O vídeo 'O futuro non se vende' recolle as historias de tres mulleres defensoras do territorio de Galicia, Euskadi e Castela e León
InteRed, co financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), lanza 'O futuro non se vende', un vídeo de 15 minutos que recolle as historias de tres mulleres defensoras do territorio, cuxas experiencias evidencian ameazas como o extractivismo mineiro (Galicia), a especulación da paisaxe (Euskadi) e a perda de soberanía alimentaria (Castela e León).
Unha das tres protagonistas é Isabel García Vila, da Plataforma Veciñal 'Mina Touro-O Pino NON'. Este movemento cidadán nace en 2017 para frear un proxecto que pretende reabrir e ampliar unha mina de cobre a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino. A explotación, pechada desde os anos 80, deixou un grave impacto ambiental e consecuencias negativas na vida das persoas da zona.
O vídeo, dirixido a alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional, busca achegar ao estudiantado os vínculos entre xustiza social e xustiza ambiental
O obxectivo desta iniciativa, no marco do proxecto 'Construíndo comunidades coeducativas activas pola igualdade e a sostibilidade', é promover unha mirada crítica e activa na mocidade, conectando realidades locais e próximas cos grandes retos ecosociais globais. "As tres situacións representan distintas caras dunha mesma lóxica: unha economía que prioriza o beneficio a curto prazo invisibilizando os coidados e as relacións de interdependencia que xeran desigualdade social e degradación ambiental", destacan os seus promotores.
O vídeo, dirixido a alumnado de secundaria, bacharelato e formación profesional, convértese así nunha ferramenta pedagóxica valiosa para achegar ao estudiantado os vínculos entre xustiza social e xustiza ambiental, dando voz a tres mulleres que explican as súas loitas para crear futuros esperanzadores, onde a vida das persoas e o planeta estean no centro.
Dende o ano 2017 a Plataforma Veciñal 'Mina Touro-O Pino NON' traballa para frear un proxecto que pretende reabrir e ampliar unha mina de cobre a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino
Ademais de Isabel García Vila, no vídeo aparece Eider Gotxi, de Busturialdea (Biscaia), voceira da Plataforma Guggenheim Urdaibai Stop, que expón a importancia de informar á cidadanía e de colectivizar accións para paralizar e evitar a construción dun macroproxecto que pretende ampliar o museo Guggenheim en dúas localidades situadas dentro da Reserva da Biosfera do Urdaibai que danaría seriamente a contorna natural.
Así mesmo, no vídeo podemos ver a Belén Santamaría Álvarez, unha das cinco traballadoras da cooperativa Huerta Muíño en Burgos, que fai agricultura ecolóxica e promove soberanía alimentaria impulsando un modelo alternativo de desenvolvemento e de consumo que pon no centro a sustentabilidade, o respecto á natureza e a saúde das persoas.
Con esta iniciativa, InteRed reafirma o seu compromiso coa educación transformadora e a defensa dos bens comúns, en liña cos principios de igualdade, sustentabilidade e participación activa. A figura das mulleres defensoras do territorio preséntase como exemplo de liderado comunitario e acción política desde os coidados, servindo de inspiración para novas xeracións comprometidas coa xustiza social e ambiental.