A reforma do sistema de voto das persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA), o coñecido popularmente como voto emigrante, encara a súa recta final. O texto promovido polo PSOE e Unidas Podemos a principios de 2021 vén de superar esta semana o trámite na Comisión Constitucional do Congreso, onde saíu adiante por ampla maioría absoluta sen modificacións substanciais, achegando un pouco máis o momento en que poidan volver entrar en xogo en Galicia centos de miles de papeletas chegadas do estranxeiro. Non en van, as inscricións no CERA das catro provincias galegas roldan xa o medio millón e maioritariamente compóñense por descendentes de emigrantes que xa non naceron no país.
A reforma naceu coa intención de suprimir o voto rogado, implantado en 2011 como medida para frear a fraude na participación electoral do censo dos chamados residentes ausentes
Encamíñase agora ao pleno unha modificación que ten como medida estrela a supresión do sistema de voto rogado, isto é, a solicitude específica para participar en cada elección dende o exterior. Esta medida, implantada en 2011, tiña como obxectivo frear o "tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal" no voto exterior, tal e como resumiu o xornalista Anxo Lugilde, un dos máis profundos estudosos deste sistema de voto e as súas zonas escuras.
As modificacións introducidas no trámite da lei en comisión non alteran, no fundamental, o sistema ideado polos actuais socios no Goberno de España para substituír o voto rogado, dende cuxa implantación a participación electoral no exterior caeu en picado. Así, segue prevendo que en cada elección na que poden participar as persoas inscritas no CERA (todas agás as municipais), reciban sen solicitude previa os sobres de votación "con sistemas de seguridade axeitados" e dous certificados de inscrición no censo. O envío realizarase entre 18 e 25 días despois da convocatoria electoral.
Xunto coa documentación, as persoas inscritas no CERA recibirán un enderezo web para descargar as papeletas
Ademais, enviaranlles tamén unha folla informativa cos detalles sobre como votar e mais un enderezo web "no que se exporán as candidaturas definitivas" e onde ademais "estarán dispoñibles os xogos de papeletas descargables con todas as candidaturas concorrentes". "Coa fin de garantir o segredo do voto, só poderá efectuarse a descarga telemática do xogo completo de papeletas", agregou o Congreso durante o trámite parlamentario. Nesta liña, a norma tamén dá ao Goberno de España un ano dende a súa entrada en vigor para implantar mecanismos que afonden no uso de internet neste trámite.
Segundo a nova norma, os considerados oficialmente como "residentes ausentes" terán dúas vías para votar. Unha opción será facéreno en urna en embaixadas, oficinas ou seccións consulares nas que estean inscritos entre 8 e 3 días antes do día das eleccións. Alí atoparán sobres e papeletas oficiais, como as de calquera colexio electoral e para votar terán que amosar o DNI, o certificado de nacionalidade ou o certificado de inscrición no rexistro de matrícula consular. Cada voto terá que ir asinado e selado pola embaixada ou oficina consular.
A segunda opción de voto que contempla a lei é o correo, a máis habitual no coñecido como voto emigrante. Neste caso, a reforma mantén unha das cautelas introducidas antes da implantación do voto rogado: xunto co voto e o certificado de inscrición do censo, terán que remitir unha fotocopia do DNI, do certificado de nacionalidade ou da inscrición consular. "A documentación -dirá a nova lei- enviarase persoalmente polo elector por correo postal, certificado cando sexa posible", á oficina consular ou sección consular que lle corresponda. Serán estas representacións do Estado no exterior as que remitan "por valixa diplomática" os votos.
Depuración do censo para "comprobar a fe de vida"
A reforma establece que o censo exterior se revise cada cinco anos para suprimir inscricións de persoas falecidas e suprimir erros
Alén das garantías na identificación de votantes, un dos aspectos do voto exterior que máis receos causou dende a súa posta en marcha tras a ditadura foi a ausencia dun censo depurado, dando lugar a que mesmo persoas falecidas seguisen tendo formalmente dereito a votar -ao longo dos anos, foron diversas as probas de votos emitidos a nome de falecidos-. Coa intención de atallalo, a reforma inclúe un "prazo máximo de seis meses" dende a súa entrada en vigor para un "procedemento extraordinario de verificación de datos" do CERA, para "comprobar a fe de vida" dos votantes e corrixir posibles erros.
Esa revisión, agrega, repetirase cada cinco anos. Ademais, a lei impón que o Goberno central revise "a normativa sobre inscrición" nos rexistros de matrícula das oficinas consulares e, no mesmo prazo de seis meses, regule as condicións que deben reunir os lugares onde as persoas inscritas no CERA poidan votar de modo presencial.
Con todos estes cambios sobre a mesa, se a lei sae finalmente adiante e entra en vigor todo parece indicar que o electorado do exterior volverá ter un peso determinante nas eleccións que se celebren en Galicia. Se a reforma trae consigo taxas de participación semellantes ás da primeira década deste século, chegarían ás circunscricións galegas máis de cen mil votos en cada elección procedentes dun censo que nas últimas eleccións galegas, as de 2020, xa moveu un deputado (o reconto do voto emigrante restou un escano ao PSdeG na provincia de Pontevedra e deullo ao PP) e que no pasado xa chegou a estar a piques de condicionar a cor do Goberno da Xunta.