O pasado 19 de febreiro, a Generalitat de Catalunya publicaba unha nova edición da Enquisa dos Usos Lingüísticos da Poboación, uns datos que deixaron como gran titular que o uso habitual do catalán era por primeira vez inferior a un terzo da cidadanía, sendo usado habitualmente en 2023 por un 32,6%, o que supón unha baixada de máis de tres puntos con respecto ás cifras de 2018 (36,1%).
Os datos do inquérito elaborado polo Institut d’Estadística de Catalunya e o Departament de Política Lingüística, semellante ao que elabora en Galicia o IGE para o uso do galego e que foi publicada o pasado outubro, supuxeron tamén motivo de preocupación. O conseller de Política Lingüística, Francesc Xavier Vila, recoñecía que non eran os resultados que lle gustarían pero negaba que o catalán se atopase en vías dun proceso de substitución, ademais de recomendar mirar as cifras en perspectiva.
Os datos sobre o uso da lingua sinalan que galego e catalán se atopan en mellor situación que o vasco, pero que a súa evolución é moito peor que a do éuscaro
Os datos sobre o catalán en Catalunya (a enquisa céntrase na comunidade autónoma catalá e non analiza a mesma lingua falada noutros territorios) e a recente publicación das cifras sobre o galego, que ditaminaron que por primeira vez o castelán era maioritario en Galicia, fan inevitable unha comparativa sobre a situación das linguas propias en cada un destes territorios e mais en Euskadi, onde os últimos datos dispoñibles proveñen da Enquisa Sociolingüística do Éuscaro realizada en 2021.
Aínda que a comparanza non se pode facer de xeito mimético, xa que nin as preguntas nin a mostra teórica son iguais nos tres casos, unha análise dos principais datos dos tres estudos si semellan dar para concluír unha tendencia asentada: a situación do galego e mais do catalán continúa a ser mellor que a do vasco, pero a evolución do éuscaro é moito mellor, ao manter unha tendencia positiva desde que en 1991 se realizase a primeira enquisa.
En Galicia, o 45,5% da poboación maior de cinco anos fala sempre ou máis en galego; en Catalunya, fala habitualmente catalán ou catalán e castelán o 42% dos maiores de 15
En Galicia, segundo a última enquisa do IGE, as persoas que falan sempre ou máis en galego sitúanse nun 45,5% e as que optan sempre ou máis polo castelán chegan case ao 53%, sendo esta a primeira vez que o uso do castelán superou ao da lingua propia. Ademais, a poboación que "sempre" fala en galego cae por baixo do 24%, un 23,99% que, segundo a serie estatística consolidada, supuxo unha caída superior aos 6 puntos.
En Catalunya, a enquisa da Generalitat indica que o 42% da cidadanía fala habitualmente catalán (32,6%) ou catalán e castelán (9,4%), mentres que o 46,5% emprega habitualmente o español e un 5,6% outras combinacións de idiomas. No caso de Euskadi, os datos do inquérito de 2021 sinalan que o 21,9% dos e das residentes na comunidade autónoma falan o éuscaro "tanto ou máis que o castelán" —6,4 puntos máis que tres décadas atrás e case dous puntos máis que unha década antes— mentres que un 11,5% emprégao pero "menos que o castelán" e un 5,7% di usalo "moi pouco".
No caso do territorio da lingua vasca (incluíndo o País Vasco norte, en Francia, e Navarra), o 30,2% da poboación de 16 ou máis anos residente é vascofalante (fala e entende ben ou bastante ben o éuscaro) e o 16,1% vascofalante pasiva (non o fala ben pero enténdeo ben ou bastante ben).
En Euskadi, o 22% da cidadanía maior de 16 anos fala vasco "tanto ou máis que o castelán", 6,4 puntos máis que hai 30 anos
Os datos, tras unha ollada rápida e por riba, indicarían que Galicia é o país do conxunto das tres nacionalidades históricas onde, malia todo, máis uso habitual se dá da lingua propia, sendo máis do 45% a porcentaxe de habitantes que falan sempre nela ou máis que castelán, fronte ao 42% de cataláns que falan habitualmente o idioma propio ou combinándoo co castelán e o 22% de cidadanía vasca que fala o vasco tanto ou máis que o español.
Pero hai moitos condicionantes. Para empezar, mentres que a enquisa en Galicia abrangue poboación maior de cinco anos, no caso da de Catalunya limítase á maior de 15 e na do País Vasco á que supera os 16. E por exemplo, no ámbito do éuscaro, diferentes investigacións destacan que o uso da lingua vasca é especialmente importante e consolidado na poboación máis nova, tanto polo aumento da transmisión interxeracional nas últimas décadas como polo modelo lingüístico da escola, aínda que sempre con grandes diferenzas por territorios, mesmo por barrios dentro das cidades.
Sen ir máis lonxe, o que si indica a última enquisa no País Vasco é que case o 75% da xente nova entre 16 e 24 anos sabe éuscaro, mentres que apenas o 22% dos que pasan de 65 o pode falar. En 1991, na primeira sondaxe, eran os máis novos os que menos usaban o éuscaro habitualmente (12,4%) e o seu coñecemento roldaba o 25%. Agora o uso nese período alcanza o 33,5%.
O coñecemento do éuscaro entre a xente nova medrou 50 puntos en tres décadas; na franxa entre 16 e 24 anos é onde máis se utiliza
Así, en trinta anos, o coñecemento do vasco nesta franxa de idade moza subiu 50 puntos, mentres que o seu uso habitual fíxoo en 21. Hoxe en día, son os mozos e mozas de Euskadi entre os 16 e 24 anos os que máis utilizan a lingua propia, máis dun terzo (33,5% que usa o euskara tanto o máis que o castelán), mentres que nos maiores de 65 non chega ao 17%, cando en Galicia o galego é habitual no 68% da poboación que supera eses anos.
En Catalunya, pola súa banda, a Enquesta a la joventut publicada a finais de 2023 indicaba que o uso habitual do catalán entre a mocidade de 15 a 24 anos subiu ata o 25,1%, aínda que queda moi lonxe dos datos de 2007, cando a cifra superaba o 43%. Ademais, a sondaxe revelaba que a proporción de rapazada que só fala en castelán medrara oito puntos, ata o 22,5% en cinco anos pero tamén que o 14% dos que teñen o catalán como lingua materna acaban facendo do castelán o seu idioma habitual. Nas persoas de máis de 65 anos, a lingua propia é usada habitualmente por case a metade da cidadanía.
O uso do galego e do catalán entre a xente moza caeu ata 20 puntos en 20 anos mentres a do vasco subiu máis de 20 en 30 anos
No caso do galego, a enquisa do IGE reflicte que na franxa de idade de 15 a 29 anos, a máis aproximada para facer a comparativa coa mocidade catalá ou vasca, o uso habitual do galego (sempre en galego ou máis en galego que en castelán) supera o 28%, pero son case 20 puntos menos que hai 20 anos.
Con todo, e ante as diferentes mostras e preguntas de cada enquisa, a comparación máis acaída do uso entre a mocidade das linguas propias foi feita polo Consello da Cultura Galega (CCG) a partir dos indicadores de competencia e uso dos idiomas en Galicia, Catalunya, Balears, Comunitat Valenciana, País Vasco e Navarra a partir dos datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas (ECEPV) elaborada polo INE en 2021 como complemento ao Censo.
Os datos comparados destas seis comunidades autónomas amosaban que o galego é a lingua cunha maior porcentaxe de falantes no seu territorio —xunto co catalán en Catalunya—, xa que o 61,3% fálao cunha frecuencia media ou elevada, fronte ao 61,8% da comunidade autónoma catalá, o 34,6% de Euskadi, o 45,8% de Baleares, o 32,7% da Comunitat Valenciana e o 13,6% de Navarra. Ademais, a porcentaxe de persoas que nunca fala galego (9,5%) é a máis reducida de todas, moi por debaixo do dato catalán (15%).
Porén, esta situación aparentemente favorable está moi lonxe da realidade se atendemos aos datos que se rexistran entre a mocidade. Segundo os datos do INE que debullou o CCG, entre os e as menores de 20 anos a porcentaxe de falantes habituais descende en Galicia ata o 44,8%, mentres que en Cataluña ascende ata o 78,7% e en Euskadi ata o 67,6%. De feito, o dato galego está mesmo por debaixo do que presenta Balears entre a mocidade (56,8%) e sitúase preto do da Comunitat Valenciana (39,1%), que polo tanto tamén presentan mellores datos nas xeracións máis novas que no conxunto da poboación, ao contrario de Galicia.
Por último, se comparamos os datos de coñecemento de catalán en Catalunya e galego en Galicia debullando os datos das recentes enquisas en cada un dos territorios, os resultados son semellantes.
Os datos de coñecemento do catalán en Catalunya e do galego en Galicia son practicamente idénticos
En Galicia, as persoas que din entender "moito" ou "bastante" a lingua galega seguen superando o 90%, pero caen dous puntos en cinco anos e quedan no 93,4%. En Catalunya, entende o catalán exactamente a mesma porcentaxe, un punto menos que cinco anos antes.
En canto á proporción de poboación que declara saber falar galego "moito" ou "bastante", o descenso é máis acusado. Cun retroceso superior aos catro puntos, fica no 83,4%. En Catalunya, pode falar catalán o 80,4%, unha porcentaxe case un punto inferior á de 2018.
No que atinxe á poboación con capacidade de escribir galego, a liña ascendente de todas as anteriores edicións da enquisa invertía a súa tendencia e pasaba dun 62,14% hai cinco anos a algo menos dun 61%. En Catalunya esta porcentaxe coa súa lingua propia ascende ao 65,6%, máis de catro puntos superior á situación do galego e tres décimas mellor que a que tiña o idioma catalá cinco anos atrás.