Supremo vén de frear atendendo a petición de cautelares reclamadas por Vox e Iustitia Europa e cancelando -cando menos temporalmente- o dereito ao voto das persoas que accederon á nacionalidade por esta vía nos últimos catro anos, un período no que o CERA galego aumentou en máis de 44.000 persoas e o estatal, en máis de medio millón. A suba no total galego rolda o 10%, menos que nos anos da anterior extensión da nacionalidade, durante os cales os resultados do voto emigrante foron sempre, agás en 2009, vitorias esmagadoras do PPdeG.

Feijóo, nun mitin en Bos Aires na precampaña das eleccións galegas de 2009, nun pavillón presidido por unha foto súa xunto a Fraga CC-BY-NC-ND PPdeG

Como os partidos de extrema dereita que litigan contra esta aplicación da Lei de Memoria Democrática, o alto tribunal non cuestiona o sistema de votación do CERA. Tampouco avalía a posible pervivencia de riscos coma os probados no pasado sobre a identificación fidedigna do electorado.

A decisión do Supremo e os ataques das dereitas ao CERA atinxen a un corpo electoral historicamente agarimado polo PPdeG e pouco despois de que a Xunta adquirise por 1,4 millóns unha nova sede en Bos Aires, 'capital' do voto exterior galego

Si considera un "perigo fundado, real e serio" de "poder afectar gravemente" ao que denomina "obxectividade e transparencia do proceso electoral" por incorporar estes novos votantes. O auto, emitido por unha Sala con maioría de maxistrados encadrados no sector conservador da xudicatura (4 a 1) foi redactado por un deles, Antonio Narváez, quen en vésperas das eleccións municipais de 2023 participou nunha cea con Feijóo na que deu credibilidade á tese dun "pucherazo" organizado por Sánchez e expresou o seu desexo de que o ex-presidente da Xunta se convertese en presidente do Goberno de España

O ex-presidente Feijóo, precisamente, celebrou con intensidade o pronunciamento do Supremo a prol das peticións de Vox e devandita organización extraparlamentaria de extrema dereita. "Tiñamos razón", expresou o líder estatal do PP a través das redes sociais sobre unha decisión que atinxe de cheo a un corpo electoral historicamente agarimado polo PP en xeral, polo PPdeG en particular e por el mesmo en concreto tanto dende o partido como dende a Xunta. A mesma Xunta que, en plena cruzada dos populares contra Sánchez a conta do voto CERA, vén de destinar 1,4 millóns de euros do seu fondo de imprevistos a mercar unha nova sede en Bos Aires,  para "reforzar a visibilidade institucional" do Goberno galego na capital da Arxentina, país que aglutina en torno a 180.000 inscricións do CERA galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.