Laboratorio Ecosocial do Barbanza: (re)pensar o terreo en conxunto e recuperar prácticas sostibles

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza logrou a planificación conxunta de máis de 2.000 hectáreas de terreo comunal © Laboratorio Ecosocial do Barbanza

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza promove unha reactivación sostible do territorio a partir do coñecemento das comunidades locais, que tomaron conciencia dos beneficios da ordenación conxunta do territorio na loita contra o abandono, a seca e os lumes

Que hai do pasado que se poida recuperar para contribuír a unha transición socioecolóxica? O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa da Fundación RIA e do grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela que naceu no ano 2020 –aínda que se nutre do traballo de décadas levado a cabo en Histagra– co obxectivo de promover unha reactivación sostible do territorio a partir do coñecemento das comunidades locais.

Coñecer mecanismos e lóxicas que poidan ser replicables noutros puntos do país foi o motor do proxecto nestes cinco anos, nos que contaron co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado a través dos fondos NextGeneration da Unión Europea, que aportou dous millóns de euros. Un impulso que chegou no ecuador do proxecto, tras o respaldo inicial da Fundación Banco Santander e a Catédra Juana de Vega.

Esas experiencias que fan da península do Barbanza un territorio altamente resiliente e que se poden recuperar hoxe para un mellor aproveitamento do monte, mais tamén unha mellor calidade de vida para as persoas, son posibles grazas ao traballo conxunto de varias comunidades de montes locais, que en total xestionan o 36% do territorio do Barbanza.

Un rabaño de cabras nun dos terreos das comunidades de montes © Laboratorio Ecosocial do Barbanza

"En Galicia temos máis dun millón e medio de persoas propietarias catastrais diferentes, con parcelas moi pequenas; sen embargo, por outra banda, temos 3.000 comunidades de montes que xestionan o 5% do territorio", detalla Adrián Capelo

“O Laboratorio Ecosocial do Barbanza identifica o grande valor das iniciativas promovidas polas entidades locais, polas persoas que viven e que traballan no territorio. Neste sentido, as comunidades de montes veciñais en man común, unha figura propia de Galicia que se atopa noutros territorios con outras formas, presentan moitas vantaxes na súa xestión do territorio fronte á iniciativa particular ou privada.

Por que? Porque en Galicia temos máis dun millón e medio de persoas propietarias catastrais diferentes, con parcelas moi pequenas; sen embargo, por outra banda, temos 3.000 comunidades de montes que xestionan o 5% do territorio de Galicia. Interésanos o seu potencial para a xestión do territorio non só pola superficie, senón polas propias comunidades, algunhas integradas por centos de familias que viven no territorio e son as primeiras interesadas nese manexo sustentable”, detalla Adrián Capelo, xestor de proxectos na Fundación RIA e coordinador do Laboratorio Ecosocial.

"Por medio da gandaría podemos asentar traballos no ámbito rural", di Rafael Saco, que explica como están a aplicar a "gandaría rexenerativa" no territorio 

“Podemos atopar conceptos como ‘economía circular’, ‘valorización de residuos’ ou ‘aproveitamento sostible de recursos’ nas formas de manexo histórico do territorio?”, preguntábanse no comezo desta experiencia. A resposta é de todo afirmativa. Rafael Saco, presidente da Plataforma en Defensa do Monte, que colabora no proxecto, salienta que unha das iniciativas no marco do Laboratorio Ecosocial do Barbanza é aplicar a “gandaría rexenerativa”. O que se fixo toda a vida, pero nun contexto distinto. 

“Por medio da gandaría podemos asentar traballos no ámbito rural. Tiñamos unha comunidade en Taragoña, no Fieitoso, e foi a experiencia piloto do que fomos facendo. Agora estamos entorno ás 150 cabras repartidas en tres rabaños. Tivemos un ataque do lobo, pero estamos tomando medidas e vendo como xestionalo. É todo unha aprendizaxe”, debulla Saco. Medio Rural aprobou a instalación de cinco peches gandeiros, que se precisan completar con refuxios gandeiros, para poder mover os rabaños e que vaian rexenerando o maior número de hectáreas.

As comunidades de montes tomaron conciencia dos beneficios da ordenación conxunta do territorio © Laboratorio Ecosocial do Barbanza

O abandono do territorio, a seca e os lumes. Eses son os principais problemas que identifican na Plataforma en Defensa do Monte, que xurdiu a raíz dos incendios quen en 2019 arrasaron 1.200 hectáreas de monte nos concellos de Rianxo e Dodro, e provocaron a ruína económica de moitas comunidades de montes locais que estaban preparadas para cortar a madeira que ardeu. Esta unión permitiu a redacción dun documento con directrices para a ordenación conxunta do territorio forestal de maneira sustentable

Nesta plataforma están integradas oito comunidades de montes do Concello de Rianxo, das cales seis participan no proxecto de restauración ambiental e biodiversificación das masas forestais que están a levar a cabo dende 2023, cando entraron os fondos europeos no Laboratorio Ecosocial. “Levamos un traballo moi intenso, pero hai que salientar o que significa a integración no tecido comunitario deste proceso totalmente asembleario que implica a 769 familias comuneiras”, sinala Rafael Saco, para engadir que levan dez contratacións ao abeiro do proxecto. 

Desenvolvendo a idea da ordenación sostible do territorio, Saco explica que levaron a cabo un labor de eliminación de especies non desexadas, exóticas e invasoras nunha superficie total de 76 hectáreas. Por exemplo, procederon á “erradicación de eucaliptos de 32 hectáreas” e “de acacia negra e mimosa en 40 hectáreas”.

"Ninguén está libre de que haxa un incendio", asegura Rafael Saco, pero "o que houbo foi un traballo permanente no territorio e só iso favorece que non haxa lumes"

Nestes traballos tamén inclúen “importantes actuacións de prevención de lumes sobre máis de 500 hectáreas” con limpezas e rozas, entre outras accións. Realizaron clareos en coníferas e frondosas ou podas baixas para “ir xerando zonas de descontinuidade fronte aos incendios forestais” e levaron a cabo melloras silvícolas nas masas forestais. Plantáronse sete hectáreas de castiñeiros en Leiro e preparáronse moitos terreos para plantar. 

“Ninguén está libre de que haxa un incendio”, asegura Rafael Saco, pero “o que houbo foi un traballo permanente no territorio e só iso favorece que non haxa lumes”. Ademais, se se chega a producir, estarían nunha situación “moito máis favorable para poder controlalo”. Unha das estratexias que deseñaron e agardan poder executar no futuro inmediato, a pesar de que se rematen os fondos que aportou o Ministerio, é empregar a autovía do Barbanza como barreira para o lume, facendo extensivas aos lados franxas de frondosas, de maneira que se consiga a amplitude necesaria para frear as lapas.

Rafael Saco insiste en que este proxecto funciona e “é replicable” noutros lugares do país, porque “non é un gran modelo uniforme que se impón” dende as administracións, senón que “parte das realidades da xente, da propia comunidade, a medida das necesidades e incorporando os coñecementos” do eido da investigación que aportan dende a universidade.

Na Plataforma en Defensa do Monte teñen claro que “o lume non vai deixar opción a mirar cara a outro lado” e que cómpre “un cambio de orientación das políticas forestais”. “Hai que establecer barreiras e controlas os monocultivos. É preciso erradicar unha especie única que colonice todo o territorio, e unha ferramenta importante son as comunidades de montes”, asegura Rafael Saco, quen apunta que o futuro pasa tamén por “ir cara a usos diferentes na madeira” e “crear un tecido económico no rural”.

Revalorización dos recursos naturais

A comunidade de montes de Baroña leva anos facendo unha xestión multifuncional do monte e xa aplica hai anos os cambios que está implementando agora a Plataforma pola defensa do monte como é a incorporación do gando para o manexo das masas forestais ou os cotos micolóxicos e a produción de mel. Xuntas, da un paso máis nunha acción de transformación de residuos.

"O que significa a transformación de produtos do monte é basicamente que eses recursos que normalmente se producen –madeira, residuos agroforestais ou da gandaría– se transforman para aportar maior valor", explica Claudia de Sas

“O que significa a transformación de produtos do monte é basicamente que eses recursos que normalmente se producen –madeira, residuos agroforestais ou da gandaría– se transforman para aportar maior valor na cadea deses distintos produtos que poden saír deses recursos”, indica Claudia de Sas, paisaxista na Fundación RIA e coordinadora desta acción de transformación de produtos do monte no Laboratorio Ecosocial xunto coa Plataforma pola Defensa do Monte e a comunidade de montes de Baroña.

Como se transforma a madeira? “Pois a través dun serradoiro portátil dunha marca sueca, que permite non ten que transportar moito a túa madeira e aproveitar menores cantidades de madeira que nos serradoiros habituais, que traballan coas lóxicas da industria. A maiores, permite facer táboas e listóns que se están a transformar en peches ou infraestrutura de soporte”, conta De Sas, para engadir que o 15 de novembro terán a derradeira xornada de transformación de madeira en Baroña.

Probas en Baroña para a valorización de residuos forestais © Laboratorio Ecosocial do Barbanza

No caso dos residuos, principalmente o que ten que ver coa limpeza das camas das cortes das cabras ou das ovellas, que son as únicas que teñen cabanas, pois o resto de animais están en semiliberdade. En Baroña, onde xa tiñan ovellas, vendían ese esterco. “Agora están facendo un proceso de compostaxe que permite unha maior hixienización do residiu e melloralo incorporando outro tipo de residuos como restos de poda triturados. Ese abono de maior calidade facilitouse a veciños da zona”, conta Claudia de Sas.

A parte máis destacada do proxecto está no centro de transformación colaborativo de alimentos Baroña, centrado na carne. “As comunidades de montes están a impulsar o gando e o seu era que tiveran un aproveitamento económico desa gandaría, que ademais a maioría son cabras rústicas para carne. En Baroña xa tiñan gando caprino, ovino e tamén vacún e querían sacarlle un maior rendemento”, describe Claudia de Sas.

"Vai ser un espazo pioneiro en Galicia", avanza Claudia de Sas sobre o centro de transformación colaborativo de alimentos Baroña, centrado na carne

Este centro de transformación dispón de carnicería e de cociña, aínda en proceso. “Vai ser un espazo pioneiro en Galicia”, avanza Claudia de Sas, grazas a un apoio da Deputación da Coruña, que ten a súa propia rede de coworking alimentarios, o da Fusquenlla e o de Brión. “Entra carne e convértese en chourizos ou hamburguesas, pero tamén en guisos, caldos, patés... Durante o proxecto investigamos tamén nun recetario e colaboramos con catro cociñeiros que axudaron a crear as liñas de produción”, agrega. 

Exposición, debates e un proxecto educativo 

A Fundación RIA promove na súa sede en Compostela, a Casa RIA, unha exposición que percorre os cinco anos de traballo do Laboratorio Ecosocial ata o 24 de xaneiro de 2026 e un programa de mesas de debate sobre temáticas vinculadas ao proxecto, como a xestión comunitaria do territorio, o uso da madeira de proximidade na construción, a gandería rexenerativa como ferramenta económica e ambiental (20 de novembro), o papel das comunidades na transición enerxética (4 de decembro) e a formación no medio rural (15 de xaneiro).

Paralelamente, van organizar visitas a outras experiencias de voluntariado ambiental e están a desenvolver o proxecto educativo Escola aberta e con fume, coordinado pola Fundación Montescola, que busca introducir nos centros escolares actividades e contidos vinculados aos montes veciñais, e vén de ser recoñecido polo Instituto para o Estudo Avanzado da Sustentabilidade da Universidade das Nacións Unidas como 'Proxecto Insignia', dentro dos Premios RCE para proxectos innovadores de educación para o desenvolvemento sustentable. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.