"O marisqueo a pé vai desaparecer", "algo está pasando nas rías", veñen reiterando profesionais do sector do mar. A alerta non é nova, pero vai gañando en intensidade a medida que se reiteran episodios de mortaldade masiva de marisco en rías como a de Arousa mentres, xa entrada a primavera, hai mariscadoras que non saíron do cese de actividade no que vai de ano.
As alertas pola crise marisqueira multiplícanse nos últimos anos
As causas que apunta o sector son diversas, pero as diversas voces conflúen en factores como o incremento da temperatura da auga a causa da cambio climático combinada coas verteduras que seguen indo parar a ríos e rías. E a esixencia de que os gobernos actúen, empezando pola Xunta, é reiterada. Así o fixeron saber unha vintena de colectivos do sector este xoves ante a delegación da Consellería do Mar en Carril (Vilagarcía).
Mentres o conselleiro, Alfonso Villares, visitaba na Illa a sede do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, representantes de confrarías, asociacións de bateeiros ou mariscadoras resumían a pé de rúa as reivindicacións que trasladan ao Goberno a través dun manifesto asinado por profesionais afectados. O texto esixe do novo Goberno do PP un "plan real" para as rías porque "así, imos para a casa".
"Existe a posibilidade de que decaian os plans de explotación e as concesións e haxa quen queira botar man delas, vendéndoas ás empresas de acuicultura industrial"
"Entendemos -din a Villares- que coñece perfectamente que levamos anos de caída libre na produción marisqueira" sen que "tomase ningunha medida". "Hai numerosos ceses de actividade, varias confrarías tiveron que reducir persoal" e as mariscadoras, agregan, "teñen que pagar todos os meses a Seguridade Social" aínda que a súa actividade sexa "escasa" ou nula. "Estamos nunha situación crítica, porque as axudas da Xunta só deron para pagar dúas mensualidades" no caso de dar "accedido a elas".
"Descoñecemos o plan real", engaden. Porque "se continuamos así, a xente vai ir para a casa e vai abandonar a actividade no mar". E nese punto "existe a posibilidade de que decaian os plans de explotación e as concesións". "De acontecer isto -advirten- posiblemente haxa quen queira botar man das concesións, vendéndoas ás empresas de acuicultura industrial".
Neste contexto, estes colectivos do mar reclaman "medidas estruturais" que inclúan un "plan de rexeneración dos bancos marisqueiros" e o "saneamento integral" das rías, neste caso a arousá. Tamén un "cambio na normativa de augas" que "obrigue á regulación e publicidade do protocolo dos desencoros" para prever os efectos das chegadas masivas de auga doce, así como un "plan de control de verteduras a rías e ríos".
O sector reclama "medidas estruturais" de xeneración dos bancos marisqueiros e saneamento e coidado das rías combinadas cun plan de axudas directas
Ao tempo, diríxense tanto ao Estado para reclamar "exencións das cotas da Seguridade Social para todas as mariscadoras" e, "con cargo a fondos da Xunta", accións como "axudas directas compatibles coa rexeneración dos bancos marisqueiros" e que tenten paliar "as perdas dos exercicios 2022 e 2023" en "produtores, cocedeiros, depuradoras e fábricas de conserva."
A táboa reivindicativa do sector pide tamén axudas directas "ás confrarías con actividade marisqueira para manter os postos de traballo". E, por último, que os subsidios atinxan tamén as sectores "indirectamente afectados", caso de comercializadores autónomos de marisco "entre lonxas e depuradoras que traballan por comisión por quilo", así como ao persoal de depuradoras e plantas transformadoras.