O Instituto Galego de Estatística vén de actualizar as súas cifras poboacionais de referencia cos datos do ano que rematou hai pouco, o 2018, e a primeira conclusión é a habitual: Galicia segue a perder poboación e está a piques de baixar do limiar dos 2,7 millóns de persoas, tal e como avanzaran outros indicadores, como os fornecidos polo INE. Esta actualización permite realizar unha radiografía da década da crise, na que esmoreceron as leves melloras na fenda entre nacementos e mortes que se rexistraran na recta final da expansión económica de comezos de século.
O Concello que máis poboación gañou nesta década foi Ames, cun incremento superior ás 4.000 persoas entre 2009 e 2018
A diferenza doutros estudos estatísticos, os datos do IGE si chegan ao nivel de desagregación municipal. E, botando a vista atrás cara ao considerado como primeiro ano completo da crise económica, o 2009, é posible afirmar que en medio cento de concellos nesta década aumentou a poboación. Son, concretamente, 48 concellos encabezados de maneira moi destacada por Ames, o municipio lindeiro con Santiago que cada ano destaca tamén por ser un dos pouco nos que a cifra de nacementos segue a superar á de falecementos.
Na área atlántica do país os concellos que gañan poboación trazan unha liña sobre o mapa que permite, practicamente, seguir o trazado da AP-9. O segundo concello que máis poboación gañou tras Ames (+4.500 habitantes) foi Santiago (+2.944) e tras eles sitúanse Pontevedra (+2.810) e tres municipios da contorna da Coruña: Oleiros (+2.427), Arteixo (+2.274) e Culleredo (+2.125).
Ségueos Lugo (+1.998) e dous municipios próximos a Ourense e Ferrol: Barbadás e Narón, que gañan 1.636 e 1.572 habitantes nesta década. Mentres, no mesmo período a cidade de Ourense perdeu algo máis de 2.200 habitantes e Ferrol, case 7.000. Entre os municipios que gañaron máis de 1.000 habitantes durante esta década figuran tamén Poio, Cambre, Sada, Porriño e Salceda de Caselas.
O IGE estima que nos anos 30 deste século en Galicia xa vivirá máis poboación maior de 80 anos que menor de 14 e falecerán cada ano case 19.000 persoas máis das que nacerán
Esta concentración de poboación en torno ás cidades e grandes vilas das súas contornas mentres comarcas do centro do país e tamén áreas como a Costa da Morte tenden á despoboación rexístrase nun contexto no que as proxeccións de poboación do propio IGE non son optimistas. Non en van, os seus cálculos máis recentes indican que nos anos trinta deste século -isto é, dentro de apenas dez anos-, en Galicia xa vivirá máis poboación maior de 80 anos que menor de 14.
Atendendo a esas mesmas previsións, só unha importante chegada de continxentes de inmigración impediría que continúe a senda descendente do crecemento vexetativo galego, isto é, o crecemento da fenda entre nacementos e mortes. Ese indicador rolda agora as 14.000 persoas, pero o IGE calcula que arredor de 2033 xa falecerán en Galicia case 19.000 persoas máis das que van nacer.