A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa mobilízase na Pobra do Caramiñal este 22 de marzo para sinalar o "abandono do marisqueo" por parte da Xunta, que contrastan co "impulso descarado" a proxectos "incompatibles" con esta actividade polo seu impacto no río Ulla
A crise marisqueira na ría de Arousa non cesa. En poucos anos, as caídas na produción superan o 80%, segundo os datos máis recentes. Lonxe de responder a unha conxuntura concreta, a crise semella estrutural e, neste contexto, colectivos profesionais e organizacións como a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) coidan que pode agravarse definitivamente se van adiante proxectos coma o de Altri en Palas de Rei ou a posible reapertura da mina de Touro, en ambos casos polo seu impacto no río Ulla.
Este é o pano de fondo co que a PDRA decidiu conmemorar o vindeiro 22 de marzo, Día Mundial da Auga, cunha manifestación "por mar e terra". Coa Pobra do Caramiñal como epicentro da protesta, a estación de autobuses da localidade barbanzá será, ás 12 da mañá, o punto de saída dunha mobilización que estará acompañada por unha comitiva de embarcacións pesqueiras e marisqueiras chegadas dende Carril (Vilagarcía), na outra beira da ría.

Os patróns maiores da ría e a propia PDRA a través do seu presidente, Xaquín Rubido, transmitiron xa formalmente á Consellería do Mar do desprazamento deses barcos para que o traslade ao Servizo de Gardacostas. O obxectivo, explican, é que estas embarcacións poidan achegarse á Pobra sen temor a seren sancionadas, xa que non teñen permitido facelo para desenvolver actividades extractivas en sábado, pero "prevalece o dereito a manifestarse".
Desta maneira, detallan, pretenden facer máis visible "o descontento do conxunto da ría coa xestión da Xunta, en particular co abandono do marisqueo" e a "ausencia de orzamentos e medidas estruturais" para paliar a crise. A PDRA contrasta ese "abandono" co "impulso descarado da Xunta a dúas actividades industriais incompatibles coa actividade marisqueira: Altri e a Mina de Touro", sinala Rubido.
"O abandono do sector tradicional do mar sitúanos nun escenario onde calquera proxecto pode arrasar coa produtividade da ría de Arousa e, en xeral, do litoral galego", consideran. Por iso a PDRA opta por novas mobilizacións, neste caso co foco posto en Altri e a mina, cuxo impacto analizan tamén este xoves en Cambados con Horacio García, profesor de Xeografía Física da USC; e Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC.
Acción xudicial de Adega contra a Xunta

A convocatoria da manifestación da PDRA na Pobra recibiu o apoio da Plataforma Ulloa Viva, que está a concentrar o movemento de oposición a Altri, e tamén da asociación ecoloxista Adega, que tamén este martes anunciou a súa intención de interpoñer un recurso contencioso-administrativo contra a retirada, por parte da Xunta, "da protección na área na que se pretende instalar a celulosa de Altri-Greenalia". Porque ese é o efecto, din, de "modificar o mapa da Infraestrutura Verde de Galiza".
Adega liga co proxecto de Altri que unha parte da contorna da serra do Careón estivese na versión inicial do mapa da Infraestrutura Verde de Galicia pero non na finalmente aprobada e interpón un recurso contencioso-administrativo contra a decisión
Este documento, detallan o secretario técnico de Adega, Fins Eirexas, e mais Fernando de Abel Vilela, profesor de dereito de administrativo da USC e membro da directiva da organización, "pretende trasladar a obriga europea de asegurar a conectividade ecolóxica e a funcionalidade dos ecosistemas, a mitigación e adaptación do efectos do cambio climático e a restauración das áreas degradadas". Inicialmente, explican, a Xunta outorgaba "á zona do Careón na que se pretende implantar Altri" a categoría de "zona de amortecemento", como periferia dun espazo natural. Pero "sorprendentemente e para o territorio afectado por Altri, esta consideración desapareceu da Estratexia aprobada finalmente pola Xunta e publicada no DOG o pasado 10 de febreiro".
Este, considera Adega, é un máis dun "sen fin de motivos" para acudir á mobilización do día 22 na Pobra. "Esta marcha conxuga as principais loitas que actualmente se están a perpetrar no país na defensa do río Ulla e da ría de Arousa, polo que pretende ser unha mobilización de protesta social masiva", sinalan.