Case un cento de barcos pesqueiros de arrastre dos portos da Coruña, Celeiro, Burela e Corme participan na iniciativa “Upcycling the Oceans”, un proxecto que busca recuperar residuos presentes no mar para reciclalos, dándolles novos usos na industria téxtil. 14 das embarcacións pertencen ao porto da Coruña, 7 ao de Burela, 50 ao de Celeiro e os 14 restantes ao de Corme, sumando un total de 1.380 mariñeiros. En cada un destes catro portos instalouse un contedor para depositar os residuos que atopen no mar, maioritariamente plásticos.
14 das embarcacións pertencen ao porto da Coruña, 7 ao de Burela, 50 ao de Celeiro e os 14 restantes ao de Corme, sumando un total de 1.380 mariñeiros
No 2018 os 14 barcos pesqueiros do porto da Coruña xa participaron no proxecto, ao que agora se suman as restantes embarcacións. O pasado ano estes 14 arrastreiros foron quen de recoller dos fondos mariños un total de 1.105 kg de residuos, dos que 787 quilos eran plásticos.
Na iniciativa participan xa 40 portos de todo o Estado Español e un total de 620 barcos. O pasado ano recolléronse 140 toneladas de lixo procedentes do mar. Estes residuos mariños son tratados de forma diferenciada, separándose por materiais. O plástico PET trátase para ser convertido en fio de poliester 100% reciclado co que a marca de moda sostible ECOALF fabrica os seus produtos.
A pasada semana, o instituto BDRI -con sede no Grove- alertou da importante presenza de plásticos nas augas das Rías Baixas, tanto na superficie coma a máis profundidade. A entidade, que percorreu 8.000 kilómetros da costa galega nos últimos dous anos, advirte dos prexuízos que estes residuos están a provocar na fauna mariña, como tamén fixo o CEMMA