Cangas e Moaña presentarán nas vindeiras semanas un proxecto conxunto como estratexia de desenvolvemento urbano sustentable común (EDUSI 2014-2010) coa que poderán dispor de 5 millóns de euros de fondos da UE para impulsar itinerarios de prioridade peonil e de bicicleta que revitalicen os seus núcleos e faciliten a mobilidade interna. O cerne do proxecto é a recuperación do Camiño Real que une as dúas localidades, separadas por 5,4 quilómetros, pero enmárcase nunha iniciativa máis ampla, Camiños Seguros do Morrazo, que prevé o fomento destas arterias chegando a outros núcleos, chegando a Aldán ou ata Bueu.
O proxecto, resultado de meses de conversas entre os concellos e concellarías implicadas, forzas políticas, coas achegas de técnicos e expertos, entra agora na súa fase decisiva, co impulso dun proceso de participación e mesas de traballo ás que están convocadas asociacións veciñais, de comerciantes, anpas, clubes deportivos e outras entidades sociais, que incluirán as súas necesidades e prioridades. O domingo 11 unha andaina popular entre Cangas e Moaña servirá para dar a coñecer o proxecto, simbolizando ademais a unión veciñal entre as dúas localidades.
A estratexia EDUSI ten catro eixos de actuación: medio ambiente e patrimonio, inclusión social, novas tecnoloxías e economía baixa en carbono, na que se encadra a promocións dos camiños seguros. O Camiño Real está chamado a funcionar como proxecto piloto que sirva de referencia a futuras actuacións. Hai dous anos os arquitectos locais Martín Barreiro, David Pereira e María Novas, de Rurban Proyectos Participados, elaboraron un proxecto de recuperación e acondicionamento desta vía, nun proceso apoiado pola Asociación de Veciños de Tirán. Un exemplo de como unha iniciativa que xurdiu dende os movementos sociais e do compromiso dos técnicos que viven no territorio inicia unha nova etapa traballando tamén coas institucións.
Espazo público para as persoas
Estamos ante un exemplo de como unha iniciativa que xurdiu dende os movementos sociais e do compromiso dos técnicos que viven no territorio inicia unha nova etapa traballando tamén coas institucións
"A partir dese proxecto inicial do Camiño Real, pouco a pouco fóiselle dando un carácter de infraestrutura entre Cangas e Moaña, unha infraestrutura sostible, unha infraestrutura branda. Para despois darlle un carácter de plan estratéxico para o Morrazo. E agora con esta convocatoria europea convencemos os dous concellos para que aproveitasen a oportunidade e transformasen ese proxecto moi concreto do Camiño Real nunha estratexia máis integral para revitalizar os dous centros urbanos, conectados coa súa coroa máis próxima de urbanismo difuso", explica Martín Barreiro.
Barreiro destaca a importancia do proxecto como estratexia para intervir "nun tipo de espazo urbanístico, caracterizado pola dispersión, onde abunda iso que algúns chaman feísmo e un urbanismo case que bastardo". "Neste tipo de espazos -de casas espalladas nun substrato rural que xa non o é- vive hoxe en día ao redor do 50% da poboación galega e son espazos bastante invisibilizados, abandonados polas administracións, que só actúa con asfaltados, puntos de luz e facendo beirarrúas no mellor dos casos, un obxectivo imposible de levar a todos estes lugares", subliña. "Hai que quererlle a estes espazos, a esta cidade difusa que está aínda en formación, e aproveitar as infraestruturas existentes, os camiños antigos. Este é o momento de intervir aí, porque dentro dun tempo será moito máis complexo", engade.
"Neste tipo de espazos -de casas espalladas nun substrato rural que xa non o é- vive hoxe en día ao redor do 50% da poboación galega e son espazos bastante invisibilizados, abandonados polas administracións"
O principal punto desa estratexia é a conexión dos dous centros a través dun outro tipo de mobilidade: a pé ou en bicicleta. Porén, o proxecto vai moito máis aló da mobilidade alternativa, apostando por unha completa transformación social, con beneficios directos para todos os e as habitantes e o tecido comercial. "Estamos falando dunha estratexia de rexeneración integral, para recuperar espazo público, recuperar espazos para as persoas e recuperar usos que na actualidade están impedidos. Unha estratexia para rexenerar un conxunto de barrios que están entre Cangas e Moaña, pensando sobre todo nos colectivos máis vulnerables", destaca Barreiro. "É paradoxal ver como moitas persoas maiores a día de hoxe, vivindo nunha contorna na que non deberían ter problemas para pasear a carón da súa casa, non o poden facer con seguridade. É indispensable tamén que os nenos e nenas dunha certa idade poidan ter autonomía e desprazarse sen risco", comenta.
Camiños Seguros en todo o Morrazo
"É paradoxal ver como moitas persoas maiores a día de hoxe, vivindo nunha contorna na que non deberían ter problemas para pasear a carón da súa casa, non o poden facer con seguridade"
O proxecto Camiños Seguros contempla unha serie de itinerarios en Bueu, Cangas e Moaña, cunha gran lonxitude total, e que situarían un camiño seguro a menos de 250 metros do 96% da poboación. Ademais do Camiño Real, vanse conectar barrios coma o de Balea, en Cangas, que está por riba da factoría de Massó. Tamén se vai facer unha conexión coa piscina municipal, que está a un quilómetro do centro, pero é perigoso ir andando. Outra conexión achega o barrio de Cantalarrana, tamén próximo ao centro de Cangas, pero separado por 20 ou 30 barreiras arquitectónicas. En Moaña uniranse os barrios de San Martiño e de Meira. O horizonte, a partir de 2020, é ir avanzando nunha infraestrutura que permita ir ata as praias de Nerga ou ata Aldán, a cinco quilómetros de Cangas.
Nos camiños instalarase alumeado con eficiencia enerxética, sinaléctica propia, marquesiñas para protexerse na chuvia, estacións de bicicleta eléctrica, beiravías con protección física nos lugares nos que o camiño coincide coa estrada
Nos camiños instalarase alumeado con eficiencia enerxética, sinaléctica propia, marquesiñas para protexerse na chuvia, estacións de bicicleta eléctrica, beiravías con protección física nos lugares nos que o camiño coincide coa estrada. A partir da idea que serve de base, traballarase tamén na revitalización urbana, na rehabilitación de inmobles en desuso, ou na mellora do transporte público. "É interesante igualmente desenvolver actuacións que promovan outro tipo de turismo para o Morrazo que vai máis aló do pendularismo de praia, que no verán provoca os colapsos que coñecemos. É necesario abrirse a outro tipo de visitantes que teñan menor impacto e que permita que poidamos utilizar mellor o espazo. Non se trata de demonizar o que vén de fóra en coche, pero si que facilitar que os visitantes poidan vir doutra maneira", comenta Barreiro.
"Urbanismo localizado"
Barreiro conclúe apelando á importancia destas "infraestruturas brandas", que redundan en beneficios reais para o conxunto da poboación, sen a necesidade de investir enormes cantidades de diñeiro. "Hai toda unha xeración nova de técnicos que fan súa unha nova forma de actuar, partindo duns recursos económicos máis limitados, da reutilización, de facer as contas co que hai. Non sempre hai que resolver os problemas con obra nova ou construíndo en grande", destaca.
Barreiro conclúe apelando á importancia destas "infraestruturas brandas", que redundan en beneficios reais para o conxunto da poboación, sen a necesidade de investir enormes cantidades de diñeiro
E fai unha reivindicación do "urbanismo situado ou localizado". "As cinco persoas que estamos traballando neste proxecto vivimos aquí, e pensamos que é moi importante traballar en proxectos feitos á medida, poñendo o ollo no territorio. É necesario reinventar certos conceptos e tamén certas formas de intervir por parte dos técnicos: non é só unha cuestión técnica, senón tamén social e política, é importante que vaian da man", conclúe.