A pasada semana o BDRI (Bottlenose Dolphin Research Institute), centro de investigación internacional con sede no Grove, difundiu vídeos e fotografías dunha balea azul nadando e alimentándose nas augas de Fisterra. Este novo avistamento parece confirmar Galicia como un territorio frecuente de alimentación para este xigantesco animal, o máis grande dos existentes e que chegou a estar ao borde da extinción hai unhas décadas. Xa o pasado ano destacaban que "a costa galega é moi famosa polos fenómenos de afloramento de nutrintes, sempre foi coñecida pola súa riqueza e pola presenza de grandes baleas" e facían un chamamento a incrementar os recursos para a investigación dos cetáceos que percorren as augas galegas.
Nos últimos días o BDRI difundiu novos vídeos nos que se pode ver alimentándose á balea, un exemplar novo e tan só duns 18 metros de lonxitude (poden chegar a 30), cunhas fermosas imaxes subacuáticas. Falamos co biólogo Bruno Díaz, director do instituto.
Este avistamento confirma que os do ano pasado non foron unha casualidade? Confirman a Galicia como un espazo preferente de alimentación e migración das baleas azuis?
O ano pasado, cando realizamos os primeiros avistamentos, quixemos ser cautos á hora de chegar a conclusións. Hai moitos factores puntuais que poden provocar que un ano haxa unhas determinadas especies nun lugar, pero unha das hipóteses que sempre barallamos era esa: que as augas galegas son un lugar preferente de alimentación para as grandes baleas, considerando que Galicia sempre foi unha zona con alta presenza de cetáceos.
A moratoria para a súa caza, aplicada nas últimas décadas, está a dar os seus froitos?
Sempre me gusta deixar clara unha cousa: estamos falando da presenza da balea azul en Galicia porque hai xente que o está rexistrando e divulgando. Pero, certamente, como está sucedendo noutras partes do mundo e como se viu aquí con outras especies, as moratorias internacionais para a caza de baleas nos anos 60, 70 e en España nos 80, poden estar dando resultados, de xeito que as baleas poden estar volvendo a lugares que antes ocupaban ou recuperando rutas migratorias que abandonaban. Pero non se trataba só da caza da balea, senón que a sobreexplotación do mar ou o uso de técnicas moi cuestionables, como a pesca con dinamita, alteraron de forma substancial a presenza destas especies.
Destacades dende o BDRI a "riqueza" das augas galegas como un dos factores que poden explicar que esteamos ven aquí á balea azul e a outros grandes cetáceos...
As condicións da costa galega son excepcionais, as augas de Galicia están entre as máis ricas do planeta. Pode non parecelo, porque esquilmamos a costa ata o límite, pero os fenómenos de afloramento e a circulación das augas levan a que contemos cunhas augas que acollen unha enorme biodiversidade.
"Hai grupos en Canadá ou nos Estados Unidos, pero os datos que estamos obtendo en Galicia teñen moitísimo valor. En Europa nas últimas décadas só se localizaban nas Azores ou Islandia, nunca nas costas continentais"
Tamén reivindicades que se dediquen máis recursos ao estudo destas augas e da biodiversidade que acollen. Estamos ante unha gran oportunidade?
A nós gústanos divulgar esa idea, porque non imos poder conservar unha especie que non coñezamos. É importante que a xente saiba que hai esa riqueza, que hai algo aí que temos a obriga de protexer. Somos un centro de investigación autónomo, que non dependemos de ningunha institución. Polo tanto os recursos son limitados. Somos un centro de formación académica, neste momento temos varios estudantes de postgrao de todo o mundo e grazas a iso podemos financiar tarefas de investigación. E para nós é fundamental a divulgación do coñecemento. O avistamento de baleas está a mellorar a imaxe de Galicia, a nivel turístico e económico. E non porque a xente vaia vir aquí a buscar golfiños, senón simplemente porque asocias iso con limpeza das augas, cun medio ambiente rico e ben coidado.
Coñecer mellor o océano e a vida que contén axuda a concienciar sobre a importancia de coidalo?
Se é certo que as baleas azuis están regresando, temos que permitirlles que volvan a onde sempre estiveron. O océano galego é extremadamente rico, pero non é infinito. Se os recursos non se xestionan ben, vanse esgotar: para as baleas, para os golfiños, pero tamén para nós. E os cambios só chegarán se a opinión pública está concienciada, os gobernos só actuarán se a xente está concienciada, e só pode estar concienciada se está informada.
"O océano galego é moi rico, pero non é infinito. Se os recursos non se xestionan ben, vanse esgotar: para as baleas, para os golfiños, pero tamén para nós"
Salientades igualmente que a balea azul é un animal sobre o que aínda sabemos moi pouco, que é moito o que estas investigacións poden permitir coñecer. É así?
A balea azul garda moitísimos segredos, en xeral todos os cetáceos. O feito de que esteamos estudando a balea azul en Galicia é algo moi importante. Falamos dunha especie moi simbólica, emblema da conservación dos océanos, que ten unha rutas migratorias de miles de quilómetros, que se despraza por medio planeta e sobre a que apenas hai estudos de investigación. Hai grupos en Canadá ou nos Estados Unidos, tamén nas Azores se realizan moitos avistamentos, pero os datos que estamos obtendo en Galicia teñen moitísimo valor. En Europa nas últimas décadas só se localizaba nas costas de Azores ou Islandia, nunca nas costas continentais.