
A institución lucense lanza a súa estratexia de IA, un modelo público "baseado en código aberto", no que a "supervisión humana segue sendo fundamental" e o galego, "irrenunciable"
"Soberanía tecnolóxica realista" para "non ter que elixir entre dependencia e irrelevancia". É a idea que "fundamenta" MencIA, a estratexia de intelixencia artificial que a Deputación de Lugo aprobará oficialmente o vindeiro martes cun calendario de despregadura de catro anos, ata 2030, co obxectivo de comezar a aplicala decontado na propia institución "dende o público, con garantías, con control sobre os datos" e en galego, resumiu a presidenta, Carmela López, no acto de presentación.
Canda o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e os responsables dos piares técnicos do proxecto, Nicolás Fariña e José Antonio Arias, xefes dos servizo de Comunicación e TICs e de Innovación e Participación, Carmela López debullou as claves dun modelo que, di, responde á convicción de que a intelixencia artificial trae consigo "un cambio que xa está aquí". "Vai transformar a maneira de traballar e tiñamos claro que a Deputación de Lugo non podía quedar esperando a ver que facían os demais".
Este "modelo propio, feito pola Deputación", avanza López, está "baseado en código aberto" e nel "a supervisión humana segue sendo fundamental". Ademais, os datos cos que traballe "permanecen baixo control institucional" para desenvolver aplicacións nas que o "uso do galego é irrenunciable". "Porque a nosa lingua ten que estar tamén nos espazos onde se vai construír o futuro", advirte.
As aplicacións de MencIA comezarán por "facilitar o labor do persoal" da Deputación con ferramentas como resumidores de documentos, calculadoras de prezos de contratos públicos, monitores de edictos no BOE ou varios chatbots especializados
As aplicacións da intelixencia artificial pública da Deputación de Lugo partirán do Laboratorio MencIA, "a infraestrutura tecnolóxica propia da Deputación para o desenvolvemento e despregamento de sistemas de IA de código aberto". Ten, detallan os responsables técnicos: "Tres compoñentes: un motor, a infraestrutura tecnolóxica que executa os modelos de IA; unhas mans, as aplicacións e asistentes que permiten interactuar co sistema; e un cerebro, o sistema que conecta todos os elementos".
A concreción do traballo do Laboratorio MencIA comezará por "facilitar o labor do persoal" da Deputación para "realizar tarefas mecánicas e complexas en moito menos tempo" e "poderen dedicarse a cuestións de alto valor". "Un máximo de tres interaccións" serán abondo para resolver estas tarefas, explican.
Así, por exemplo, sobre MencIA funcionarán "un resumidor de documentos, un extractor de texto, un transcritor de audio" ou "un monitor de edictos do Boletín Oficial do Estado". Tamén "un xestor intelixente do correo electrónico, un almacén de instrucións, unha calculadora de prazos da Lei de Contratos do Sector Público" ou "un analizador de convocatorias de axudas e subvencións".
A estratexia prevé "un horizonte de aplicación de catro anos", cos primeiros pilotos das aplicacións dispoñibles no inicio de 2027
Sobre esta tecnoloxía funcionarán tamén chatbots propios da Deputación. Van ser adestrados "con instrucións de sistema específico e unha base de coñecemento pechada" que "non accede a internet nin a información fóra do seu ámbito". Así, por exemplo, estes chatbots poden servir para, "mediante conversa natural", axudar o persoal a "elaborar memorias xustificativas de contratos", apoiar "a contratación pública" en pequenos concellos, asistir na ordenación de documentos ou axudar na xestión do persoal.
MencIA nace "cun horizonte de implantación de catro anos", a comezar "pola posta en produción das oito aplicacións e nove asistentes" e a propia aprobación da estratexia no pleno provincial, a vindeira semana. Na segunda metade deste ano e o inicio de 2027 o goberno provincial prevé "a constitución do Comité de Gobernanza e os primeiros pilotos" das aplicacións. O "despregamento interno completo producirase entre 2027 e 2028" e no marco deste cuatrienio a Deputación prevé ofertar tamén a incorporación a todos os concellos da provincia.