Galicia, 2033: máis persoas maiores de 80 anos que menores de 14

Obra de teatro dunha compañía formada por persoas maiores, na Cidade da Cultura © Xunta

Como será a Galicia dos anos 30? Non é doado responder esta pregunta en moitos ámbitos políticos, sociais ou culturais do país. Si existen pistas no eido demográfico e non son optimistas. As proxeccións de poboación que vén de actualizar o instituto Galego de Estatística (IGE) indican que, agás no caso dun radical cambio de tendencia, na Galicia de dentro de 15 anos vivirán unhas 145.000 persoas menos que na actualidade e a poboación estará notablemente máis envellecida.

As proxeccións demográficas do IGE indican que en 2033 en Galicia vivirán máis de 277.000 mulleres e homes maiores de 80 anos e menos de 250.000 menores de 14

Nese país que debuxan as proxeccións estatísticas hai dúas tendencias ben claras. A poboación galega seguirá a incrementar a súa esperanza de vida e, daquela, o número de persoas anciás aumentará considerablemente. Así, por exemplo, as mulleres de homes maiores de 80 anos pasarán de arredor de 236.000 en 2017 -último dato real- a máis de 277.000 no ano 2033. Esas mesmas proxeccións indican un descenso continuado da poboación infantil. 

Tal é a magnitude de ambos fenómenos que as liñas de ambos grupos de poboación se cruzarán na contorna do ano 2030. Así, o IGE prevé que en 2033 en Galicia xa haxa máis poboación anciá maior de 80 anos que rapazada por baixo dos 14, que pasará de case 325.000 mozos e mozas a menos de 250.000.

O Instituto Galego de Estatística estima que os grupos de poboación que aumentarán con máis intensidade na vindeira década e media comezan alén dos 60 anos

Alén desa ilustrativa mudanza na estrutura poboacional galega, con máis persoas de 80 anos que menores de 14, as proxeccións do resto de grupos de idade van, en xeral, na mesma dirección. O IGE prevé que en década e media Galicia perda case 25.000 nenas e nenos menores de catro anos e que na franxa de 5 a 9 a redución sexa de case 33.000. Tamén se reducirá a poboación de entre 30 e 50 anos, segundo as mesmas proxeccións.

Mentres, os grupos de poboación que aumentarán moi notablemente comezan alén dos 60 anos. Por exemplo, no ano 2033 habería case 35.000 persoas máis de 60 e 64 anos e arredor de 32.000 máis de entre 65 e 69.

O IGE prevé que o número de nacementos caia por baixo dos 15.000 anuais

Sempre segundo as proxeccións do IGE, a demografía galega de dentro de 15 anos será, en boa medida, produto dunhas tendencias moi semellantes ás actuais. O número de nacementos caerá por baixo dos 15.000 anuais -no último ano completo foron algo máis de 18.000-.

Mentres, os falecemento aumentarán levemente, de arredor de 32.000 a máis de 33.000 anuais. Isto implicará, atendendo aos cálculos estatísticos, que o decrecemento vexetativo se agudice e que en 2033 xa se rexistren en Galicia case 19.000 mortes máis que nacementos cada ano.

Dende 2016 o saldo migratorio de Galicia volveu ser positivo por mor do incremento de chegadas de persoas procedentes de Sudamérica, pero non compensa o decrecemento vexetativo

Dado que, malia ás medidas anunciadas nos últimos tempos -caso do cheque-bebé da Xunta-, non semella que o número de nacementos vaia incrementar de xeito notable nos vindeiros anos en Galicia, estudos demográficos dos últimos anos apuntan ás migracións como única vía para frear a sangría poboacional galega. Nomeadamente, os números máis recentes indican que Galicia tería que duplicar a chegada de inmigrantes para equilibrar a súa balanza demográfica.

Dende o ano 2016 o saldo migratorio  de Galicia volve ser positivo, sobre todo por mor do incremento da chegada a Galicia de persoas procedentes de América LatinaA inmigración dende o estranxeiro duplicouse en Galicia entre 2016 e 2017, especialmente a orixinaria de Venezuela, Brasil e Colombia. Pero non é dabondo. Entre outros aspectos, porque o saldo migratorio da poboación menor de 35 anos con relación a outros puntos do Estado (sobre todo Madrid, Cataluña e Andalucía) segue a ser negativo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.