Do país de Mari Carmen e José Manuel á terra de Noa, Leo, Mateo e Sofía: así cambiaron os nosos nomes

Evolución nas últimas décadas dos nomes de nena máis comúns na actualidade en Galicia © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Concello de Meira

Os nomes de moda na Galicia actual son Sofía, Noa, Martina, Mateo ou Martín, pero tamén destacan outros que ata hai pouco eran raros ou inexistentes, como Enzo, Luca, Liam ou Artai -en nenos- e Mía, Vega, Chloe ou Leire -en nenas-

Sábeo quen ten nenos e nenas na casa e tamén calquera persoa que pase por un colexio ou por un parque infantil: os nomes cambiaron. E moito, vaia se o fixeron. Os nomes de moda na Galicia actual son Sofía, Noa, Martina, Mateo ou Martín, pero tamén destacan outros que ata hai pouco eran raros ou inexistentes, como Enzo, Luca, Liam ou Artai -en nenos- e Mía, Vega, Chloe ou Leire -en nenas-.

Pero non é que os nomes estean cambiando agora, a realidade é que sempre o fixeron. Os nomes máis habituais na Galicia das décadas dos 50, 60 ou 70 do pasado século (Mari Carmen, Manuel, José Manuel...) deron paso nos 80 a unha xeración inzada de David, Pablo, Diego, María, Javier, Daniel, Patricia ou Cristina. Os 90 foron os anos de Adrián, Laura, Alejandro, Andrea, Sara, Alba ou Lucía. 

Co cambio de século e milenio, Lucía, Pablo, Paula e Alejandro pasaron a ser os nomes máis frecuentes na xeración que agora ten entre 15 e 25 anos. E nos anos 10 apareceron xa nos primeiros postos os Mateo, Martín, Hugo e Noa que seguen dominando a onomástica na actual década.

Non é que os nomes estean cambiando agora, a realidade é que sempre o fixeron. Os nomes máis habituais na Galicia das décadas dos 50, 60 ou 70 do pasado século (Mari Carmen, Manuel, José Manuel...) deron paso nos 80 a unha xeración inzada de David, Pablo, Diego, María, Javier, Daniel, Patricia ou Cristina

Recollemos nestes dous gráficos interactivos a frecuencia relativa de cada nome escollido para os nenos e nenas nacidas en Galicia en cada década durante os últimos 75 anos, empregando para iso a información detallada que o INE publicou hai unhas semanas. Nas gráficas -unha para os nomes de neno e outra para os de nena- só se recollen aqueles que nunha década determinada foron empregados para cando menos cinco persoas nunha provincia. Unha terceira gráfica, única para nenos e nenas, dá conta do número de rexistros para cada nome en cada década. Na información de base non aparecen acentos nos nomes e así deben ser buscados para a súa consulta.

As gráficas permiten percorrer a evolución que nas últimas décadas seguiron os nomes rexistrados en Galicia, cambios que por si mesmos amosan mudanzas culturais, dende a progresiva desaparición dos nomes tradicionais ata a popularización de antropónimos máis curso ou a aparición de nomes novos que dan conta da chegada a Galicia de milleiros de persoas procedentes doutros países.

Xa non hai maricarmenes nin josemanueles

Nos anos 50, 60 e 70 o máis normal era que os nomes fosen compostos. Iso si, con opcións moi limitadas. Xa nos 80 ningún dos nomes compostos aparecía xa entre os máis comúns. Iso si, os nomes preferidos eran claramente máis longos que na actualidade

Pois non, xa non hai nenas chamadas María Carmen nin José Manuel. Onde vai. Entre 2010 e 2024 apenas aparecen rexistradas unhas 26 María Carmen e uns 132 José Manuel, pero durante moitas décadas foron os nomes máis habituais. De feito, entre 1950 e 1980 María Carmen foi o nome de nena máis común, con ampla diferenza sobre os demais (Carmen, María José, María Dolores, María Pilar, Josefa...), opcións que rapidamente foron baixando na lista dos máis frecuentes.

O mesmo pasou no caso dos homes. Nas décadas dos 50 e 60, os nomes máis frecuentes eran Manuel, José, José Manuel, Antonio, José Antonio ou José Luís. Todos eles foron perdendo popularidade nas décadas seguintes (dende o 2010 atopamos apenas 64 nenos chamados José Antonio). 

Todos, agás Manuel, un dos escasos exemplos de nome de nenos que invariablemente se mantén entre os máis usados dende hai 75 anos, nos que nunca deixou de estar entre os dez primeiros. Mesmo entre o 2020 e o 2024, cando ocupa a sétima posición. Algo semellante pasa con María, sempre entre os dez nomes máis comúns, agás na década actual, na que caeu ata o 28º posto.

Nomes máis curtos e sen nomes compostos

Comeza a ser habitual, ademais, que xa no rexistro moitos nenos e nenas aparezan con variantes familiares (hipocorísticos) que son versións acurtadas de nomes que antes eran máis comúns. Na actualidade, por exemplo, hai máis nenas chamadas legalmente Lola que Dolores

Outra das cousas que foi cambiando foi o tipo de nome escollido. Nos anos 50, 60 e 70 o máis normal era que os nomes fosen compostos. Iso si, con opcións moi limitadas: combinacións con José, Juan, Jesús, Antonio, Manuel, Luís, María no caso dos homes. E de María, Ana, Carmen ou Josefa no caso das mulleres. A situación comezou a cambiar nos anos 70 e xa nos 80 ningún dos nomes compostos aparecía xa entre os máis comúns.

Iso si, os nomes preferidos eran claramente máis longos que na actualidade. Nos anos 80 os corenta nomes máis frecuentes de neno e nena tiñan, de media, algo máis de seis letras cada un. Eran os tempos de Alejandro, Cristina, Patricia, Alberto, Roberto, Verónica, David ou Marcos, nomes que seguramente hoxe son considerados longos. Entre os nomes máis comúns dende o 2020 a media non chega a cinco letras por nome, con moitas opcións moi populares de tres (Leo, Mía, Roi, Noa...) e de catro letras (Hugo, Enzo, Gael, Lara, Luca, Xoel, Vega, Vera, Álex...).

Comeza a ser habitual, ademais, que xa no rexistro moitos nenos e nenas aparezan con variantes familiares (hipocorísticos) que son versións acurtadas de nomes que antes eran máis comúns. Na actualidade, por exemplo, hai máis nenas chamadas legalmente Lola que Dolores, máis nenos Marco que Marcos, máis Álex que Alejandro/Alexandre, máis Tiago/Tiago que Santiago, máis Xela que Ánxela e máis Xavi/Xabi que Xavier/Xabier. Pódense comparar nas gráficas.

Máis nomes cunha forma diferencial con respecto ao castelán

Nos anos 80 comezan a popularizarse as formas diferenciais con respecto ao castelán e tamén os nomes exclusivamente galegos, ocupando en todo caso posicións moi secundarias na lista dos nomes máis frecuentes

Cantos nenos e nenas levan nomes galegos? Eis unha pregunta complexa, que debe comezar por outra pregunta: que é o que son nomes galegos? Son só aqueles que só existen en Galicia ou que cunha forma diferencial con respecto ao castelán, como Uxía ou Brais? Pero é que María ou Bruno non son tamén nomes galegos? Por que deberíamos consideralos máis casteláns que galegos? [Aldán, Sarela, Catuxa... pero tamén María e Manuel: a RAG pon en liña a guía dos máis de 1.500 nomes galegos]

Máis aló deste debate, a base de datos do INE amosa a evolución seguida por estas formas diferenciais e tamén dos antropónimos exclusivamente galega. Nos anos 50 e 60 nos que estas formas non aparecían ou case non o facían (en vinte anos atopamos uns corenta Anxos e unha vintena de Xurxos, Xabieres e Xoáns). Nos 70 o seu número medra un chisco, pero foi nos anos 80 cando se popularizan os Brais (464 nenos), as Sabelas (407), os Alexandres (312), os Rois (308) ou os Anxos (213), ocupando en todo caso posicións moi secundarias na lista dos nomes máis frecuentes.

Ata chegar aos últimos 15 anos, un tempo no que Uxía, Brais, Anxo, Xoel, Antón ou Roi comezan a aparecer entre os vinte máis comúns do seu sexo

Nas décadas seguintes, malia non aparecer nunca entre os nomes máis comúns, cada vez son máis populares nomes como Uxía, Brais, Anxo, Xoel, Antón ou Roi. Ata chegar aos últimos 15 anos, un tempo no que estes nomes aparecen entre os vinte máis comúns do seu sexo. Ao tempo, foron popularizándose outros, como Xiana, Mariña, Lúa, Xulia, Xela, Aine, Erea ou Mencía, no caso das nenas. E, no caso dos nenos, coma Artai, Lois, Xian, Martiño ou Breixo. Nas gráficas hai máis exemplos e pódese ver a frecuencia relativa de cada un.

Os nomes diferenciais están de moda. Tamén comezamos a ver exemplos de nomes que fan referencia elementos da xeografía local (Aldán, Eume, Ézaro, Antela, Dubra, Cíes, Aloia, Navia...).

 

Novos nomes: reflexo das modas e dunha sociedade galega máis diversa

Tamén comezamos a ver exemplos de nomes que fan referencia elementos da xeografía local (Aldán, Eume, Ézaro, Antela, Dubra, Cíes, Aloia, Navia...)

Sempre houbo modas. Algunhas permaneceron e outras foron efémeras. Tamén sucederá coas actuais. O que tamén é certo é que o catálogo de nomes máis frecuentes na Galicia da terceira década do século XXI fálanos dun país en transformación. Hai vinte ou trinta anos tería sido impensable que nomes como Luca, Enzo, Thiago, Liam, Dylan, Ian, Neizan, Erik, Noah, Eiden, Adam, Adai ou Axel estivesen entre os cen máis comúns para os nenos. E o mesmo podemos dicir para as nenas, no caso de Briana, Amira, Yanira, Keyla, Antonella, Daniella, Dayana ou Emily. Os nomes van cos tempos e o tempo deixa a súa pegada neles.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.