Co Mapa sociolingüístico escolar de Ames, a Real Academia Galega (RAG), xunto co Concello, levaron a cabo un proxecto que analizou a situación do galego desde as escolas infantís ata o Bacharelato. O estudo advertiu do "efecto desgaleguizador" do sistema educativo desde os seus inicios e de "cifras extremadamente preocupantes". Por exemplo, o que indica que en secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.
A diversidade territorial do concello amesán foi o que levou á RAG a analizar uns resultados que podían "ser extrapolados ao resto do periurbano e mesmo a todo o territorio galego", como destacaba Henrique Monteagudo, vicesecretario da Academia e coordinador do Seminario de Sociolingüística, que recoñeceu que o impacto que causou o estudo nesta localidade abriulles "moito os ollos" na institución, ata o punto de asumir a necesidade de ir mudando a estratexia, fóra e dentro das aulas.
Tamén froito daquel estudo en Ames, a RAG presentou este pasado luns Ideas para un plurilingüismo dende o galego no Concello de Ames, unha guía para a reflexión sobre a situación sociolingüística e que propón novas estratexias de cara á planificación nos centros educativos.
A guía da RAG ofrece ao profesorado "formación e recursos sobre o plurilingüismo" e contrarresta a "visión moi instrumental" que ten no Decreto 79/2010
A guía parte da premisa do ecolingüismo como “unha aposta ética e unha opción viable” e avoga por construír a partir do galego un "plurilingüismo inclusivo", que "non se limite a unha visión instrumental centrada exclusivamente na competencia en varios idiomas", senón que sirva tamén para "reforzar o respecto pola diversidade cultural".
A publicación, que dá continuidade á colaboración entre a RAG e o Concello de Ames, nace da necesidade contribuír a paliar unha eiva e "fornecer o profesorado de formación e recursos sobre o plurilingüismo". Así, tal e como destaca Monteagudo, o plurilingüismo foi abordado no polémico Decreto 79/2010 -impulsado por Núñez Feijóo así que chegou á presidencia da Xunta- "dende unha visión moi instrumental". "Pero cómpre ir máis alá da mera aprendizaxe das linguas, e do inglés en particular, e ter en conta o diálogo intercultural”, destaca.
Bieito Silva e María López Sández, autores da guía, destacaron na presentación os riscos que ten unha implantación acrítica de modelos educativos multilingües “sobre os procesos pedagóxicos, as prácticas dos falantes ou a situación social das linguas minoradas”. Ademais, advertiron tamén doutros elementos que cómpre ter en conta en contextos coma o de Ames onde, xunto aos cambios sociais derivados da irrupción das novas tecnoloxías, se experimenta un crecente impacto da inmigración que debe abordarse cunha proposta respectuosa cos galegofalantes e, ao mesmo tempo, “acolledora para a nova veciñanza e útil para o futuro do alumnado”.
A guía aposta por un "plurilingüismo inclusivo e potenciador da diversidade" pero que se "constrúa a partir do galego" para asegurar o seu futuro
“Nun contexto de globalidade, comunicación e intercambio coma o actual, a escola galega precisa atopar un xeito de garantir ás novas xeracións as competencias necesarias no presente pero asegurando na mesma medida o futuro da lingua galega”, expón a guía, que conclúe que en Galicia un “plurilingüismo socialmente inclusivo, respectuoso e potenciador da diversidade, que garanta a competencia en varios idiomas e que se comprometa co futuro da lingua galega debe construírse a partir do galego”.
Así, os autores insisten en que o concepto do plurilingüismo "implica sumar e non restar" e formulan a necesidade de estender o ecolingüismo, baseado na idea de que, como na natureza, a diversidade lingüística é un valor e unha calidade do progreso e da responsabilidade cívica. “Un individuo so é verdadeiramente plurilingüe se sabe ser e comportarse de acordo cunha filosofía de respecto e valoración da diversidade lingüística", din.
A publicación da RAG propón "unha axeitada avaliación" das consecuencias do decreto do plurilingüismo sobre o equilibrio e a percepción das linguas
A guía fai varias propostas para o ámbito educativo máis de dez anos despois da aprobación do decreto do plurilingüismo, como realizar "unha axeitada avaliación" das consecuencias sobre o equilibrio e a percepción das linguas, especialmente sobre a propia.
Ademais, apostan pola necesidade de "implicar o conxunto do profesorado na tarefa colectiva de promover unha actitude respectuosa cara a todas as linguas". Entre as propostas, poñer en marcha proxectos interlingüísticos e potenciar a diversidade lingüística no ámbito escolar alén das aulas.
“Que, por pórmos un exemplo, o profesorado de castelán, ou de lingua estranxeiras ou de materias que, por calquera motivo, non se impartan na lingua propia, interactúe co alumnado en galego nos momentos nos que non está a dar aulas pode contribuír enormemente a racharmos con prexuízos lingüísticos e a construírmonos unha percepción acorde coas directrices europeas e cos principios de ecoloxía lingüística que, a día de hoxe, asumimos como un valor e que, en Galicia, pasan por preservarmos e defendermos a lingua propia”, apúntase.
"Unha actuación global"
Na presentación da guía, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, asegurou que na Academia cada vez son máis conscientes "de que a transmisión xeracional do idioma require non só incidir no papel das familias e dos primeiros niveis do sistema educativo, senón tamén da implicación de todas as institucións civís, artellando unha actuación global que atinxa o mundo do lecer, das novas tecnoloxía, do consumo en xeral, etc.".
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, pola súa banda, destaca “a importancia de actualizar e formular os contidos dun concepto tan amplo como é o plurilingüismo e de dar coas fórmulas axeitadas para que a lingua galega teña o seu espazo e mesmo se vexa enriquecida dentro dun sistema de coñecemento de linguas que cada vez será máis amplo”.