Extracción masiva e falta de calcio nas rías: o conflito da mexilla alén da 'guerra' entre bateeiros e percebeiros

Cría de mexillón, nunha rocha da costa do Grove Dominio Público Lameiro

O pasado mércores, no Parlamento, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta traballa no deseño dunha nova normativa para regular a extracción, captación e produción de mexilla a través dun novo plan de xestión. Será outro intento máis por parte da Xunta de amañar un conflito que desde hai anos rodea a cría de mexillón, que enfronta bateeiros e percebeiros galegos e que ten derivado en conflitos, violencia e altercados: varias veces entre os dous colectivos implicados, acurralando a titular da Consellería hai un ano en Vilaxoán ou entre manifestantes e policía este mes en Santiago. 

Os bateeiros advirten do risco para o sector das limitacións na recolla de mexilla; os percebeiros acúsanos de arrasar coas pedras onde percebes e cría de mexillón conviven

Os bateeiros advirten do enorme problema que lles supoñen as limitacións impostas para recoller a mexilla, utilizada para nutrir as cordas das bateas e producir mexillón, do que auguran precarias colleitas nos vindeiros anos pola escaseza da cría. Os percebeiros acusan os mexilloeiros de arrasar coas pedras onde medran ambas especies, arruinando tamén o seu negocio. O enfrontamento é total, os implicados piden á Consellería unha solución axiña e BNG e PSdeG non cren que Quintana sexa quen xa de resolver un conflito enquistado. Como pano de fondo -e acotío agochada- a ollada científica dun problema, o da sobreexplotación e falta de calcio nas augas das rías, "un problema ao que xa chegamos tarde pero que aínda é reversible"

Percebes nunha rocha da costa galega CC-BY-SA Xunta

Así o asegura José Pelayo Míguez, biólogo, ex-decano do Colexio de Biólogos de Galicia e con 40 anos de experiencia no estudo desta eiva na produción de bivalvos. Diferenza entre o "conflito humano" -e político, social e económico- que agora agroma con forza da "situación ambiental das rías" que, aclara, é a orixe de todo. 

En canto ao primeiro, o conflito comeza a recruar co decreto da Xunta de finais de 2019, onde se regulan os plans de explotación marisqueira e deriva nas confrarías a posibilidade de crear zonas protexidas para o percebe, ademais de implicar que se comparta a explotación de rochas onde sempre actuaran en solitario os bateeiros, que ademais non forman parte dos pósitos. 

O conflito recruou desde o decreto de 2019 da Xunta para regular a explotación marisqueira e coas limitacións de zonas para extraer mexilla en 2021

As cinco principais asociacións mexilloeiras presentaron un recurso que foi desestimado polo TSXG, que aclarou que a Xunta só prevía os posibles contidos dos plans de xestión de recursos marisqueiros naqueles casos onde coexistisen mexilla e percebe, e que é a Consellería quen ao final ten a última palabra á hora de delimitar zonas e permitir extraccións. 

En 2021, a pouco de iniciarse a campaña da mexilla, a Consellería presenta un mapa de zonas vetadas, argumentando que responde ao ditame do TSXG que prioriza os plans de xestión do percebe e a súa protección alí onde convive coa cría do mexillón. O sector bateeiro amosa a súa indignación, que medra cando comproba, en sucesivas campañas, que a presenza da mexilla é cada vez menor e non enche as cordas das bateas. 

Conxunto de bateas nunha ría galega CC-BY-SA Xunta

O sector advirte do problema para o cultivo en batea do mexillón en Galicia, que supón a maior produción de acuicultura mariña de España e de toda a UE, con máis de 250.000 toneladas ao ano producidas en 3.300 bateas e cuns ingresos de máis de 110 millóns de euros. Organizacións conservacionistas como WWF advirten dunha explotación demasiado elevada que habería que regular e de que en rías como a da Arousa a elevada concentración de bateas provoca que se reste alimento ao resto de especies e se provoque o desequilibrio dos ecosistemas. Tamén no caso da extracción de mexilla que, din, "sen xestión", prexudica tamén "a abundancia e diversidade de especies". 

O biólogo Pelayo Míguez sitúa a orixe do problema na falta de calcio nas rías pola extracción masiva de millóns de toneladas de bivalvos e da súa calcita, sen que fose reposta nunca: "A falta de calcio atrasa o crecemento do mexillón e impide xerar no interior das rías e nas propias bateas a mexilla, que os bateeiros teñen que buscar noutras zonas costeiras"

O biólogo Pelayo Míguez insiste en que o fondo do conflito da mexilla é o problema que sofren o ecosistemas mariños pola sobreextracción de bivalvos: a escaseza de calcio no interior das rías. Desde que a principios dos anos 50 se instalaran as primeiras bateas nas costas galegas, lembra o experto, "lévanse extraendo das augas millóns de millóns de toneladas de carbonato cálcico", que é un elemento indispensable para producir a semente e do que está constituída, basicamente, a cuncha dos mexillóns. 

"Practicamente toda a conca oceánica das rías galegas, especialmente nas Rías Baixas, é zona granítica, con moi baixo contido en calcio, unha circunstancia á que hai que engadir eses case 70 anos de extracción de carbonato cálcico, a través de bateas pero tamén dos bancos naturais de berberecho ou ameixa", explica Pelayo Míguez. "Non se repuxo nin un só gramo de todo o extraído, o que provoca que as crías de mexillón e de calquera outro bivalvo non teñen ese calcio á súa disposición, non sexan quen de producir cuncha, non se reproduzan e morran, o que deriva en problemas gravísimos". Entre eles, aclara, o que deriva no conflito da mexilla. 

Mobilización do sector mexilloeiro en Santiago polo conflito da mexilla, nunha foto de arquivo © Opmega

"O crecemento do mexillón é moito máis lento, tardando ata tres anos en acadar a madurez; ademais, xa non se dá xerado mexilla no interior das rías e nas propias bateas, como ocorría antes, e os bateeiros acoden ás zonas costeiras, fóra da ría, para apañar a semente", explica. Aí, nas zonas explotadas polas confrarías e onde tamén se recolle o percebe, está a orixe do conflito. 

"Hai solucións: obrigar as conserveiras a devolver as cunchas moídas ás rías, agregar calcio aos fondos de xeito regulado e producir mexilla artificialmente"

"É un problema importante que require medidas políticas urxentes, pero o certo é que algúns levamos máis de trinta anos advertindo da situación e aínda non se fixo nada. Hai solución? "Claro que a hai, pero require, insisto, que as administracións tomen medidas: por exemplo, que se obrigue ou facilite aos conserveiros a que a cuncha moída volva ás rías, que se agregue aos fondos calcita dunha maneira regulada, que as propias mexilloeiras elaboren sistemas de produción de mexillas como se fai no mexillón... Hai solucións técnicas que consisten, basicamente, en achegar calcio á auga, pero hai que tomar medidas xa", engade Pelayo Míguez.  

"Chegamos tarde pero a situación non é irreversible; se estas medidas se tivesen tomado hai trinta anos, agora non estariamos así, pero estamos a tempo e hai que facer algo xa", explica quen di "non entender" a parálise da Xunta respecto desta problemática. "Non queren ver a realidade e a realidade está aí; hai 50 anos, medindo o nivel de calcio dos sedimentos na ría de Vigo, xa estabamos vendo o que ía ocorrer... E pasou", lamenta. 

A produción artificial de mexilla, di, é unha das grandes alternativas, con tubos de plástico cuberto con cemento mesturado con cuncha de mexillón moída, por exemplo. O Instituto Español de Oceanografía xa demostrou cos seus estudos que a cría de mexillón medra, deste xeito, a gran velocidade e con mellor fixación. Ademais, insiste, repoñendo o calcio nas rías a mexilla volveríase producir nas propias bateas tamén.  

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.