Fundación RIA, a iniciativa do Premio Pritzker David Chipperfield para redeseñar o modelo territorial de Galicia

David Chipperfield, no Barbanza © Fundación RIA

En 2017 Chipperfield puxo en marcha a Fundación RIA, un think tank "que contribúe á análise, reflexión e planificación estratéxica do territorio, co obxectivo de preservar os seus valores naturais e culturais e promover a súa calidade de vida", co seu traballo centrado na beira arousá da penínsual do Barbanza

Este martes anunciouse a consesión a David Chipperfield do Premio Pritzker 2023, considerado como o "Nobel da arquitectura'. O arquitecto británico, autor de obras icónicas en Berlín, Shanghai ou Seul, pasa longas estadias en Corrubedo, onde construíu unha casa. Hai trinta anos que coñeceu o Barbanza, onde chegou da man do arquitecto Manuel Gallego, unha comarca da que xa se sente como un habitante máis (os seus fillos pasan os veráns en Corrubedo dende que eran cativos) e onde mesmo é coñecido familiarmente como "Chippi". Así mesmo, abriu o pasado ano en Compostela unha das sedes do seu estudio, a quinta tras as que mantén en Londres, Berlín, Shangai e Milán.

Pero, ademais, en 2017 puxo en marcha a Fundación RIA, un think tank "que contribúe á análise, reflexión e planificación estratéxica do territorio, co obxectivo de preservar os seus valores naturais e culturais e promover a súa calidade de vida", co seu traballo centrado na beira arousá da penínsual do Barbanza. A iniciativa impulsada por Chipperfield busca promover "proxectos aliñados coa sustentabilidade ambiental, económica e social" en Galicia que melloren "os medios de vida na súa relación co medio natural, promovendo a calidade de vida da comunidade local e a preservación da identidade, os valores culturais e ambientais do lugar". 

A Fundación fai fincapé na calidade do espazo público, na conservación do patrimonio e na reactivación de zonas degradadas a través de proxectos de rexeneración urbana e rural e que favorezan a integración de infraestruturas e a articulación da mobilidade territorial

Entre outros aspectos, faise fincapé na calidade do espazo público, na conservación do patrimonio e na reactivación de zonas degradadas a través de proxectos de rexeneración urbana e rural e que favorezan a integración de infraestruturas e a articulación da mobilidade territorial.

No propio anuncio do galardón concedido pola Fundación Pritzker destacouse o labor que realiza en Galicia a través da fundación, que contará nun futuro próximo cunha nova sede en Compostela nun edificio na rúa Virxa da Cerca. Neste senso, sinálase que "nos anos recentes, Chipperfield desenvolveu un profundo cariño e devoción pola comunidade de Galicia, unha das rexións máis pobres de España, que paradoxalmente prospera cunha alta calidade de vida. Chipperfield patrocina a investigación, promove ideas e orienta o desenvolvemento futuro fomentando a protección local ligada aos retos globais das contornas naturais e construídas na ría de Arousa".

O modelo territorial que guiará a Galicia na próxima década"

Un dos traballos máis ambiciosos que leva a cabo a Fundación RIA é un proceso de participación, debate e planificación estratéxica "co que conformar colectivamente o modelo territorial que guiará a Galicia na próxima década"

Un dos traballos máis ambiciosos que leva a cabo a Fundación RIA é un proceso de participación, debate e planificación estratéxica "co que conformar colectivamente o modelo territorial que guiará a Galicia na próxima década". É dicir, un proceso de reflexión colectiva sobre o futuro de Galicia no que participen axentes públicos e privados "para xerar un marco común para a toma de decisións". Neste proxecto, no que colaboran a Xunta e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, participa un amplo comité de expertos e nel a Fundación quere poñer en práctica "sete anos de experiencia traballando en Galicia a través de proxectos piloto" e "máis de catro décadas de experiencia internacional do padroado da institución".

O pasado mes de decembro finalizou a primeira fase do proxecto coa entrega na Xunta de sete informes que recollen unha serie de puntos de consenso entre os expertos participantes e doce principios estratéxicos básicos a xeito de conclusións iniciais. En fases posteriores, o proceso buscará abrirse a diversos sectores da sociedade a través de mesas redondas, tratando de implicar ás administracións públicas, ás organizacións profesionais, ás entidades do terceiro sector e á comunidade científica. De forma complementaria e para alimentar o proceso, buscarase a integración do coñecemento internacional a través de ciclos de conferencias que fomenten o debate con expertos locais.

Nas súas conclusións destácase que "Galicia debe construír un modelo que supere a dicotomía urbano-rural, que consolide os núcleos intermedios como elementos de equilibrio territorial" e dise que Galicia debe "basear o seu futuro na rexeneración do existente"

Entre estas primeiras conclusións destácase que "Galicia debe construír un modelo que supere a dicotomía urbano-rural, que consolide os núcleos intermedios como elementos de equilibrio territorial, que articule de xeito equilibrado os servizos públicos, a mobilidade e as comunicacións". 

Así mesmo, apóstase por un territorio cun "carácter produtivo e circular como motor de desenvolvemento". Neste senso, sinálase que "Galicia debe dinamizar economías primarias sostibles, que fomenten o investimento, a investigación e o desenvolvemento, que aproveiten a maior concienciación da produción de alimentos e a súa industrialización". Engádese que Galicia "debe estruturar o seu territorio a través dunha infraestrutura verde e azul, que constitúa a base das economías agroforestais e mariñas, que asegure a biodiversidade e defina distintos niveis de protección". En resumo, dise que Galicia debe "basear o seu futuro na rexeneración do existente".

Variedade de proxectos

A Fundación RIA vén participando nun gran número de proxectos, entre os que destacan o Laboratorio Ecosocial do Barbanza ou a súa iniciativa de Aldeas Modelo

Nos últimos anos a Fundación RIA vén realizando -ben directamente, ben colaborando con outras entidades e institucións- unha actividade moi intensa centrada na análise, reflexión e proposta sobre a transformación do espazo público e focalizada na comarca do Barbanza, especialmente na súa costa sur. Entre outros proxectos, podemos destacar o Laboratorio Ecosocial do Barbanza, unha iniciativa de sustentabilidade ambiental e económica desta zona que mira ao pasado e presente das comunidades locais para impulsar os aproveitamentos sustentables do futuro.

Tamén destaca a súa iniciativa de Aldeas Modelo, na que a Fundación levou a cabo un estudo previo para a aldea de Muimenta, situada en Carballeda de Avia (Ourense). O modelo de aldea é un instrumento lexislativo que busca a activación dunha aldea en situación de abandono mediante a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida do propio núcleo, ademais da actividade económica dos terreos lindeiros, antigamente destinados á agricultura, a agricultura. gandería e bosque.

Proxecto de mobilidade sostible no rural AMOSAR no Barbanza © Fundación RIA

Iniciou tamén o proxecto AMOSAR de "accesibilidade e mobilidade sostible no rural" para proporcionar á poboación de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) "unha mobilidade eficiente, sostible e accesible para os seus desprazamentos diarios, mellorando a conexión entre as distintas localidades da comarca e entre elas e Santiago"

No ano 2021 a Fundación iniciou tamén o proxecto AMOSAR de "accesibilidade e mobilidade sostible no rural" co obxectivo de proporcionar á poboación da costa norte da Ría de Arousa (un total de 66.000 habitantes nos concellos de Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira) "unha mobilidade eficiente, sostible e accesible para os seus desprazamentos diarios, mellorando a conexión entre as distintas localidades da comarca e entre elas e Santiago de Compostela". 

AMOSAR destaca que un modelo de transporte "extemporáneo" dificulta a transición cara a modelos de mobilidade máis sostibles e eficientes, pois na actualidade "os cidadáns da península do Barbanza dependen en boa medida do vehículo privado para desprazarse". Para solucionalo propón "un novo modelo de transporte público" cunha rede de sete liñas que "responde ás necesidades locais e busca cubrir as carencias do sistema de transporte público existente". 

Converter "a estrada en rúa"

A Fundación RIA está a realizar un traballo de análise e propostas en relación á estrada AC-305 

Finalmente, a Fundación RIA está a realizar un traballo de análise e propostas en relación á estrada AC-305 que percorre o litoral arousán do Barbanza entre Taragoña e Ribeira. Esta vía, que atravesa o centro de boa parte dos máis importantes núcleos de poboación da comarca, converteuse co tempo tamén na principal rúa das localidades que atravesaba. O obxectivo deste proxecto é, neste senso, "converter a estrada en rúa", toda vez que a AG-11 xa asumiu boa parte do tráfico pesado e lixeiro de longa distancia do litoral.

Proposta de actuación na aldea de Muimenta dentro do proxecto de 'aldeas modelo' © Fundación RIA

As propostas céntranse en Taragoña, Boiro, Palmeira, Escarabote, Coroso e A Pobra, onde se aposta pola redución do espazo de circulación ou a mellora da accesibilidade e continuidade do espazo público

As propostas de actuación céntranse en Taragoña, Boiro, Palmeira, Escarabote, Coroso e A Pobra do Caramiñal, lugares nos que se aposta por cambios que se basean na redución do espazo de circulación, mellora da accesibilidade e continuidade do espazo público, implantación de infraestruturas verdes, reforzo da transversalidade, integración de servizos urbanos e redución da velocidade máxima no tramo urbano.

Na Pobra destácase, por exemplo, que os vehículos que circulan pola AC-305 dentro da vila "non teñen o propio núcleo como punto de orixe ou destino. Son, polo tanto, vehículos que pasan polo centro sen facer alí paradas. Na súa maioría, o itinerario que seguen é Ribeira-Boiro".

"A rúa, o espazo social por excelencia, que actuaba como atractor e cosía a trama urbana, ademais de conectala cos núcleos veciños; convértese nun elemento segregador, nunha barreira que divide os núcleos urbanos en dous, e que elimina a identidade urbana do lugar", alerta a Fundación

"A rúa, o espazo social por excelencia, que actuaba como atractor e cosía a trama urbana, ademais de conectala cos núcleos veciños; convértese nun elemento segregador, nunha barreira que divide os núcleos urbanos en dous, e que elimina a identidade urbana do lugar", destaca a Fundación na súa análise inicial, na que aposta por "reverter o impacto do tráfico nas nosas vilas e xerar contornas máis seguros e atractivas" tanto para a comunicación peonil coma para o comercio local. 

Como criterio xeral, todos os anchos de carrís redúcense a 3 metros, proporcionando así máis espazo para os peóns. Non obstante, tamén se reduce o número de carrís en tramos específicos. Elimínase un carril e desvía un dos sentidos de circulación onde a redución do ancho do carril non é suficiente para ofrecer un espazo público accesible para a mobilidade a pé, pasando de dous a un carril de circulación. Noutro tramo, onde existen tres carrís que actúan como obstáculo para a transversalidade peonil, elimínase un dos dous carrís que existen para o mesmo sentido de circulación, actuando como barreira entre ambos lados. 

Proposta de actuación no cruce entre a AC-305 e a Rúa do Cruceiro en Boiro © Fundación RIA
Identificación dos treitos de actuación no proceso de integración urbana da a estrada AC-305 © Fundación RIA

O obxectivo é "recuperar o espazo e o seu carácter de carril lento, silenciando a infraestrutura para volver dar protagonismo á poboación que o habita e traballa"

En termos xerais, búscase garantir a seguridade dos usuarios da vía e reforzar a identidade urbana do núcleo, así como recuperar o atractivo residencial e empresarial, primando os peóns e potenciando os movementos internos non motorizados. O obxectivo é "recuperar o espazo e o seu carácter de carril lento, silenciando a infraestrutura para volver dar protagonismo á poboación que o habita e traballa". O obxectivo desta estratexia é deseñar un espazo público que satisfaga as necesidades de todas as persoas, independentemente da súa condición, e favorecer o seu uso e desfrute de forma independente. 

Futura sede da Casa RIA, na rúa Virxe da Cerca de Compostela © Fundación RIA

Nova sede para a Fundación RIA

Nos vindeiros meses a Fundación RIA inaugurará un novo espazo no centro de Santiago de Compostela, nun edificio situado na rúa Virxe da Cerca

Nos vindeiros meses a Fundación RIA inaugurará un novo espazo no centro de Santiago de Compostela no que se desenvolverá "un amplo programa público de actividades". O edificio situado na Rúa Virxe da Cerca, que levará o nome de Casa RIA, ofrecerá un variado programa de actos, charlas, conferencias e exposicións relacionadas co traballo da Fundación RIA, "promovendo o debate e a planificación proactiva que permitan afrontar os retos ambientais, económicos e territoriais do presente e do futuro de Galicia". Así mesmo, podería acoller estadías de estudantes e residencias de investigación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.