Aldán, Sarela, Catuxa... pero tamén María e Manuel: a RAG pon en liña a guía dos máis de 1.500 nomes galegos

A 'Guía de nomes galegos', nun teléfono móbil © RAG

A Real Academia Galega (RAG) vén de activar na súa páxina web a Guía de nomes galegos, un recurso en liña que recolle a forma estándar de máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega, moitos deles dende a Idade Media. 

A 'Guía de nomes galegos' recolle en liña a forma estándar de máis de 1.500 antropónimos que forman parte da tradición galega

Con este recurso, cada entrada explica a orixe e o significado do antropónimo, achega a historia ou as lendas dos personaxes que primeiro o levaron ou que o fixeron popular e recompila as correspondencias con outras linguas, entre outra información, ademais de poder acceder a unha listaxe de nomes femininos e outra de masculinos descargables.

Elaborada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega coordinado por Ana Boullón Agrelo, a guía ten a "finalidade principal de dar a coñecer á comunidade galega as formas estándares dos nomes persoais" a través dunha ferramenta que permitirá tamén "galeguizalos ou escoller nomes ben xeitosos para as fillas ou fillos”, segundo explica a académica de número.

Presentación da 'Guía de nomes galegos', na RAG © RAG

A guía pretende ser "orientación para pais e nais que queiran dar aos fillos nomes propios da nosa cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica"

Ana Boullón, o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, e o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, presentaron este luns un recurso co que a RAG di "culminar un proceso que responde a unha demanda que dende hai tempo viñan facendo" os seus usuarios. "Unha guía de nomes actualizada, documentada, que serve de orientación para pais e nais que queren para os seus fillos e fillas nomes propios da nosa cultura, da nosa tradición e da nosa memoria histórica. Un servizo máis da RAG á sociedade galega”, destacou o presidente. 

O seguinte paso, segundo anunciou a RAG, será unha guía de apelidos na que traballa desde hai tempo o Seminario de Onomástica, "ao igual que traballa na actualización permanente do Nomenclátor”.

Como se explicou na rolda de prensa, o repertorio antroponímico do galego, como acontece en todas as linguas, foise compoñendo ao longo do tempo con elementos culturais de moi diverso signo. “A relixión, a literatura, a política ou préstamos doutras linguas son parte deles. No caso dos nomes galegos, a partir do século XVI non se pode obviar o proceso de substitución polos seus correspondentes casteláns nos textos escritos, pero cómpre ter en conta que moitos seguiron a existir ata a actualidade fóra dos rexistros oficiais mais con moita vitalidade oral”, apunta Ana Boullón.

Nomes silenciados

Como exemplos, os dos nomes silenciados nos documentos escritos pero que nalgúns casos seguiron a empregarse como nomes de casas (casa de Lourenzo) ou mantivéronse como apelidos, continuando co antigo uso patronímico (Lois) ou como haxiotopónimos, é dicir, nomes de lugar baseados en nomes de santos (Uxía, Tomé). Outro grupo conservouse nos refráns, a partir das calidades atribuídas ao santo portador (Brais). 

O elenco recólleos xunto a nomes galegos que non teñen unha forma diferencial con respecto ao castelán ou outras linguas da Península Ibérica, como María (nome feminino máis frecuente dende que se conservan rexistros escritos) ou Manuel. "Todos eles son antropónimos con presenza significativa en Galicia –en calquera momento dende a Idade Media–, un dos criterios que se tivo en conta para a confección da guía", explica a Academia.

Mapa da distribución municipal dun nome na 'Guía de nomes galegos' © RAG

A RAG destaca tamén como o repertorio tamén inclúe, xunto ás formas tradicionais, "moitos nomes novos que irromperon nos rexistros dende a eliminación legal da prohibición de escoller antropónimos galegos para as nenas e os nenos (1977)". É o caso de numerosos nomes de lugar (Ézaro, Deva, Aldán, Xalo, Sarela, Eume...) ou formas do léxico común (Area, Eira, Dorna), que ata daquela non foran empregados para nomear persoas.

Outra fonte importante, engade a RAG, foron as variantes familiares (hipocorísticos) que "apareceron nas últimas décadas nos rexistros" (Catuxa, Maruxa, Xandre, Xela). 

O Seminario de Onomástica tamén considerou os nomes que, procedentes doutras linguas, se acomodan ás características do galego (Xeila ou Aixa). "O repertorio é, en calquera caso, un elenco aberto, porque a creatividade segue a mostrarse en novos nomes que van aparecendo nos rexistros oficiais", di a RAG, que conta tamén coa "participación da cidadanía para suxerir novas incorporacións, emendar deficiencias e incrementar a información das entradas".

Entre o máis destacable da guía está o feito de que cada entrada ofreza información etimolóxica, as equivalencias noutras linguas, variantes e hipocorísticos, un mapa da distribución municipal proporcionado polo Instituto Galego de Estatística e un apartado de motivación que procura satisfacer a curiosidade sobre a historia ou a lenda de personaxes que se chamaron así.

Cada entrada explica a orixe e significado do nome e a historia ou lendas dos que o levaron e recompila as correspondencias con outras linguas

“Consideramos que esta guía tamén debe contribuír a un maior coñecemento da historia de Galicia, a medieval en particular, tan esquecida, agochada e mesmo negada, pois poucas veces aparece na historiografía oficial peninsular -española ou portuguesa- coa importancia que tivo o reino medieval de Galicia”, sinala o equipo na presentación da obra. E canda reis e raíñas como Afonso e Orraca, tamén abondan as referencias a persoeiros da cultura galega e universal (Rosalía, Begoña Caamaño, Xela Arias, Celso Emilio Ferreiro, Gabriela Mistral ou Óscar Wilde) e mais a autores que falaron de Galicia nas súas obras, como Isidoro de Sevilla ou Gregorio de Tours.

A 'Guía de nomes galegos', nun teléfono móbil © RAG

A comisión académica do Seminario de Onomástica encargada da redacción e actualización da Guía de nomes galegos está formada por Xesús Ferro Ruibal, Xosé María Lema, Gonzalo Navaza, Luz Méndez, Xosé Antón Palacio, Ramón Lorenzo, Vicente Feijoo e Ana Boullón e Antón Santamarina. A obra contou ademais contribución de María Teresa Amado na revisión das etimoloxías dos nomes de orixe grega e de Patxi Salaberri para os nomes de orixe éuscara. A edición correu a cargo de Nélida Cosme, que tamén traballou na revisión textual xunto a Carme Cambre e Adrián Estévez.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.