De María e Pablo a Sofía e Mateo: así mudaron en 20 anos os nomes máis comúns en Galicia

CC-BY-SA Xunta

No ano 2021 naceron en Galicia 276 nenos chamados 'Mateo', 261 'Martín' e 198 'Hugo'. De igual xeito, houbo 170 nenas que recibiron o nome de 'Sofía', 162 chamadas 'Noa' e 140 'Martina'. Son os nomes máis frecuentes na actualidade, unha lista na que tamén atopamos nas primeiras posicións a 'Leo', 'Lucas' ou 'Enzo' e a 'Lara', 'Valeria' ou 'Daniela'. E entre os 50 antropónimos máis empregados en Galicia aparecen algúns que ata hai pouco eran pouco habituais, como 'Vega', 'Izan', 'Luca', 'Thiago' ou 'Gael'.

No ano 2000 María e Pablo eran aínda os nomes máis frecuentes para os novos galegos e galegas

Os nomes escollidos para os bebés van mudando e fano moi rapidamente, de xeito que a lista dos máis comúns de hai 10 ou 20 anos pouco ten que ver co actual. No ano 2000 María e Pablo eran aínda os nomes máis frecuentes para os novos galegos e galegas, como se pode ver nos seguintes gráficos interactivos. Aquel ano inscribíronse no rexistro 467 nenas chamadas 'María' e 416 nenos chamados 'Pablo', pero a súa popularidade foi descendendo rapidamente e o pasado ano as novas Marías foron unicamente medio cento e este antropónimo atópase entre as últimas posicións da lista dos 50 máis usados.

Nese ano 2000 tamén aparecían entre os primeiros postos Andrea, Adrián, Laura, Paula, David, Alba, Alejandro e Daniel, hoxe moi relegados.

Hoxe dominan os Mateo, Martín, Hugo, Sofía, Noa ou Martina

Nos últimos 22 anos pasaron por esta lista dos 50 nomes máis frecuentes, publicada anualmente polo Instituto Galego de Estatística, un total de 188 nomes de neno e de nena, unha ampla variedade na que co tempo foron desparecendo as denominacións compostas (cada vez menos habituais) e na que a tendencia é que cada vez primen máis os nomes curtos, de 3, 4 ou 5 letras.

Un total de 188 nomes de neno e de nena, unha ampla variedade na que co tempo foron desparecendo as denominacións compostas (cada vez menos habituais) e na que a tendencia é que cada vez primen máis os nomes curtos, de 3, 4 ou 5 letras

Na lista aparecen cada vez máis nomes procedentes doutras linguas e culturas (Dylan, Chloe, Liam, Sheila...), aínda que a súa popularidade foi efémera nos máis dos casos. Tamén vemos o rexurdimento (ás veces intermitente) de nomes que contan cunha forma diferencial con respecto ao castelán ou que proceden dunha tradición exclusivamente galega. É o caso de Roi, Xoel, Uxía, Brais, Xiana, Xián ou Anxo, e tamén de Breogán ou Artai (ambos os dous entre os 50 máis comúns nos dous últimos anos).

Con todo, hai que lembrar que tan galego é Uxía como María, aínda que este último non teña unha forma diferenciada do castelán. Ou, dito doutro xeito, María é un nome tan galego coma castelán, o mesmo que Mateo ou Sofía.

Houbo tamén nomes que chegaron a ser realmente populares nun momento dado, pero que acabaron por perder esa fama. É o caso de Iker

Este verán a Real Academia Galega publicou na súa web a Guía de nomes galegos, un recurso en liña que recolle a forma estándar de máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media. Trátase dunha guía que busca "dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais" a través dunha ferramenta que permitirá tamén "galeguizalos ou escoller nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”.

Neste 2021 entraron por primeira vez na lista dos 50 nomes máis frecuentes en Galicia Abril, Gala, Maia e Xabi (non Xabier)

En xeral, os nomes tradicionais foron perdendo forza. Hoxe son poucos os Fernando, Francisco, Jesús e Antonio, que no 2000 aínda aparecían entre os 50 máis frecuentes. O mesmo sucedeu con Patricia, Belén, Silvia ou Eva.

Nestas últimas dúas décadas houbo tamén nomes que chegaron a ser realmente populares nun momento dado, aparecendo durante varios anos mesmo entre os dez máis usados, pero que acabaron por perder esa fama. É o caso de Iker, Samuel, Nerea ou Aroa.

A popularidade dos nomes está en constante evolución e cambio. Que atoparemos dentro de dez anos? Unha posible pista: neste 2021 entraron por primeira vez na lista dos 50 nomes máis frecuentes en Galicia Abril, Gala, Maia e Xabi (non Xabier). Moda pasaxeira ou tendecia de futuro? Verémolo nun tempo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.