0 Gardados para despois

Galicia tería que duplicar a chegada de inmigrantes para equilibrar a actual sangría demográfica

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Galicia segue a perder poboación. Os últimos datos, correspondentes ao 1 de xaneiro de deste ano 2018, fixan o número de habitantes nos 2.700.970, fronte aos 2.708.339 do ano anterior. A razón está no negativo saldo vexetativo que presenta o país dende hai anos: morre máis xente da que nace. De feito, 2017 foi o ano con menos nacementos da historia en Galicia e, igualmente, foi o exercicio co maior diferenza entre defuncións e nacementos dende que hai datos (-13.364).

2017 foi o ano con menos nacementos da historia en Galicia

A inmigración compensou durante a maior parte da pasada década a diminución da natalidade en Galicia. Entre 2002 e 2009 o saldo migratorio de Galicia foi superior ao negativo saldo vexetativo, permitindo que a poboación galega medrase, aínda que fose de forma paseniña. A crise económica posterior limitou a chegada de inmigrantes e expulsou do país a unha parte dos que chegaran nos anos anteriores, e tamén a milleiros de galegos e galegas nativas, que buscaron novas oportunidades noutros lugares. O saldo migratorio tornou negativo entre 2013 e 2015. Dende o ano 2016, os fluxos migratorios volven deixar un saldo positivo, sobre todo grazas ao incremento da chegada a Galicia de persoas procedentes de América Latina. A inmigración dende o estranxeiro duplicouse en Galicia entre 2016 e 2017, nomeadamente con orixe en Venezuela, Brasil e Colombia. Iso si, o saldo migratorio dos e das menores de 35 anos con outras comunidades autónomas do Estado (sobre todo Madrid, Cataluña e Andalucía) segue a ser negativo.

A inmigración dende o estranxeiro duplicouse en Galicia entre 2016 e 2017, nomeadamente con orixe en Venezuela, Brasil e Colombia

Porén, a inmigración segue a ser insuficiente para compensar a sangría demográfica. Cos datos de 2017, sería necesario que o saldo migratorio positivo que actualmente presenta Galicia se duplicase. Cómpre ter en conta que o progresivo envellecemento da poboación galega fara que os nacementos sexan cada vez menos e máis numerosas as defuncións, polo que o número de novas inmigrantes necesarias para equilibrar a perda poboacional será cada vez maior.

O IGE prevé que no ano 2030 o saldo vexetativo galego se achegará a -20.000, polo que será necesario triplicar o actual saldo migratorio positivo só para que Galicia non perda a súa actual cifra de habitantes

De feito, nas proxeccións realizadas o pasado ano polo IGE, o Instituto Galego de Estatística prevía que no ano 2030 o saldo vexetativo galego se achegaría a -20.000, polo que será necesario triplicar o actual saldo migratorio positivo só para que Galicia non perdese a súa actual cifra de habitantes. Frear ou reverter o envellecemento da poboación galega e a despoboación de moitas zonas do país ou axudar a soster as pensións futuras ou o actual estado de benestar farían necesaria unha cifra de inmigrantes moito maior. Todos os datos amosan a falta de base das proclamas e especulacións lanzadas nas últimas semanas por políticos de partidos de dereita como Pablo Casado, novo presidente do Partido Popular.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Só 13 concellos teñen máis nacementos que mortes

O IGE publicou este martes os datos de nacementos e movementos naturais de poboación correspondentes aos 313 concellos galegos. A estatística vén debuxar un panorama moi semellante ao de anos anteriores. Tan só 13 concellos tiveron en 2017 máis nacementos que defuncións: Ames, O Porriño, Arteixo, Salceda de Caselas, Poio, Burela, Oroso, Cambre, Pontecesures, Oia, Barbadás, San Cibrao das Viñas e Soutomaior. Chama a atención, ao igual que en anos anteriores o moi positivo dato de Ames (+139), O Porriño (+57) ou Arteixo (+47).

Trátase de Ames, O Porriño, Arteixo, Salceda de Caselas, Poio, Burela, Oroso, Cambre, Pontecesures, Oia, Barbadás, San Cibrao das Viñas e Soutomaior

No resto, o saldo vexetativo foi negativo, unha categoría na que se inclúen mesmo localidades que ata hai pouco rexistraban máis nacementos que mortes, como Culleredo (-1). E tamén as sete cidades, entre as que Pontevedra (-112), Compostela (-120) ou Lugo (-187) son as que presentan indicadores mellores, superando a Ourense (-403), Vigo (-466), Ferrol (-517) e A Coruña (-731).

Comparando os datos de 2017 cos que se produciran dez anos antes, en 2007, observamos unha evolución negativa nos saldos vexetativos de case todos os concellos, mesmo naqueles con máis nacementos e poboación máis nova. Así, Vigo pasou de rexistrar 203 nacementos máis que mortes en 2007 a presentar un saldo de -466 en 2017. E Pontevedra pasou de +157 a -112. Tamén Redondela pasou de +32 a -120. E Marín de +51 a -35. Ou Sanxenxo de +42 a -42. 

En 9 concellos non se produciu ningún nacemento durante o ano 2017

En 9 concellos non se produciu ningún nacemento durante o ano 2017: Negueira de Muñiz,  Baños de Molgas, Beariz, O Irixo, Calvos de Randín, Gomesende, Verea, San Xoán de Río e A Gudiña. Noutros 14 houbo só un nacemento o pasado ano: Vilasantar, A Capela,  Cervantes, Lobeira, Piñor, Vilar de Santos, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Quintela de Leirado, Chandrexa de Queixa, Petín, A Veiga e Vilariño de Conso.