O padrón de galegos e galegas residentes no estranxeiro aumentou de novo en 2018 até alcanzar as 519.646 persoas. Son, xa que logo, case 520.000 os cidadáns residentes fóra do Estado español, con nacionalidade española e empadroadas a efectos electorais nalgunha provincia galega.
Así define este colectivo o Instituto Nacional de Estatística (INE), que vén de facer público os últimos datos actualizados a 1 de xaneiro de 2019 do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE). Son, xa que logo, o número global de galegos – administrativamente falando – que viven fóra de España, incluíndose aí tanto aqueles nacidos en Galicia, como os seus descendentes con pasaporte español ou novos emigrantes que marcharon nestes últimos anos. Do total de cidadáns incluídos neste padrón, o 70,8% non naceu en Galicia. Tan só o 29,2% é orixinario do país.
O padrón de galegos residentes no estranxeiro aumentou un 0,6% en total en 2018, até alcanzar as case 520.000 persoas, malia descender o número de persoas nadas en Galicia que vive fóra de España
Segundo os datos do INE, o padrón dos galegos no estranxeiro aumentou nun total de 3.127 persoas nun ano, até alcanzar esas 519.646 fronte ás 516.489 rexistradas na mesma data de doce meses antes, o que supón un lixeiro aumento do 0,6%.
Non quere dicir isto, no entanto, que a emigración galega aumentase no último ano, polo menos cara a fóra do Estado. De feito, de termos en conta, dentro do devandito padrón, os galegos nados en Galicia e residentes no estranxeiro na actualidade, a cifra descendeu con respecto a comezos de 2018.
Así, mentres hai máis dun ano eran 154.312 o número de persoas nacidas en Galicia que vivían nalgún país fóra de España, a principios deste 2019 a cifra baixou ás 151.763, 2.549 menos, o que supón un descenso do 1,7%.
Ademais, e no que ten que ver coas novas inscricións de persoas galegas no estranxeiro, tamén houbo un mínimo descenso no último ano, ao pasarse das 17.044 que se realizaron en 2017 ás 17.015 que tiveron lugar en 2018. Estas altas, como aclara o propio INE, poden deberse “calquera das causas posibles” para obter a nacionalidade española, ben sexa por “nacemento, nacionalización, omisión e emigración desde o Estado ao estranxeiro”.
O número de novas inscricións de galegos no estranxeiro descendeu en 2018 e o 76% delas tiveron lugar no continente americano
De feito, a maioría de novas inscricións en 2018 tiveron lugar no continente americano: 12.988, máis do 76% do total, fronte ás 3.584 en Europa, o 21%. A Arxentina ou Cuba foron os países onde máis altas no padrón dos emigrantes galegos se deron.
Sexa como for, Galicia segue a ser un país emigrante. Máis aínda se temos en conta que a estes datos referentes ao exterior habería que engadirlles tamén os das persoas nadas en Galicia e que residen nalgunha outra comunidade autónoma do Estado, un total de 340.805 segundo os últimos datos do INE, sen ter en conta aqueles que o fan temporalmente e non se empadroaron no seu lugar de destino.
En total, no mundo hai algo máis de 2,8 millóns de persoas nadas en Galicia, das que o 12,4% viven noutras comunidades autónomas do Estado e un 5,4% nalgún país estranxeiro. Son, en total, un 17,4%, unha porcentaxe que sitúa o país como un dos que máis poboación nativa ten emigrada noutro territorio, ao nivel de Irlanda segundo os últimos datos da OCDE e, posiblemente, mesmo superior a outros países con altas porcentaxes de cidadanía vivindo fóra como Nova Celandia ou Portugal.
O 17,4% das persoas nacidas en Galicia residen fóra do país: o 12,4% noutras comunidades autónomas e o 5,4% nalgún territorio fóra do Estado
E onde hai máis galegos? A resposta segue a coincidir co imaxinario colectivo. Na Arxentina viven aínda na actualidade 43.372 persoas nacidas en Galicia e un total de 178.539 cidadáns galegos con pasaporte español. En Suíza, son 19.618 os que viron a luz no país e un total de 41.104 de sumarmos tamén os descendentes. Ademais, Francia, Reino Unido ou Alemaña, en Europa; e Venezuela, os EUA, Uruguai ou Brasil en América manteñen unha importante colonia galega de milleiros de persoas.
En Cuba, por exemplo, quedan 401 persoas nadas en Galicia vivindo aínda alí, pero hai 43.480 que se inclúen dentro do padrón de galegos residentes no estranxeiro.