"Na cultura labrega hai coñecementos moi valiosos para o manexo do territorio e para construír futuros máis sustentables"

Un dos relatorios presentados no obradoiro “Investigación-acción participativa nas paisaxes históricas” organizado polo grupo de investigación Histagra © Histagra

Que podemos aprender dos saberes tradicionais das comunidades rurais sobre a xestión do territorio ou a produción agraria para deseñar un presente e un futuro máis sustentable? Que papel xoga a universidade neste proceso? Como podemos facer que a veciñanza das aldeas sexa suxeito -e non só obxecto- deste tipo de investigacións? Como podemos conseguir que os achados destes proxectos revertan nas propias comunidades nos que se orixinaron?

"Non se trata simplemente dun traballo extractivo dun conxunto de coñecementos, senón que a clave é que iso debe reverter nas propias comunidades"

O pasado xoves o Ecoespazo do CISPAC, na Cidade da Cultura, acolleu o obradoiro 'Investigación-acción participativa nas paisaxes históricas', organizado polo grupo de investigación Histagra da USC no marco das actividades do Laboratorio Ecosocial do Barbanza. O obxectivo era xuntar diferentes experiencias de investigación-acción participativa para poñer en común traxectorias, metodoloxías e oportunidades. 

No acto presentáronse tres proxectos: o Centro D’Investigación y Ecomuséu La Ponte e o Sistema Agroecolóxico Local de Moal, ambos en Asturias, e o propio Laboratorio Ecosocial do Barbanza, experiencia que foi presentada por Roque Sanfiz Arias, investigador predoutoral e membro do equipo de traballo. A sesión pechouse cun tempo de debate moderado por David Fontán Bestilleiro, tamén investigador predoutoral e membro do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, con quen falamos.

No obradoiro deste xoves presentáronse tres proxectos distintos entre si pero que compartides metodoloxías e obxectivos. Que é o que tedes en común?

Si, para esta sesión buscamos proxectos que fosen diversos pero que tivesen un punto moi imporante en común: o traballo de investigación dende as comunidades en ámbitos rurais para colaborar na resolución de retos que estas afrontan. Non se trata simplemente dun traballo meramente extractivo dun conxunto de coñecementos, senón que a clave é que iso debe reverter nas propias comunidades.

Participantes no obradoiro “Investigación-acción participativa nas paisaxes históricas” organizado polo grupo de investigación Histagra © Histagra

As persoas que participamos neste obradoiro consideramos que na cultura labrega, tan desprezada durante tanto tempo, existen coñecementos moi valiosos para o manexo do territorio, uns coñecementos que son esenciais para entender como se foron configurando os territorios e as paisaxes que chegaron a nós, pero tamén para construír futuros máis sustentables. Todo iso do que hoxe tanto se fala está moi ben asentado no pasado. Polo tanto, buscamos afondar ese coñecemento, valoralo e actualizalo, poñendo ese coñecemento ao servizo das propias comunidades para que sexa útil de cara ao futuro, para construír aldeas vivas.


Que obstáculos atopan este tipo de proxectos para a súa aplicación práctica?

"A universidade -aínda que comeza a cambiar- tende a favorecer un tipo de investigación máis clásica e académica. Por iso, con proxectos coma o do Laboratorio Ecosocial do Barbanza no que participa Histagra, buscamos botar abaixo estes muros que separan a academia da realidade"

Hai un contexto que, en principio, parece favorable dende un punto de vista económico e de apoio institucional para desenvolver este tipo de proxectos. Porén, a realidade é que hai que enfrontar moitos obstáculos. Por exemplo, a universidade -aínda que comeza a cambiar- tende a favorecer un tipo de investigación máis clásica e académica. Por iso, con proxectos coma o do Laboratorio Ecosocial do Barbanza no que participa Histagra, buscamos botar abaixo estes muros que separan a academia da realidade. De igual xeito, a nivel institucional, estamos vendo como as normas de protección ambiental, paradoxalmente, máis que protexer desprotexen estes espazos, ao favorecer o seu abandono, dificultando aproveitamentos en clave agroecolóxica. A protección ten que existir, pero ten que estar adaptada. Precisamente o que nos ensina o pasado das nosas aldeas é que mentres estiveron habitadas e con plena actividade houbo un equilibrio entre o ser humano e a natureza.

Entendo que un dos elementos fundamentais é que as propias comunidades locais participen no proxecto e que este non sexa simplemente un elemento que chega dende fóra. Neste senso, atopades que a veciñanza destas aldeas valora o seu propio coñecemento ou en ocasións existe un autodesprezo polo seu saber facer?

"O desprezo chega, sobre todo, de fóra. Pero é certo que no interior das aldeas hai unha falta de valoración deses coñecementos, considérase que ese saber facer é atrasado e que non vale para nada"

O desprezo chega, sobre todo, de fóra. Pero é certo que no interior das aldeas hai unha falta de valoración deses coñecementos, considérase que ese saber facer é atrasado e que non vale para nada. Por iso, neste proxecto do Barbanza o que intentamos é deseñar coas comunidades as investigacións dende o inicio, analizando cales son as problemáticas e intereses que teñen. Agora a ordenación do territorio realízase como unha planificación dende fóra, o que é un erro, porque en realidade no rural o 'territorio ordenado' é como estaba tradicionalmente nese contexto de agricultura orgánica, que é a dirección na que temos que camiñar de volta no actual contexto de crise ambiental. Por iso é importante facelo tendo en conta os saberes existentes, que aínda están vivos sobre todo nas persoas maiores.

En relación ao que comentabas sobre esa 'falta de valoración', é certo que cando vén xente de fóra a preguntar por estas cuestións, de inicio sorprende. O primeiro que responden é 'por que me preguntas iso?” ou “que interese ten?”. Pero unha vez que a xente vence esas desconfianzas -que son normais porque nesas zonas cando alguén veu de fóra a preguntar normalmente non foi para cousas boas- pois hai moi boa colaboración e os veciños e veciñas comparten a súa experiencia.

Paisaxe da comarca do Barbanza © LE-SB

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza

O traballo do Laboratorio parte do feito de que as comunidades agrogandeiras manexaron historicamente o territorio, cun saber facer intrinsecamente relacionado coa prestación de servizos ecosistémicos

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é un proxecto pioneiro no Estado na súa combinación de ciencia e sociedade orientada á investigación e praxe en ecoagroinnovación. A súa actividade, en colaboración co grupo Histagra da USC, mira ao pasado e presente das comunidades locais para impulsar os aproveitamentos sustentables do futuro. 

O traballo do Laboratorio parte do feito de que as comunidades agrogandeiras manexaron historicamente o territorio, cun saber facer intrinsecamente relacionado coa prestación de servizos ecosistémicos. Poren, destacan, "son poucas as ocasións nas que ao pensar no capital natural se inclúe aos propios actores involucrados no manexo do territorio". Neste senso, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza busca converterse "nunha iniciativa que facilite ecosistemas de innovación, apostando pola interacción academia-sociedade para converterse nunha sorte de viveiro de proxectos ecoagroinnovadores".

"Son poucas as ocasións nas que ao pensar no capital natural se inclúe aos propios actores involucrados no manexo do territorio", destacan

A partir de preguntas como "é posible protexer un territorio cando se eliminan as relacións coas persoas que o habitan?", "son as políticas proteccionistas garantía de protección dun ecosistema?" ou "podemos atopar conceptos como 'economía circular', 'valorización de residuos' ou 'aproveitamento sostible de recursos' nas formas de manexo histórico do territorio?", o proxecto busca "articular e afianzar propostas ecoagroinnovadoras" a partir "dun conxunto de saberes, tanto históricos como actuais, cos que propoñer alternativas de futuro máis sustentables".

O proxecto toma como espazo, evidentemente, a comarca do Barbanza, pero realizou unha análise máis detallada en tres casos de estudo correspondentes a outros tantos espazos comunais da zona: as comunidades de Baroña, Froxán e Brañas de Laíño.

Entrevista do Laboratorio Ecosocial do Barbanza coa comunidade de montes do Araño © Adirán Capelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.