Analizan por vez primeira a presenza destes residuos nos mexillóns galegos, ratificando os estudos que no mesmo senso se veñen realizando en todo o planeta
Tres investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo veñen de publicar un traballo na revista Scientia Marina que confirma a elevada presenza de microplásticos nos mexillóns de rocha das costas galegas e do Cantábrico. En 'Microplastics in wild mussels (Mytilus spp.) from the north coast of Spain' Pablo Reguera, Lucía Viñas e Jesús Gago analizan por vez primeira a presenza destes residuos nos mexillóns galegos, ratificando os estudos que no mesmo senso se veñen realizando en todo o planeta.
Na súa análise, os investigadores detectaron que a concentración media de microplásticos nos mexillóns do Cantábrico (entre 2.55 MPs por gramo) é superior á atopada nos mexillóns da Ría de Vigo (1.59 MPs por gramo). Os niveis achados nas costas do norte da Península son semellantes ás detectadas con anterioridade en Gran Bretaña ou na costa chinesa., pero superiores ás atopadas en Francia, Bélxica, Portugal, Noruega ou no Mediterráneo.
A investigación realizou análises en Canido, Samil, A Guía, Redondela, San Adrián e Rodeira na Ría de Vigo. E tamén na Coruña, Avilés, Ribadesella, Santander, Castro Urdiales, Bilbao e Hondarribia nas rías altas e no Cantábrico. É dicir, escolleu zonas moi diversas en canto á súa proximidade a zonas urbanas e industriais, e en canto ao seu carácter interior (dentro de rías) ou exterior (en mar aberto). A Guía e Canido foron as localizacións nos que se atoparon maiores niveis de plásticos na Ría de Vigo. Mentres, no Cantábrico, foron as medicións efectuadas en Santander as meirandes.
A investigación confirma o mexillón como unha especie sentinela, é dicir, un organismo que pode advertir ao ser humano dos perigos do incremento da presenza de microplásticos no mar
No estudo destácase que a contaminación mariña por plásticos tense convertido nun problema "de importancia crecente". No caso dos mexillóns, os seus hábitos de alimentación por filtrado fai esta especie moi proclive á polución por microplásticos. Os seus achados confirman a esta especie como unha das máis afectadas por esta contaminación de orixe humana. E, en consecuencia, tamén ratifican o mexillón como unha especie sentinela, é dicir, un organismo que pode advertir ao ser humano dos perigos do incremento da presenza de microplásticos no mar, que van sufrir en primeiro lugar.