Máis do 70% do profesorado de matemáticas impartiría a materia en galego se non llo impedise o decreto

Unha mestra dá clase de Matemáticas nun centro de ensino galego © Xunta

Máis de sete de cada dez docentes de matemáticas impartiría a súa materia en galego se puidese elixir. Este é un dos datos que forma parte dos resultados da enquisa realizada no marco dun dos estudos que inclúe o último número de Cadernos de Lingua, revista de investigación lingüística da Real Academia Galega (RAG). 

O traballo, que analiza a variable xénero na práctica lingüística do profesorado, "non atopou diferenzas significativas" neste aspecto entre profesoras e profesores dunha materia que o Decreto 79/2010 (chamado do plurilingüismo) impide impartir en galego ata a ESO, "mais permitiu validar hipóteses previas como a maior tendencia das mulleres á converxencia lingüística e á acomodación comunicativa", tal e como destaca a propia RAG. 

María López-Sández CC-BY-SA RAG

A coordinadora do Seminario de Sociolingüística da Academia e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC, María López-Sández, e o tamén investigador da USC Alejandro Doval Casas asinan o artigo que pecha o número 42 da revista que dirixe o académico Manuel González e que conta co apoio económico da Xunta e do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. 

Máis do 70% dos e das docentes de matemáticas en Galicia impartiría a súa materia en galego se puidese elixir e non dependese do que marca o decreto do plurilingüismo

O artigo analiza a influencia da variable xénero nas prácticas lingüísticas do profesorado galego a partir do contraste dos datos contidos e analizados nunha primeira achega do Seminario de Sociolingüística, Lingua e xénero en Galicia: estado da cuestión (2022), e dunha investigación empírica baseada en 241 enquisas entre docentes de matemáticas de ensino secundario. 

Os resultados ratifican a fenda observada na devandita monografía, cunha maior tendencia ao uso monolingüe do galego fóra do centro educativo en homes (39,2 % fronte a 34,8 % de mulleres, +/- 4,4 %), e inversamente unha maior porcentaxe de mulleres monolingües en castelán (20,5 % fronte a 17,6 % de homes, +/- 2,9 %).

O 20% das mulleres docentes de matemáticas consultadas son monolingües en castelán pero case o 40% dan aulas nese idioma; nos homes, o 17,6% monolingüe en español pasa ao 45% na aula

Os autores ilustran a diferenza entre estes datos de uso lingüístico persoal e os da práctica docente, onde se dá un “notable incremento” do castelán, sen dúbida por mor da regulamentación do Decreto 79/2010 que fixa que as matemáticas deben ensinarse na ESO nese idioma. “Entre as mulleres, as que din impartir a materia exclusivamente en castelán practicamente duplican as monolingües en castelán na súa vida diaria, pasando do 20,5% ao 39,1%. O efecto é aínda máis marcado nos homes, que pasan dun 17,6% a un 44,6%. Isto cuestiona a presunción dunha maior resistencia ás normas por parte dos homes”, debullan. 

Con todo, destaca o elevado número de mulleres (21,1%) que optan pola resposta non categórica máis castelán ca galego, “que pode responder á mesma intención de enmarcarse dentro do establecido no marco legal desde posicionamentos menos categóricos ou marcados pola diplomacia ou converxencia lingüística”, propoñen os autores. Os datos contrastan en calquera caso coa resposta á pregunta aos docentes de cal sería a lingua na que impartirían as súas clases se a escolla fose exclusivamente persoal, allea a condicionantes externos: a maioría absoluta, máis do 70%, elixe o galego, sen que se observen diferenzas significativas entre xéneros

Alumnado nun centro de ensino galego CC-BY-SA Xunta

López-Sández e Doval sosteñen que análises conxuntas da lingua e o xénero coma esta, en diálogo coa interseccionalidade, permiten comprender que "as prácticas docentes non responden a eleccións illadas, senón a posicións sociais cruzadas por factores de poder, identidade e regulación institucional, e confirman a necesidade de repensar o marco normativo para o galego no ensino", destaca a RAG. 

"Non debería desaproveitarse o potencial dun corpo de profesionais competentes e dispostos a utilizar a lingua propia no ensino dunha materia de alto prestixio social como as matemáticas"

“O caso do profesorado de matemáticas amosa que as dinámicas lingüísticas se producen precisamente nesas interseccións, onde o normativo e o afectivo se negocian de maneira constante. (...) No actual contexto sociolingüístico de Galicia non debería desaproveitarse o potencial dun corpo de profesionais competentes e dispostos a utilizar a lingua propia no ensino dunha materia de alto prestixio social como son as matemáticas. Consideramos, de feito, que esta é probablemente a conclusión principal do estudo, que transcende a análise estrita do parámetro de xénero”, conclúen.

Cadernos de Lingua, no seu último número, inclúe tamén unha síntese do Informe sobre a situación da lingua galega segundo os datos do Instituto Galego de Estatística de 2023  do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, quen non seu día elaborou, coa colaboración de Xaquín Loredo e Gabino Vázquez-Grandío, técnicos do Seminario, esta análise presentada pola RAG en decembro de 2024. 

Modo galego, actívao!

Tamén se pode ler unha valoración, a cargo de Gabino S. Vázquez-Grandío e a técnica municipal de normalización lingüística do Concello de Ames, Rosa Moreiras Cuñarro, do programa de compromiso lingüístico desenvolvido no marco do proxecto Modo galego, actívao! Unha iniciativa da RAG e o Concello de Ames, en colaboración cos distintos axentes da comunidade educativa local, en marcha desde o curso 2022-2023. 

A primeira aproximación ao léxico da personalidade en lingua galega é outra das contribucións recollidas no último número de Cadernos de Lingua, unha proposta de Elena Rey García, Estrella Romero, Paula Ganitsky e Isabel Fraga, do Instituto de Psicoloxía da USC. Os resultados poden ser de utilidade na elaboración de instrumentos para a investigación no ámbito da psicoloxía adaptados á realidade lingüística galega, para a que existen poucas ferramentas, advirten as autoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.