A RAG e o Concello amesán estenden ata o curso 25-26 a colaboración para aplicar o proxecto tras o "moi positivo" proxecto piloto que incluíu, entre outras actividades, unha experiencia de inmersión lingüística en galego para tres mil nenas e nenos
No curso escolar 2022-2023 a Real Academia Galega e o Concello de Ames puxeron en marcha o proxecto Modo galego, actívao! Partindo de traballos previos coma o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, que en 2021 afondaba en aspectos coma os "efectos desgaleguizadores" do ensino dende o Infantil ata a Secundaria, RAG e goberno local lanzaron iniciativas como animar a rapazada a vivir en galego durante tres semanas dentro e fóra das aulas ou activar iniciativas de inmersión lingüística.
Ambas partes valoraron os resultados como moi positivos e por iso agora "estenden a colaboración" ata o curso 2025-2026. A través dun convenio, o programa ampliarase agora dende Infantil e Primaria "aos primeiros niveis da ESO" dentro dun abano de medidas máis amplas atravesadas polo obxectivo de "frear o abandono do galego na infancia".
Explica o presidente da RAG que esta colaboración ten como "maior singularidade" que, "partindo do coñecemento xerado" cos estudos e experiencias previas, "deseña en pon en práctica por primeira vez" accións a prol do uso do galego que "implican todos os axentes vinculados á educación das nenas e nenos, dun xeito global". Porque "cada vez son máis relevantes no comportamento lingüístico" os "espazos de socialización" alén das aulas, caso das actividades extraescolares ou de lecer.
O programa inclúe "estratexias para promover o compromiso lingüístico non só entre o alumnado e o persoal dos centros educativos, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios"
Para o alcalde de Ames, Blas García, o proxecto piloto resultou "moi positivo" por iso cómpre "un compromiso maior" para "garantir" o programa nos vindeiros tres cursos. "Os rapaces e rapazas son o futuro do galego" e "o Concello de Ames estará sempre á vangarda na defensa do idioma", mantén.
O primeiro paso da nova xeira do programa Modo galego, actívao! será a próxima presentación, por parte do Seminario de Sociolingüística da RAG, dos resultados completos das experiencias piloto. Entre elas está a "experiencia de inmersión lingüística" en galego na que participaron case tres mil nenas e nenos de Ames que, "por primeira vez se aplicou en todos os colexios dun mesmo municipio a un tempo, contando tamén co conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local"
"O programa -lembran- incluíu estratexias para promover o compromiso lingüístico non só entre o alumnado e o profesorado e demais persoal dos centros educativos, senón tamén das familias e do monitorado dos servizos complementarios". Ao fío desa primeira experiencia, dende a RAG o seu vicesecretario, Henrique Monteagudo, destacaba en conversa con Praza.gal que, alén dos efectos no uso do galego, a iniciativa de inmersión tivera un obvio éxito no labor de concienciación sobre o "problema" que sofre o galego e para desbotar prexuízos