A mocidade galega en idade escolar fala peor a lingua propia que cataláns e vascos

Uso e dominio da lingua propia en Galicia, Cataluña e Euskadi sobre unha imaxe da aula dun centro de ensino galego © Montaxe: Xunta / Praza.gal

Mentres que en Cataluña e Euskadi a situación das súas linguas é mellor nas novas xeracións ca no concunto da poboación, en Galicia a tendencia é exactamente a inversa. As persoas en idade escolar son as que rexistran peores datos de competencia e uso

A mocidade de Galicia ten un peor dominio da lingua galega que a mocidade de Cataluña e País Vasco do catalán e do euskera. Ademais, os mozos e mozas galegas menores de 20 anos falan a lingua propia do país con menor frecuencia que as persoas da súa idade nos outros dous territorios. Os datos son máis rechamantes aínda polo feito de que no conxunto da poboación o nivel de competencia e de uso do galego é maior que o de catalán e euskera. Porén, mentres que en Cataluña e Euskadi a situación das súas linguas é mellor nas novas xeracións, en Galicia a tendencia é exactamente a inversa.

O Consello da Cultura Galega presentou este mércores o Foro participativo: un país coa súa lingua, un proceso coordinado por Dolores Vilavedra que nos vindeiros meses buscará a través de seis mesas sectoriais "ofrecer medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego". O foro, que rematará en novembro coa presentación dun documento de conclusións, procura resultados "que poidan ser medibles a curto e medio prazo" e parte "dos aspectos positivos do idioma que xa están a funcionar", destaca a institución.

Coincidindo coa posta en marcha da iniciativa o Consello da Cultura Galega presentou o informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada”, que comparou os indicadores de competencia e uso das linguas propias en Galicia, Cataluña, Baleares, Comunidade Valenciana, País Vasco e Navarra a partir dos datos da Enquisa de Características Esenciais da Poboación e Vivendas (ECEPV) elaborada polo INE en 2021 como complemento ao Censo. Un traballo publicado a finais de 2022 que nese nomento xa anticipou que o castelán se convertera na lingua dominante en Galicia, como posteriormente tamén fixo o IGE, cunha metodoloxía diferente.

Os menores de 20 anos que son quen de falar 'ben' o galego non pasan do 70,8%, mentres que en Catalunya son o 85%, en Euskadi o 75,5% e mesmo en Baleares a porcentaxe iguálase á galega (70,5%).

Os datos comparados das seis comunidades autónomas amosan que o galego é a lingua cunha maior porcentaxe de falantes no seu territorio -xunto co catalán en Cataluña-, pois o 61,3% fálao cunha frecuencia media ou elevada, fronte ao 61,8% de Cataluña, o 34,6% de Euskadi, o 45,8% de Baleares, o 32,7% da Comunidade Valenciana e o 13,6% de Navarra. Ademais, a porcentaxe de persoas que nunca fala galego (9,5%) é a máis reducida de todas, moi por debaixo do dato catalán (15%).

Porén, esta situación aparentemente favorable está moi lonxe da realidade se atendemos aos datos que se rexistran entre a mocidade. Entre os e as menores de 20 anos a porcentaxe de falantes habituais descende en Galicia ata o 44,8%, mentres que en Cataluña ascende ata o 78,7% e en Euskadi ata o 67,6%. De feito, o dato galego está mesmo por debaixo do que presenta Baleares entre a mocidade (56,8%) e sitúase preto do da Comunidade Valenciana (39,1%), que polo tanto tamén presentan mellores datos nas xeracións máis novas que no conxunto da poboación, ao contrario de Galicia.

Entre os e as menores de 20 anos a porcentaxe de falantes habituais descende en Galicia ata o 44,8%, mentres que en Cataluña ascende ata o 78,7% e en Euskadi ata o 67,6%

A mesma situación repítese á hora de falarmos das competencias lingüísticas, é dicir, da capacidade de falar, entender, ler e escribir en galego, independentemente do uso que cada persoa faga da lingua no seu día a día. A porcentaxe de galegos e galegas que é quen de falar 'ben' a lingua propia do país é a máis elevada entre as seis comunidades autónomas (83,1%), por riba dos datos de Cataluña (75%), Baleares (59,5%), Comunidade Valenciana (51,6%), País Vasco (44,1%) e Navarra (17%).

Mentres que no resto de territorios o dominio da lingua é mellor entre a mocidade en idade escolar, en Galicia sucede o contrario: os menores de 20 anos que son quen de falar 'ben' o galego non pasan do 70,8%, mentres que en Catalunya son o 85%, en Euskadi o 75,5% e mesmo en Baleares a porcentaxe iguálase á galega (70,5%). Tamén na Comunidade Valenciana e Navarra os datos melloran amplamente a súa media xeral.

O 47% dos menores de 20 anos usan decote o galego no ámbito educativo, moi por debaixo do 84,8% en Cataluña, o 80,1% no País Vasco, o 71,2% nas Illas Baleares e mesmo o 48,2% na Comunidade Valenciana

Nas conclusións do informe destácase que "este patrón suxire unha menor efectividade das políticas educativas no reforzo do galego, en oposición ao impacto máis positivo noutras comunidades". En decembro o informe que publicou a Real Academia Galega para analizar os últimos datos do IGE e a evolución sociolingüística de Galicia dende o ano 1992, asinado por Henrique Monteagudo, Xaquín Loredo, Gabino S. Vázquez-Grandío, indicía xa na perda de falantes e competancias entre as novas xeracións.

Aquel documento denunciaba que "o modelo educativo actual incumpre o mandato da Lei de Normalización e mesmo do decreto do plurilingüismo actualmente vixente ao non fornecer os estudantes máis novos de competencias axeitadas en lingua galega". E concluía que "a desgaleguización da rapazada non se debe tanto á ruptura da transmisión interxeracional canto á presión desgaleguizadora do ensino".

Nas conclusións do informe destácase que "este patrón suxire unha menor efectividade das políticas educativas no reforzo do galego, en oposición ao impacto máis positivo noutras comunidades"

No informe comparativo do Consello da Cultura presentado este mércores destácase igualmente que Galicia lidera o uso da lingua en contextos informais, cun 56,6% de usos elevados (frecuentemente e sempre) no ámbito familiar e un 54,5% no das amizades, por riba de Cataluña (49,5% e 54,3%, respectivamente). Porén, no ámbito formal, como o traballo ou a escola, a comunidade galega amosa unha menor implantación, cun 51,9% de usos elevados, fronte ao 60,5% de Cataluña.

Se analizamos unicamente os datos da mocidade, as diferenzas entre Galicia e Cataluña son aínda máis claras, o que incidiría na "presión desgaleguizadora do ensino" denunciada pola RAG. Así, en Galicia o 47,1% de menores de 20 anos usan frecuentemente ou sempre a lingua propia no ámbito laboral ou educativo (enténdese que na maioría dos casos as respostas se refiren á contorna educativa), moi por debaixo do 84,8% en Cataluña, o 80,1% no País Vasco, o 71,2% nas Illas Baleares e mesmo o 48,2% na Comunidade Valenciana. Neste caso, cómpre salientar os baixos datos de uso habitual do galego que se rexistran entre mocidade en todos os ámbitos, sexa coa familia, coas amizades ou na contorna escolar.

Foro participativo: un país coa súa lingua

O Consello da Cultura Galega presentou este mércores o Foro participativo: un país coa súa lingua, un proceso coordinado por Dolores Vilavedra que nos vindeiros meses buscará a través de seis mesas sectoriais "ofrecer medidas concretas e prioritarias para avanzar na recuperación do vigor do galego"

O foro presentado este mércores ten unha fase pública que se desenvolve entre febreiro e xullo e que arrinca o 27 de febreiro, coa primeira mesa Educación e socialización, moderada por Nel Vidal. Nela abordarase a educación e a transmisión interxeneracional; os recursos educativos dixitais e a familia; a mocidade e tamén a Lingua vehicular no ensino. Alba Nogueira modera a segunda mesa, nomeada Administración, xustiza e servizos públicos, que o 20 de marzo, abordará a linga da administración, da xustiza e da formación do persoal público. 

A terceira mesa, Sanidade, ciencia e servizos sociais, reflexionara o 23 de abril sobre a atención a colectivos vulnerables, servizos sociais, inclusión lingüística en contextos de apoio comunitario e contextos académicos e científicos. Está moderada por Iolanda Casal. A cuarta mesa, Comunicación, cultura e acción exterior, está coordinada por Marta Veiga e nela abordaranse os medios de comunicación públicos e privados, a creación cultural e industrias audiovisuais e a difusión do galego en plataformas dixitais. 

O proceso arrinca o 27 de febreiro coa mesa 'Educación e socialización' moderada por Nel Vidal que tratará a educación e a transmisión interxeneracional; os recursos educativos dixitais e a familia; a mocidade e tamén a Lingua vehicular no ensino

Na quinta mesa, Economía, turismo e deporte, baixo a moderación de Jackson R. Rodriguez Soares, reflexionarase sobre o uso do galego no comercio e nas empresas, o turismo cultural, a comunicación corporativa e a vida económica e social. Finalmente, Sociedade, crenzas e participación comunitaria é o título da sexta mesa (8 de xullo), moderada por Rosalía Fernández Rial, na que se analizarán temas coma as asociacións e redes comunitarias, a sensibilización lingüística en colectivos sociais ou a cohesión interxeracional.

Cada mesa estará composta por expertos e profesionais especializados nos seus respectivos campos, seleccionados previamente para asegurar unha representación diversa. Estes espazos de traballo promoverán o intercambio de ideas e a identificación de propostas concretas para avanzar no uso social e institucional do galego. Ademais, o formato das mesas permitirá integrar datos e incorporar boas prácticas de contextos comparables, co obxectivo de orientar as discusións cara a medidas de impacto inmediato e a medio prazo, realistas e executables no contexto actual. “Buscamos, sobre todo, partir das fortalezas do idioma, de experiencias de éxito para reverter unhas tendencias que non son positivas” apuntou Dolores Vilavedra, coordinadora do Foro na presentación do proceso.

Dolores Vilavedra, Rosario Álvarez e Hakan Casares, na presentación do foro © CCG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.