No curso escolar 2022-2023 a Real Academia Galega e o Concello de Ames puxeron en marcha o proxecto Modo galego, actívao! Partindo de traballos previos coma o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, que en 2021 afondaba en aspectos coma os "efectos desgaleguizadores" do ensino dende o Infantil ata a Secundaria, RAG e goberno local lanzaron iniciativas como animar a rapazada a vivir en galego durante varias semanas dentro e fóra das aulas ou activar iniciativas de inmersión lingüística.
Logo duns resultados que ambas partes valoraron como moi positivos, a colaboración estendeuse ata o curso 2025-26 e RAG e Concello veñen de presentar este xoves a terceira edición deste proxecto "de investigación e acción" que abranguerá máis de 2.500 nenas e nenos de Ames que asumen un compromiso ao longo dun mes: "Falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa".
Será unha nova edición dunha iniciativa que, como explica a RAG, ten o "propósito de explorar novos xeitos de promover a lingua entre a xente máis nova e avaliar os resultados". Nesta ocasión, e como gran novidade da edición presentada no CEIP A Maía, o proxecto esténdese. Seguirá a implicar dunha maneira lúdica os nenos e nenas dos centros públicos de infantil e primaria amesáns pero chegará tamén ao alumnado de 1º e 2º da ESO dos institutos do Milladoiro e Bertamiráns.
A terceira edición da iniciativa da Academia e do Concello implica rapazada de entre 4 e 12 anos no uso e promoción do galego en todos os contextos
Deste xeito, o Modo galego, actívao! "estende o seu alcance a un rango de idade moito maior”, como destacou Carmen Porto, concelleira de Planificación e Xestión Educativa en Ames. Supera os 2.500 nenos e nenas; involucra profesorado, familias e persoal dos servizos complementarios que usa a rapazada; e chega ao primeiro ciclo de secundaria, á rapazada de entre doce e trece anos, coa importancia que iso supón tamén. Abrangue, xa que logo, desde cativos e cativas de catro anos ata o inicio da adolescencia.
A Academia destaca os "efectos positivos" do proxecto "no uso do galego e especialmente sobre as actitudes lingüísticas"
Desde a Academia destácase o proxecto por ser quen de "explorar novas maneiras de traballar máis efectivas e que sexan avaliables e replicables noutros municipios". "Facermos, en definitiva, un traballo racionalizado no terreo da normalización no que se determine cal é a situación de partida e cal é a posterior, observando ata que punto se consegue coas medidas desenvolvidas o efecto que se busca”, resume o coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, Henrique Monteagudo.
A análise das primeiras edicións do proxecto, explica a Academia, confirma os seus "efectos positivos no uso do galego e especialmente sobre as actitudes lingüísticas". Tal e como destacaba Monteagudo nunha reportaxe en Praza.gal, a experiencia supuxo un "impacto extraordinario", non só polo que supón o labor da inmersión, senón pola concienciación sobre o "problema" que sofre a lingua ou como xeito de desbotar prexuízos arredor do idioma.
A rapazada comprométese a "falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá" durante un mes
Así, xa esta semana estase a asinar o Acordo de compromiso lingüístico nas aulas da ESO e a negociar entre o profesorado e o alumnado unha serie de recompensas acordes co nivel de implicación que cadaquén decida asumir. Tamén se lles proporá aos estudantes de secundaria un reto semanal, como procurar que persoas da súa contorna se animen tamén a comprometerse coa activación do galego ou buscar a complicidade de artistas.
Para infantil e primaria, haberá reto diario ata o 14 de febreiro, animando nenos e nanas a compartiren soños, música, trabalinguas ou películas en galego, e propoñéndolles tamén que busquen a complicidade doutras persoas para activaren o idioma propio de Galicia a través de cartas ou a gravación de audios. Por cada desafío cumprido, a rapazada recibirá un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.
A presentación desta nova edición do proxecto chega tan só un día despois de que o Consello da Cultura fixese público un informe que destaca que a mocidade galega en idade escolar fala peor a lingua propia que cataláns e vascos e que os seus datos de competencia e usos son peores que os maiores, á inversa que en Catalunya e Euskadi.
Xa en decembro, fora a RAG quen alertara noutro informe de que o galego está preto do "limiar do colapso" con menos de 35.000 falantes entre 5 e 14 anos. Precisamente, o presidente da institución, Vïctor F. Freixanes, lembrou este xoves en Ames a demanda que daquela fixo a Academia para "un cambio do modelo educativo e un conxunto amplo de medidas para reverter o devalo do galego", tras coñecérense os datos do Instituto Galego de Estatística que advertían que só se expresa sempre ou máis en galego ca en castelán o 16 % da rapazada.
“Propoñémosvos unha especie de xogo e animámosvos a que o compartades cos vosos amigos e amigas, coa veciñanza e a familia, porque a lingua é algo que facemos entre todos, como un río no que navegamos conxuntamente e que precisa de vós para avanzar cara ao futuro”, explicoulles Freixanes aos nenos e nenas.
“O galego forma parte dun patrimonio inmaterial que debemos conservar e protexer, suma valor engadido e a súa utilización supón unha fortaleza”, expresou na mesa liña o alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García.
"Que o proxecto se desenvolvese en todos os colexios e escolas a un tempo axudou a que o impacto positivo e a implicación fosen moito maiores; hai familias con pequenos en varios centros, rapazada de varios colexios na mesma cuadrilla ou que xogan xuntos no parque... Provocou unhas sinerxías moi grandes", lembraba Monteagudo, lembrando as valoracións que familias, monitores e profesorado compartiron ao finalizar as anteriores experiencias deste proxecto.