Outro caso de mortaldade masiva de marisco na Arousa engade incerteza ao futuro da produción na ría

Ameixas, navallas ou longueiróns, mortos na praia da Canteira, na Illa de Arousa CC-BY-SA OPP20

"Xa pasara outras veces noutras zonas, pero o desta vez foi algo nunca visto, unha cantidade enorme de marisco morto, como non acontecera nunca antes", explica Inma Rodríguez, mariscadora e presidenta da Organización de Produtores de Marisco e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP20). 

Na praia da Canteira, na Illa de Arousa, vixiantes da Confraría descubriron o pasado luns unha morea de marisco morto á beira do mar. Navallas, ameixas e longueiróns, sobre todo, e mais algún berberecho que formaban un manto de cadáveres inédito, como insiste Rodríguez, que acumula anos de experiencia no marisqueo e non lembra "nada parecido" ao acontecido na madrugada do domingo. 

Mariscadoras na ría de Arousa CC-BY-SA Xunta

A praia da Canteira, na Illa, apareceu o pasado luns chea de navallas, longueiróns e ameixas mortas: "Foi algo nunca visto, como non acontecera nunca antes"

A máxima responsable da OPP20 recoñece que "cada vez hai máis mortaldade" no marisco da ría de Arousa e episodios semellantes ao desta semana, pero advirte de que nunca viu unha cousa parecida. Tan grande que "é imposible de calcular aínda a cantidade afectada". "Falamos de moitísimos quilos, unha bestialidade, e dunha perda importante moi económica", resume quen agarda tamén a vindeiros días para comprobar que cantidade de areal e fondo están afectados. 

Biólogos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) levaron mostras para analizar e determinar cal foi a causa de tan elevada mortaldade de moluscos nunha praia na que poden traballar máis de 200 mariscadoras, que estaba sementada para a campaña do Nadal e que quedou arruinada. Sen ter datos aínda, Inma Rodríguez apunta a unha vertedura e inclínase por este motivo máis que pola variación da temperatura da auga que está a provocar o cambio climático. 

As mariscadoras apuntan a un vertido dalgunha embarcación. Hai un mes, outro episodio semellante tivo lugar na Lanzada; neste caso a Xunta apunta á suba da temperatura

"As mariscadoras pensamos que todo se debe a algún vertido que chegou á praia... Non dicimos que as altas temperaturas da auga non inflúa noutros casos, pero desta vez foi só nesta praia", insiste Rodríguez, que lembra tamén que comezo da tempada de verán son máis habituais os sentinazos e as verteduras de combustible ou outros líquidos por parte de barcos de recreo na ría. 

Este episodio de mortaldade de marisco na Illa únese a outros nos últimos tempos, o máis recente o acontecido hai menos dun mes na praia da Lanzada, na mesma ría. Alí, a praia apareceu tamén chea de navallas mortas. Daquela, a Consellería do Mar apuntou á posibilidade de que ese episodio se debera á importante suba da temperatura do mar, aínda que as análises que determinarán a causa aínda tardarán en coñecerse. 

Ameixas, navallas ou longueiróns, mortos na praia da Canteira, na Illa de Arousa CC-BY-SA OPP20

Os casos da Illa e da Lanzada chegan tamén logo de que os últimos datos volvesen confirmar o devalo da produción marisqueira na ría de Arousa, tal e como denunciou o sector -confrarías, mariscadoras, mariñeiros, colectivos sociais, sindicatos e asociacións profesionais- hai só unhas semanas. 

Máis de 40 colectivos denunciaron o "desleixo" da Xunta, á que piden unha "rexeneración integral" da ría e dos bancos marisqueiros, así como un control efectivo dos vertidos. Solucións a un enorme problema ratificado cos datos da propia Consellería do Mar recollidos das lonxas e que indican, por exemplo, que a produción galega de ameixas do país (babosa, fina e rubia) reduciuse en dous terzos en 2022 con respecto á media dos últimos vinte anos (de 2002 a 2021). A de berberecho, pola súa banda, descendeu nun cuarto. No caso do berberecho, aínda que menos acusada, a caída da produción é de máis do 25% en vinte anos.

Desde o grupo parlamentario do BNG, as deputadas Montserrat Prado e Rosana Pérez presentaron xa unha proposición non de lei sobre as medidas a tomar diante da mortaldade de ameixa e longueirón na praia da Canteira na Illa, ademais de preguntar á Xunta sobre as medidas que pensa poñer en marcha "para reverter" esta situación, así como a falta de subministro de semente, a escaseza de capturas, a caída de ingresos e a perda de postos de traballo".

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG), a iniciativa das deputados Montserrat Prado Cores e Rosana Pérez Fernández presentaron a seguinte Proposición non de lei para o seu debate na Comisión 8ª, sobre as medidas a tomar diante da mortaldade de ameixa e longueirón cuxos restos apareceron na praia da Canteira na Illa de Arousa.

"Este novo vertido pon en evidencia que o saneamento da ría de Arousa segue a ser unha materia pendente", denuncia o BNG

A parlamentaria Montse Prado, acompañada da concelleira do Mar da Illa, Elena Otero, visitaron a praia da Canteira para comprobar in situ o dano sobre o marisco. "Este novo vertido pon en evidencia que o saneamento da ría de Arousa segue a ser unha materia pendente, a erradicación dos vertidos contaminantes e a garantía da calidade das súas augas están lonxe de ser unha realidade", explica o BNG. 

Tamén desde o PSdeG, o portavoz de Marisqueo do grupo no Parlamento, Julio Torrado, acusou o pasado mércores a Consellería do Mar de negar a realidade da caída de produción marisqueira, lembrando que o 22 de xuño o departamento da Xunta dicía que en 2022 a produción aumentara un
6% cando só un día despois "o sector desmentía esta cifra apuntando unha perda de 25,7 millóns".

Torrado sinalou que “os datos son tan evidentes que é sorprendente" que desde o Goberno galego "non os queiran admitir”, negando as cifras que aparecen na propia web da Consellería, ofrecendo datos que “non se sabe de onde saen”. Por iso, reclamoulle á Consellería que "asuma a situación e comece a traballar para ofrecer solucións atendendo ás propostas do propio sector, que leva anos reclamando dragaxes, o control de descargues de encoros, controis de vertidos ou un plan de rexeneración dos bancos marisqueiros".

Montse Prado, deputada do BNG, e Elena Otero, concelleira do Mar da Illa, na praia da Canteira CC-BY-NC-SA BNG

A Xunta relaciona os datos sobre a perda de produción na ría coa campaña electoral. "Morreron as navallas porque estamos en campaña?", pregunta o PSdeG

Ademais, o representante socialista amosou a súa "sorpresa" polas afirmacións da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro Susana Rodríguez, relacionando os datos coa campaña electoral, e preguntoulle se “morreron as navallas porque estamos en campaña”, lembrando a repentina mortalidade de bivalvos a pasada fin de semana na Illa. Sinalou que o argumento “está moi ben como diversión”, pero advertiu que “para a xente que vive diso é un argumento perigoso”.

"Este argumento partidista e ruín en realidade non ten ningún xeito, máis alá de eludir a responsabilidade do Goberno galego para afrontar a caída da produción e dos beneficios do sector", rematou Torrado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.