O Consello da Cultura pide máis recursos para a ciencia en galego: "O algoritmo non xoga a favor"

Vídeoconferencia de Xurxo Mariño nun Día da Ciencia en Galego nun instituto de Burela CC-BY-SA Xunta

Máis recursos para a divulgación científica en galego, implicar a comunidade investigadora e o alumnado, mellorar o uso do idioma propio, aproveitar a conexión coa lusofonía ou que a TVG e a Radio Galega aposten máis polos contidos científicos. 

Un informe do Consello da Cultura constata o "devalo" na divulgación científica en galego e pide incrementar os seus recursos

Estas son algunhas das propostas para unha maior proxección e difusión da ciencia en galego que propón o Consello da Cultura Galega (CCG) nun estudo no que constata "un devalo" na divulgación científica na lingua propia "nun contexto en que a evolución das redes esixe un maior esforzo de produción". 

O documento (A divulgación científica en Galego nas redes sociais) fai 15 propostas para mellorar a divulgación científica en galego e demanda "máis recursos" e o "impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo" nun ámbito no que o algoritmo marca case todo. 

Presentación do informe sobre a divulgación científica en galego no Consello da Cultura Galega CC-BY-SA CCG

“O algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego”, advertiu Manuel Vicente, coordinador xunto con Iolanda Casal do informe, durante a presentación xunto á presidenta do CCG, Rosario Álvarez e a anterior coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade da entidade, Elena Vázquez Cendón.

“O algoritmo non xoga nin a favor da ciencia nin do galego”; é o coitelo do século XXI: podemos cortar alimentos ou mancarnos segundo como o usemos"

“O algoritmo é o coitelo do século XXI e, en función de como o usemos, podemos cortar os alimentos cos que nos alimentamos ou mancarnos”, dixo Vázquez sobre o uso responsable das redes sociais. Sobre estas, Vicente lembra que é "imposible e pouco acertado renunciar á visibilidade que outorgan, por limitada que esta sexa, para a información e a divulgación de calidade en xeral e da ciencia en particular”. 

Quince propostas

Así, o documento do CCG ofrece quince propostas para “proxectar o galego á ciencia feita e explicada desde Galicia nas redes sociais”. Entre as principais está a de "reforzar os equipos de comunicación e divulgación científica das institucións públicas de investigación" (universidades e CSIC fundamentalmente), así como unha mellora das condicións laborais das persoas que desenvolven este labor. Tamén promover o uso do galego en todas as accións divulgativas do Sistema Universitario Galego, "apoiando a creación de audiencias propias e recoñecendo a lingua como un valor engadido", tal e como corroboran con exemplos e datos na análise. 

A CCG tamén aposta por "fortalecer as convocatorias que incentivan a comunidade investigadora e o alumnado a divulgar os seus traballos", acompañándoas de "formación en narrativas dixitais e galego oral", así como por identificar e “apoiar novos perfís divulgadores nos campus universitarios e entre os creadores independentes de contidos de calidade”.

Cadea de ADN Dominio Público Praza Pública

Entre as recomendacións do documento inclúese a creación de liñas específicas de apoio á produción de contidos científicos en galego nas redes sociais e o impulso de colaboracións con perfís de gran potencial comunicativo. Ademais, o documento dedica un apartado aos medios públicos galegos e lembra que "a presenza da ciencia" nas redes da Radio Galega e da TVG "é case inexistente". 

O CCG critica a "presenza case inexistente da ciencia" nas redes da Radio Galega e da TVG e pídelles "formatos divulgativos breves sobre ciencia e vida cotiá"

"Non chega sequera a reproducir nas redes unha pequena parte do que si está presente na grella. Tendo en conta o carácter público da CSAG, cabe reclamarlle, cando menos, certa proxección da ciencia nas redes sociais, tanto no que atinxe aos grandes temas de actualidade como á súa vinculación con Galicia", di o CCG. "Coidamos que isto é posible desde os perfís dos servizos informativos pero tamén nos xerais, nos que se advirte un carácter máis orientado ao entretemento, que non é incompatible coa ciencia", engade. 

Así, propoñen á radio e á televisión pública "a produción de formatos divulgativos breves sobre ciencia e vida cotiá, a creación de repositorios institucionais de contidos divulgativos e a ampliación de plataformas como Proxector para incorporar pódcast e reels". 

O informe cre "prioritario" promover "a alfabetización mediática da cidadanía" e esixe "unha maior presenza do galego nas redes os medios subvencionados pola Xunta"

O CCG considera, ademais, "igualmente prioritario" promover "a alfabetización mediática da cidadanía, estreitar lazos coa divulgación científica lusófona aproveitando a proximidade entre galego e portugués, e reclamar ás grandes plataformas dixitais "a incorporación plena do galego en igualdade con outras linguas, incluídas as ferramentas publicitarias e de intelixencia artificial". 

Tampouco obvia a análise "esixir unha maior presenza da lingua nas redes dos medios subvencionados pola Xunta e reforzar o traballo en rede entre institucións e colectivos implicados na creación e promoción de contidos en galego".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.