Pontón e Besteiro coinciden en pedir á Xunta que triplique o orzamento para a lingua galega

Ana Pontón e Gómez Besteiro, en senllos actos sobre o galego, na Coruña CC-BY-NC-SA BNG / PSdeG

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro elixiron a cidade da Coruña para criticar a política lingüística da Xunta, reivindicar o galego e reclamar do goberno autonómico un maior orzamento para fomentar e impulsar a lingua propia. 

En senllos actos na Coruña, Pontón e Besteiro pediron á Xunta "multiplicar por tres o orzamento de política lingüística"

Ambos coincidiron nunha demanda ao Executivo que preside Alfonso Rueda: a de triplicar o orzamento que lle dedica ao galego. Este mércores foi a portavoz nacional do Bloque quen instou a "triplicar as axudas de apoio e promoción ao idioma que están, a día de hoxe en mínimos históricos". O secretario xeral do PSdeG, pola súa banda, pediu o martes "multiplicar por tres o orzamento de política lingüística nesta lexislatura"

Foron dúas das principais propostas de ambos líderes dos partidos da oposición nas vésperas do Día das Letras que se celebra este vindeiro domingo. Nun contexto no que a partida específica para normalización lingüística nos orzamentos da Xunta para este 2026 é de 13 millóns de euros, tras unha suba de algo máis do 8% con respecto ao ano anterior. Triplicala suporía alcanzar case os 40 millóns. 

As de Pontón tiveron lugar nunha charla-café na Coruña con varias persoas que fan a súa vida en galego, desde neofalantes ata os que a teñen como lingua materna, pasando por quen veu de fóra e abrazou o idioma. 

Pontón denuncia as "políticas de acoso á lingua" por parte do PP e a "situación de emerxencia" na que se atopa o idioma

“A conclusión que temos nesta conversa é que, neste país, hai unha inmensa maioría que, fale o que fale, quere a lingua galega, quere que o idioma teña futuro e entende que Galiza vai a ser mellor se somos capaces de manter o noso idioma”, dixo Pontón que, con todo, advertiu da “situación de emerxencia lingüística” na que se atopa a lingua e que chega, aclarou, “despois de anos e anos de políticas de acoso á lingua por parte do Goberno do PP". 

A súa diagnose non foi moi diferente da que fixo Besteiro, nun acto xunto á deputada do PSC Imma Ferret, ao parlamentario do PSE-EE Pau Blasi e ao eurodeputado Nico González Casares. “O problema do galego é a distancia entre os discursos do PP e os orzamentos”, resumiu tras lembrar que “Galicia inviste entre 5 e 7 euros por habitante en política lingüística". "Catalunya, entre 30 e 35. Euskadi, 90. Quince veces máis ca nós. E despois sorpréndense de que o galego retroceda. Non é unha sorpresa. É unha consecuencia”, remarcou.

O líder dos socialistas galegos lembrou que levamos 17 anos de “bilingüismo harmónico”, o "eufemismo que Feijóo introduciu para xustificar non protexer a lingua máis débil", dixo. O resultado, dixo tirando dos datos, é unha caída acelerada do uso do galego, sobre todo entre a mocidade.

“Galicia inviste entre 5 e 7 euros por habitante en política lingüística. Catalunya, entre 30 e 35. Euskadi, 90", lembra Besteiro

Pontón, ademais, recordou que o propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, empezou a súa carreira política "poñéndose detrás da pancarta nunha infame manifestación en contra do galego, seguiu apoiando todas as medidas en contra do idioma e mesmo nestes últimos anos votou en contra de que se poida falar galego nas Cortes do Estado". 

Ana Pontón, Avia Veira e Mercedes Queixas, entre mozos no acto sobre o galego na Coruña CC-BY-NC-SA BNG

“Non sei se alguén se imaxina ao presidente de Euskadi votando en contra do vasco ou ao presidente de Catalunya votando en contra do catalán, é difícil de imaxinar, pero aquí temos a Rueda votando en contra do galego, enviando unha mensaxe moi negativa e demoledora á sociedade”, reflexionou. 

"Cambio de rumbo"

Precisamente, sobre aquela votación, Besteiro botou a ollada atrás para lembrar o que di foi un dos momentos máis simbólicos da súa traxectoria. O 19 de setembro de 2023 subiu á tribuna do Congreso para estrear a tradución simultánea ao galego. “Foi un dos días máis importantes da miña vida política. Non polo cargo, non polo discurso. Pola lingua”. 

Pola súa banda, Pontón criticou a política lingüística da Xunta, como o mantemento do decreto do plurilingüismo, e pediu "un cambio de rumbo". Así, puxo sobre a mesa varias propostas para "sacar o galego da grave situación na que se atopa". 

Pontón insiste en derrogar o "decreto da vergoña", en cumprir o Plan Xeral de Normalización Lingüística e en actualizar a Lei de Normalización

Ademais do aumento do orzamento para a lingua, reclamou a supresión do “decreto da vergoña” que “está supoñendo unha total desgaleguización do sistema educativo” e que provoca que “os nenos e nenas que entran pola porta da escola falando galego saian sen facelo”, para consensuar un novo decreto para o ensino. 

Tamén pediu ao Executivo que cumpra o gran acordo que xa hai en materia de lingua, o Plan Xeral de Normalización Lingüística, que recolle medidas a implantar en todos e cada un dos ámbitos e que o único que precisa é “vontade política” para levalas a cabo. Por último, avogou por actualizar a Lei de Normalización Lingüística, dado que "tras 40 anos de vixencia cómpre adaptala á realidade social, cultural, económica e tecnolóxica de hoxe en día".

Gómez Besteiro, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e outros cargos socialistas, nun acto sobre o galego CC-BY-SA PSdeG

No acto dos socialistas na Coruña un día antes, a deputada do PSdeG Silvia Longueira concretou as tres liñas que o partido defende para "reverter a deriva": multiplicar por tres o orzamento de política lingüística nesta lexislatura; un novo pacto pola lingua, "aberto a todas as forzas, na liña do firmado en 1983 polo Goberno de Fernández Albor e do aprobado por unanimidade en 2004 baixo o Executivo de Emilio Pérez Touriño"; e blindar a produción propia da CRTVG desbloqueando o seu Consello.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.