O Concello da Illa aprobou unha moción que reclama á Consellería do Mar a eliminación da norma que permite o acceso dos percebeiros a zonas para a extracción de semente de mexillón
Centos de persoas do sector do mexillón percorreron a distancia entre Vilanova de Arousa e o Concello da Illa de Arousa este xoves para reclamar a retirada por parte da Consellería do Mar da normativa recentemente aprobada que regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas ao consideralo "letal" para o sector mexilloeiro.
Desde a Asociación Mejilloneros Isleños San Esteban da Illa de Arousa aseguran que esta normativa pon "en inminente perigo a viabilidade do sector" e critica que a Xunta actuou "sen ter en conta os intereses" dos mexilloeiros e "sen considerar os danos socioeconómicos". "O sector mexilloeiro non pode permitir que se continúen pisoteando os seus lexítimos dereitos adquiridos ao longo de máis de setenta anos de actividade", defende o colectivo.
"A mexilla sempre foi, e segue sendo, dos mexilloeiros, así como o percebe, é dos percebeiros", asevera nun comunicado a Asociación Mejilloneros Isleños San Esteban. Nunha moción aprobada por unanimidade este xoves no Concello da Illa de Arousa, pídese á Consellería do Mar que deixe sen efecto o punto 2 do artigo 13 do decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas, que indica que "os plans de xestión de percebe poderán reservar zonas para a extracción de semente de mexillón".
"A mexilla é a materia prima insubstituíble en cada campaña de producción de mexillón adulto destinado a alimentación de seres humanos", explican desde a asociación. Na moción tamén se solicita que a Xunta "convoque aos interlocutores válidos do sector mexilloeiro para analizar a situación creada por mor dos cambios realizados na normativa de extracción de mexilla e tentar crear, entre todos, un punto de encontro respectuoso e sostible para garantir con xustiza e equidade a viabilidade e sustentabilidade dos intereses de tódolos afectados".
Os mexilloeiros alertan da deslocalización das empresas e a produción cara a Portugal ou Marrocos
Esta mesma semana, o sector do mexillón participou nunha xuntanza para abordar o futuro do sector con representantes da Consellería do Mar, e trasladou que "resulta imposible acadar ningún tipo de acordo ata que a Xunta elimine ou paralice a resolución que prohíbe o acceso á mexilla por parte dos mexilloeiros".
"A realidade é que os bateeiros non interfiren no traballo dos percebeiros, xa que non ocupan as mesmas zonas; ademais o 50% da recolección do percebe realízase noutros meses", explican nun comunicado conxunto colectivos de mexilloeiros da Illa, O Grove e Cabo de Cruz. Nel, detallan que "as zonas vedadas supoñen o 60% das zonas de recollida e nalgunhas rías chega ata o 80%".
Consideran que esta medida da Xunta, que permite o acceso aos percebeiros á mexilla, "fará decrecer a producción do mexillón galego, deslocalizándose as empresas e a produción cara a outros países como Portugal ou Marruecos, e dentro de España, hacia zonas de Andalucía e o País Vasco, polo que resulta imprescindible garantizar a explotación deste recurso por parte dos mexilloneiros galegos para evitar esta situación".