'Activa o Modo Galego', accións dentro e fóra das aulas para frear a perda de galegofalantes en Ames

Imaxes do proxecto 'Modo galego, actívao!' © Imaxes: RAG | Montaxe: Praza.gal

As accións chegarán non só ao día a día das escolas, senón que tamén abranguerán as actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local

Dende hai uns anos a Real Academia Galega e o Concello de Ames veñen colaborando en distintas iniciativas de investigación ao redor dos hábitos lingüísticos da infancia e da mocidade desta localidade da área de Santiago, afondando no efecto que exercen tanto as aulas coma a familia e outros ámbitos de socialización, como as actividades deportivas. Así naceu no ano 2018 o estudo A lingua no CEIP Agro do Muíño, que subliñaba o papel da escola como "desgaleguizador" ou o posterior Mapa sociolingüístico escolar de Ames, en 2021, que afondaba nos efectos que se producen noutras etapas do ensino, dende o Infantil ata a Secundaria, e tamén nas actividades extraescolares e deportivas.

Unha vez realizado o diagnóstico, a Academia quixo pasar á acción, editando xa o pasado ano unha guía para educadoras e educadores titulada Ideas para un plurilingüismo dende o galego no concello de Ames. Agora, RAG e Concello de Ames veñen de presentar un proxecto colaborativo que porá en marcha iniciativas de dinamización lingüística alén das aulas, Modo galego, actívao! , que chegará aos preto de tres mil nenos e nenas do segundo ciclo de Infantil e de Primaria deste termo municipal.

Logo do proxecto 'Modo galego, actívao!'  © RAG

As accións chegarán non só ao día a día das escolas, senón que tamén abranguerán as actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local, seguindo as conclusións dos estudos precedentes, que apuntaban ao forte impacto que estes espazos de socialización teñen nos hábitos lingüísticos de nenas e nenos.

 “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo", destaca Monteagudo

O coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, destaca neste senso que as principais novidades que introduce Modo galego, actívao! son a implicación da administración local e, ademais, o feito de poñer o foco "tanto dentro coma fóra das aulas, nos servizos de conciliación e nas actividades extraescolares e complementarias, tendo en conta todas as persoas que traballan na súa prestación e non só o profesorado”. “Cada vez está máis clara a importancia de traballar na proximidade, e as administracións locais teñen os instrumentos para facelo", engade o sociolingüísta.

"Concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros municipios”, di

A Real Academia Galega espera que a experiencia sexa posteriormente reproducible noutros municipios do país. “A Academia non ten capacidade para acompañar a todos os concellos de Galicia pero concibimos este proxecto como unha experiencia piloto que permita definir un modelo de intervención replicable e extensible a outros municipios”, sinala Henrique Monteagudo.

 

Experiencia de inmersión lingüística e actividades interxeracionais

O proxecto ofrecerá, entre outras medidas, accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación.

Pola esquerda, Xaquín Loredo, técnico do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega; Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística do Concello de Ames; Henrique Monteagudo, académico coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG; e David Santomil, concelleiro de Educación de Ames © Concello de Ames

O 27 de febreiro sete centros de Infantil iniciarán unha experiencia de inmersión lingüística inspirada en 21 días co galego que se estenderá ao conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares e mais ao espazo público, amplificando a experiencia

O traballo cos cativos e cativas implicará diferentes actividades de dinamización lingüística inspiradas noutras de éxito recoñecido, pero adaptadas ás características do proxecto. Por exemplo, o luns 27 de febreiro as escolas infantís do Milladoiro, de Covas e A Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño iniciarán unha experiencia de inmersión lingüística inspirada en 21 días co galego  que se estenderá ao conxunto das actividades educativas, complementarias e extraescolares e mais ao espazo público, amplificando a experiencia.

Así mesmo, promoveranse tamén actividades interxeracionais, organizaranse encontros con persoas que funcionen como referentes galegofalantes para a xente nova, reflexionarase sobre os prexuízos lingüísticos e crearanse grupos de discusión e outros espazos de participación con familias migrantes.

O Mapa sociolingüístico escolar de Ames  detectou unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil

Hai dous anos o Mapa sociolingüístico escolar de Ames  detectou unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.

Así mesmo, promoveranse tamén actividades interxeracionais, organizaranse encontros con persoas que funcionen como referentes galegofalantes para a xente nova

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e o concelleiro de Educación, David Santomil, salientaron tamén a "magnitude" desta experiencia. "Naqueles espazos de competencia municipal, como é o caso dos programas de conciliación, traballaremos de forma activa coa rede de monitorado e co persoal municipal”, salientou David Santomil. "É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, engadiu Escarlata Pampín. 

Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.